Publicidade
Domingo 25 Maio 2025
Publicidade

Máis de 50 sismos en Ourense na semana máis intensa dos últimos 30 anos

Os concellos de Laza, Vilar de Barrio e Sarreaus están a rexistrar na última semana un dos maiores enxames sísmicos dos últimos anos en Galicia. Desde o pasado día 13 de maio, máis de medio cento de tremores, catro deles por riba de magnitude 3, están a rexistrarse nunha superficie de poucos quilómetros cadrados. Estes foron os únicos sentidos pola poboación, segundo as notificacións que recibiu o Instituto Geográfico Nacional (IGN); segundo a escala de intensidade, que mide os efectos en persoas, obxectos ou construcións, catalogouse no nivel III, que se corresponde con lixeiras oscilacións en obxectos pendurados e a sensación dun lixeiro tremor ou estrondo nas persoas en repouso, pero sen provocar ningún tipo de dano.

A área do Macizo Central e o val do Támega, onde se concentran os sismos dos últimos días, rexistrou máis dun centro de tremores nos últimos decenios, aínda que en poucos casos acadaron a intensidade dos últimos días. Hai que remontarse ata agosto de 1989 e novembro de 1995 para atopar dous tremores de magnitude 3,8 e 3,5 en Sarreaus, moi preto de onde estes días se produce o enxame sísmico. E son, de feito, os maiores sismos das últimas dúas semanas na Península Ibérica, cunha magnitude maior á dos movementos en zonas con maior actividade como Andalucía ou os Pireneos. Aquí podes ver os sismos desde o ano 1967, segundo os datos do IGN.

Publicidade

Na provincia de Ourense, o maior tremor dos últimos anos (magnitude 3,5) produciuse en setembro de 2019 en Carballeda de Valdeorras, nos días nos que un enxame sísmico deixou máis dunha trintena de movementos en concellos como Celanova ou Cartelle, e que acadou 3,4 de magnitude, a mesma cá rexistrada en Laza o pasado venres 14 e sábado 15.

Posibles causas

Como explican os expertos en sismoloxía, é imposible predicir estes movementos, aínda que si se coñecen as zonas de maior actividade por mor da presenza de fallas activas ou os rexistros históricos. Pola área do Macizo Central, segundo teñen explicado xeólogos como Juan Ramón Vidal Romaní, transita a foxa tectónica que vén desde a Cordilleira Cantábrica, denominada como Depresión de Ourense. E, segundo algunhas investigacións, na zona existen pequenas fallas activas.

Publicidade

Falla activa (liña vermella discontinua) na zona onde se producen os sismos nos últimos días. Fonte: Juan Ramón Vidal Romaní.
Falla activa (liña vermella discontinua) na zona onde se producen os sismos nos últimos días. Fonte: Juan Ramón Vidal Romaní.

Desde a Rede Sísmica Nacional, pola súa parte, non teñen constancia desta actividade. Na mañá deste mércores explicaban a GCiencia que “se ben todos os sismos de orixe natural se producen pola liberación de enerxía que se foi acumulando lentamente nas fallas, en zonas de baixa sismicidade, como é o caso de Laza, é moi frecuente que a actividade sísmica que se produza non estea asociada a ningunha falla activa identificada“. E engadían, ademais, que “é habitual que pequenas series sísmicas como a actual en Laza, terminen sen maiores consecuencias”.

Nestas zonas é habitual, por tanto, que se produzan os denominados enxames sísmicos asociados ao movemento continuo e habitual das placas tectónicas. Con todo, non cabería agardar tremores de moita maior magnitude na zona. Segundo explicaba en 2018 o experto do IGN Emilio Carreño, con motivo dun enxame na comarca de Pontevedra a sismicidade en Galicia “é debida a multitude de pequenas fallas que, debido á súa curta lonxitude de traza, en principio non teñen por que orixinar terremotos de grandes magnitudes”.

Precisamente esta semana cúmprense 24 anos do maior terremoto das últimas décadas en Galicia, que tivo o seu epicentro preto de Triacastela, en Lugo, e acadou a magnitude 5,1, sendo percibido na meirande parte de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Criaturas que habitan augas termais: da mitoloxía galega á vida extraterrestre

Galicia é a rexión con máis riqueza termal da península ibérica, e unha das maiores de Europa, con máis de 300 fontes quentes

Os sorrisos burlóns que buscan ser Festa de Interese Turístico Nacional

Boteiros, peliqueiros ou pantallas estiveron presentes na décima edición do Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask

A fascinante historia do brazalete milenario de Toén que se fundiu para financiar a Guerra Civil

Un estudo da UVigo reconstrúe a andaina dunha xoia prerromana dende que foi descuberta nunha finca particular en 1932 ata a súa desaparición

Tradición, comparsas e disfraces: así celebraba Galicia o Entroido no século pasado

O arquivo fotográfico das institucións galegas permite unha volta ao pasado para desfrutar destes históricos festexos