España dá a nacionalidade a catro deportistas por cada científico

Unha investigación da Fundación Civio analiza as nacionalizacións por decreto concedidas polos gobernos de España desde hai 25 anos

En 1994, o patólogo colombiano Manuel Patarroyo recibiu o Premio Príncipe de Asturias “pola importancia da súa achega científica na programación, desenvolvemento e experimentación dunha vacina sintética contra a malaria“. As investigacións que dirixiu abriron un prometedor camiño na loita contra unha doenza que hoxe segue causando serios problemas nas zonas tropicais do planeta. En agradecemento ás súas contribucións, o Consello de Ministros outorgoulle en 1996 a nacionalidade española por decreto. Como el, ata hoxe, outras 20 investigadoras e investigadores accederon á nacionalidade por esta vía; un camiño discrecional, sen criterios obxectivos.

Unha recente investigación da Fundación Civio analiza as nacionalizacións concedidas por esta vía nos últimos 25 anos. Foron, en total, 5.627 cartas de naturaleza as publicadas no Boletín Oficial do Estado neste tempo. A gran maioría (5.254), foron para descendentes de sefardíes, os xudeus expulsados de España polos Reis Católicos. Porén, entre o resto de persoas, 373 en total, Civio subliña a diferenza entre os diversos colectivos: por cada científico (21) recibiron a nacionalidade por decreto catro deportistas (92 en total).

Publicidade

Proporción da nacionalidade por decreto concedida por España nos últimos 25 anos. Fonte: Civio.
Proporción da nacionalidade por decreto concedida por España nos últimos 25 anos. Fonte: Civio.

O colectivo con maiores concesións de nacionalidade despois do deporte é a cultura, con 70 persoas, entre as que están Daniel Barenboim, Gustavo Dudamel ou Alejandro González Iñárritu. Tal e como explica Civio, poñendo por exemplo o cinema, “se un director é español, máis fácil que a película acabe tendo nacionalidade española e, por tanto, poida acceder ás axudas ao cine”. O mesmo pasa cos científicos; porén, a cantidade de nacionalizados é menor.

Detrás da cultura están políticos e diplomáticos (51), moitos deles exministros de países latinoamericanos e membros da oposición venezolana. As vítimas do terrorismo ou familiares, con normativa propia ao respecto, suman 38. Hai tamén 35 persoas vinculadas ao mundo da empresa, 32, ao Exército, e 6 persoas da nobreza. Na categoría de “Outros” aparecen 28 persoas que obtiveron a nacionalidade.

Publicidade

Trámites para a nacionalidade

Tal e como afonda a investigación de Civio, as persoas que non poden optar á nacionalidade “á carta” deben seguir os trámites ordinarios, un camiño moito máis lento, que depende de factores como “o país de orixe, o nivel económico e unha ‘boa conduta cívica e suficiente grao de integración’, tal e como o recolle o Ministerio de Xustiza”

Neste caso, o tempo de residencia continuada en España que se esixe a un estranxeiro para optar á nacionalidade é de dez anos, un prazo que se reduce a cinco anos no caso dos refuxiados e a dous para os inmigrantes nados en países iberoamericanos, Andorra, Filipinas e Guinea Ecuatorial. Para nacidos en España e casados cun cidadán español, o período de residencia mínimo é dun ano. A eses prazos hai que sumar o tempo que a administración tarde en resolver a súa solicitude, que adoita acumular atrasos.

Entre as persoas vinculadas ao mundo da ciencia ás que se lle deu a nacionalidade, figuran, ademais de Patarroyo, Olena Khomenko, do Instituto de Astrofísica de Canarias, o médico Abdelouahed Ismael Mestassi, os catro fillos do endocrinólogo Jorge Abraham Hazoury Bahles, o físico Tomasz Breczewski Filberek ou o catedrático da Universidad Politécnica de Valencia Igor Tkatchenko.

No eido do deporte, salientan nomes como o xogador da NBA Serge Ibaka ou Nikola Mirotic ou os xogadores de balonmán Laszló Nagy, Talant Dushebaiev e Arpad Sterbik.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

Dor, fatiga e medo: as barreiras que limitan a práctica deportiva en mulleres

A Universidade de Vigo elabora un cuestionario no que o 70% das participantes indicou sentir inseguridade para facer exercicio soa nalgúns espazos

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución