Xa queda menos para que arranque o Galicia Innovation Days, un evento internacional organizado por Fundación Empresa-Universidade Galega (Feuga) que ten por obxectivo dar a coñecer os diferentes plans de financiamento europeo para investigadores. Esta será a súa primeira edición, tal e como indica a súa responsable, Tamara Rodríguez, tamén xestora de proxectos europeos e de comunicación. “Estamos moi ilusionados”, declara. O reloxo comeza a restar minutos para que dea comezo este luns, 25 de outubro.
—Como naceu o Galicia Innovation Days?
—É unha aposta decidida de Feuga por darlle impulso aos proxectos de investigación e innovación e á transferencia de coñecemento entre universidade-empresa. Dende Feuga levamos un montón de proxectos europeos e axudamos aos grupos de investigación a mostrar as súas capacidades a nivel europeo. Pensamos: quen mellor ca nós para crear este evento? Nel mostraremos a nova convocatoria do programa Horizon Europe, que está agora en marcha, e explicaremos todas as novas liñas e convocatorias que van aparecer.
—Cales serán as liñas mestras do evento?
—Articúlase en diferentes liñas do 25 ao 29 de novembro. É gratuíto e tamén apostamos polo online, ao tratarse dun evento internacional. Así pódese subscribir e participar todo aquel ao que lle interese: dende investigadores ata empresas e estudantes. É dicir, os grupos que buscan financiamento. Tamén trataremos diferentes temas: saúde, cultura e creatividade, sociedade inclusiva, transformación dixital, clima, mobilidade, agro-alimentación… Todas as áreas baixo as que se organizan as convocatorias.
“Apostamos polo formato online por tratarse dun evento internacional”
—Como se organiza a axenda?
—Cada día ten unha temática e teremos un speaker que vén da Comisión Europea. Explicará cal é a intención da institución con este programa e que aspectos se queren reforzar na investigación. A continuación temos os puntos nacionais de contacto, que son persoas que dende o CDTI asesoran se un proxecto ten cabida ou non nas diferentes convocatorias. Dentro do evento tamén creamos o formato de “ideas inspiradoras”. É dicir, proxectos que xa están en marcha. Así dámoslle un exemplo real aos participantes. Despois disto temos mesas redondas onde debatemos sobre as diferentes temáticas e con diferentes investigadores, grupos, proxectos…
Pola tarde temos diferentes workshops: actividades paralelas de proxectos que xestionamos nós en Feuga. O primeiro día explicarannos as diferenzas que hai no apartado de comunciación e explotación de resultados no novo programa. Temos outro no que se dará visibilidade aos diferentes interregs. Polas tardes tamén hai a posibilidade de que os participantes poidan realizar reunións entre eles. Unha vez que te rexistras no evento podes solicitar un encontro con quen queiras. De feito, o rexistro está aínda aberto durante o evento.
—Con cantos participantes conta xa o evento?
—Xa temos preto de 500 participantes de 40 países diferentes. Penso que é un evento moi interesante para todos os investigadores, empresas e centros tecnolóxicos de cara a xerar contactos para novos proxectos, ter coñecemento sobre as novas liñas das convocatorias de Horizon Europe e para ser Galicia un referente en Europa en canto a transferencia de coñecemento. Queremos que os participantes encontren aos socios ideais para poder xerar proxectos na Unión Europea.
“Queremos que os participantes encontren os socios ideais”
—Quen serán os relatores máis destacados?
—Os máis destacados son os que veñen dende a Comisión Europea. Cada un está dentro dun día e relacionado coa súa temática. Temos a Francisco de la Torre, como DG Research and Innovation da Comisión. A Gerd Schönwälder, policy officer de Transición Social e Ecolóxica. Tamén a Garbiñe Guiu Etxeberria, DG Research & Innovation de Transformacións Industriais e a Inge Van Oost, policy officer de Agricultura e Desenvolvemento Rural. Van dar unha visión xeral de cal é a intención da Comisión con este novo programa e as diferentes ideas que, segundo eles, poden ser proxectos de interese.
—As perspectivas son boas. Xa pensan nunha segunda edición?
—Temos que ver. Non só é o número de participantes, tamén como foi o evento e as enquisas de satisfacción dos asistentes. É dicir, escoitar un pouco para ver que nos piden, que queren e sobre todo se ven interesante que celebremos outro evento máis adiante cando haxa novidades nas convocatorias. Esperamos que este sexa o inicio dunha nova apertura.
“Esperamos que o Galicia Innovation Days sexa o inicio dunha apertura a novos eventos”
—Cales son os outros proxectos nos que está a traballar Feuga?
—Nós temos un convenio coa Consellería de Educación no que o noso labor é precisamente o de promover os grupos de investigación para amosar as súas capacidades en Europa, para que participen nestes proxectos europeos. Levamos máis de 10 anos traballando nisto. Neste momento temos 18 iniciativas en marcha nas que participamos. É un traballo que se está vendo incrementado. Estamos medrando e tendo máis proxectos e máis visibilidade en Europa. De feito, temos unha oficina en Bruxelas: un delegado que nos axuda a incrementar este posicionamento e a relacionarnos coas institucións europeas alí na base.
—A pandemia mostrou que a investigación e a innovación son máis importantes ca nunca. Motivou a crise sanitaria a aposta polo formato en liña?
—O noso traballo xa era moi en liña antes da pandemia porque nós estamos todos os días reunidos con investigadores de diferentes países. Entón si que tiñamos moitas viaxes que se están volvendo a recuperar, pero o noso traballo non parou para nada. Para o Galicia Innovation Days pensamos ao principio nun híbrido, pero logo apostamos polo formato en liña para que puidera apuntarse todo o mundo.
Para obter máis información podes premer na seguinte ligazón.