A aprobación a semana pasada polo Consello da Xunta dun novo acordo marco permitirá seleccionar a provedores de tecnoloxías disruptivas aos departamentos da Administración Xeral galega e as entidades públicas que o soliciten. O importe global estimado por este novo acordo ascende a 30 millóns de euros, que se suman aos 118 millóns aos que se elevan os acordos relacionados coa transformación dixital que xa se puxeron en marcha ao longo deste ano.
O acordo marco permitirá á administración afrontar os retos identificados nos 7 eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030 e suporá o desenvolvemento do eixo transversal, que promove a especialización tecnolóxica de Galicia e o reforzo das capacidades e infraestruturas dixitais en tecnoloxías como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a intelixencia do dato ou o 5G. O acordo forma parte do programa GobTech, que impulsa o uso de tecnoloxías avanzadas por parte do sector público.
Cada un dos contratos terá un valor mínimo de 1 millón de euros e contará cunha fase de proba e demostración e outra de implantación, unha vez demostrada a súa viabilidade. A fase de proba de concepto, ou piloto incluirá o servizo de desenvolvemento e demostración no que se involucre dunha forma limitada ás potenciais persoas usuarias co obxecto de valorar a súa viabilidade nunha contorna real pero acoutada, e determinarase se pode ser convinte pasalo á fase definitiva.
Unha vez demostrada a viabilidade da proba de concepto ou proxecto piloto evolucionarase o servizo cara á súa implantación definitiva, se se axusta aos criterios de pase a esta fase establecidos anteriormente no contrato derivado, o que implica o despregamento da solución a escala global para a prestación do servizo na contorna real.
Os retos aos que deberán dar resposta os contratos amparados neste acordo marco serán identificados e concretados pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e deberán axustarse a algún dos ámbitos que definen os sete eixos da Estratexia Galicia Dixital 2030: Goberno e Administración Intelixentes; Sociedade Dixital e Inclusiva, Contorna Dixital para a Saúde e o Benestar Social; Territorio Intelixente, Verde e Resiliente; Conectividade Dixital do Territorio: Cultura e Turismo Intelixentes ou Economía Dixital e Sustentable.
Acordos para a transformación dixital
Poderán formar parte deste acordo marco un máximo de 10 empresas ou consorcios de empresas, que serán as que obteñan as maiores puntuacións no procedemento de adxudicación. Estas empresas presentarán as propostas para a realización dos contratos baseados, que terán unha duración máxima de tres anos sen posibilidade de prórroga.
Amtega encargarase da xestión dos procedementos de contratación en nome de todas aquelas consellerías e entidades do sector público autonómico que participen no desenvolvemento da Estratexia Galicia Dixital 2030 e no acordo marco.
Os contratos poderán ser financiados conxuntamente pola Amtega e os departamentos ou entidades que participen na iniciativa, ou ser financiados na súa totalidade por ditos departamentos ou entidades.
Ao longo de 2021, a Xunta de Galicia convocou 10 acordos marco relacionados co proceso de transformación dixital. Este instrumento de contratación foi adoptado para contratos relacionados con equipamentos, infraestruturas, plataformas ou ciberseguridade, entre outros. E está previsto para outros aspectos, como a automatización da administración ou os servizos cloud. Os acordos marco son un dos instrumentos impulsados pola Xunta de Galicia para axilizar a contratación pública para a exección dos fondos dos plans de recuperación e resiliencia.