Por que devolvemos (ou non) unha carteira perdida?

Un estudo publicado en "Science" analiza as reaccións das persoas en 355 cidades e 40 países cando atopan unha carteira

Quen non viviu de preto unha situación semellante? Ben por un roubo, ben por despiste, perder a carteira é unha situación bastante cotiá que pode causar un gran disgusto. E tamén é unha mostra do civismo dos demais: porque hai quen a atopa e a devolve coa intención de que volva ao seu propietario, pero hai quen tamén tira de picaresca e queda con ela. Pero de que depende isto? Hai algún indicador que poida explicalo? Iso fixeron un equipo de investigadores suízos e estadounidenses, cun método moi peculiar:

Deixaron un total de 17.303 carteiras ‘perdidas’ en zonas públicas e privadas de 355 cidades e 40 países: a idea era saber como reaccionaría a xente ao atopar con elas. E os resultados foron canto menos curiosos: descubriron que, fronte á lóxica económica clásica, a xente devolvía en maior medida as carteiras que contiñan máis cartos na maioría dos países estudados.

Publicidade

“A honradez é importante para o desenvolvemento económico. Por exemplo, no que se refire a contratos e impostos e, en xeral, para o bo funcionamento das relacións sociais. Con todo, a miúdo entra en conflito cos intereses persoais”, explica Alain Cohn, da Escola de Información da Universidade de Michigan e primeiro autor do traballo.

Nalgunhas das carteiras ‘perdidas’ do experimento non había diñeiro e noutras as cantidades variaban entre o equivalente a 13,45 dólares e 94,15 dólares. Os investigadores esperaban que as non devoltas fosen as máis substanciosas, pero non sucedeu así.

Publicidade

O 51% dos que atoparon unha carteira con pouco diñeiro devolveuna, pero a porcentaxe subía ao 72% nos casos con maiores cantidades

“En 38 dos 40 países, os cidadáns foron moitísimo máis propensos a devolver a carteira con diñeiro que sen el”, destaca Cohn. En xeral, en todo o mundo, o 51% dos que atoparon un moedeiro coa menor cantidade de diñeiro devolveuna. E cando contiña unha gran suma, a taxa de retorno aumentaba ao 72%.

Porcentaxes de devolución das carteiras sen diñeiro (en laranxa) ou sen el (en vermello). Fonte: Science.
Porcentaxes de devolución das carteiras sen diñeiro (en laranxa) ou sen el (en vermello). Fonte: Science.

Os resultados dan unha medida dos índices xerais de honestidade cívica no mundo, ofrecen unha demostración de como a inclinación das persoas para mostrar preocupación polos demais pode ser maior que as súas preferencias por si mesmas, “aínda que esa non sexa toda a historia”.

Segundo comenta Michel André Maréchal, investigador do Departamento de Economía da Universidade de Zúric e outro dos autores, “a xente tamén devolveu os moedeiros con maior valor debido á preocupación pola autoimaxe. O rexeitamento para verse a un mesmo como un ladrón pode ser máis forte que as ganas de quedar o diñeiro”.

Este aspecto foi explorado en enquisas de seguimento deseñadas para entender mellor por que a honestidade é máis importante para a xente que o diñeiro. Ademais, varios experimentos adicionais que incluían, por exemplo, deixar unha chave no interior, incrementaron as devolucións.

Todo iso confirmou que aqueles que devolveron a carteira fixérono tanto por preocupación pola persoa que a perdeu como pola súa propia imaxe, conclúen os autores.

Referencia: Civic Honesty Around the Globe (Publicado en Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As larvas de mosquito lanzan as súas cabezas como arpóns para atrapar as súas presas

Un grupo de investigadores captura as primeiras imaxes de alta definición que demostran esta técnica depredadora

O 99% da poboación da Terra acaba de estar ao mesmo tempo á luz do Sol

Desde fai algo máis dunha semana, os días están a diminuír...

Formigas voadoras: a historia detrás do ‘ritual’ nupcial que xorde coas treboadas

Seguro que algunha vez o presenciaches: nos días cálidos e húmidos, con tormentas inminentes, xorden estes insectos con ás. Que hai detrás disto?

A impresora dos cartos fai ‘brrr’

Cantos euros existen? E quen o decide? Que ten que ver iso con blockchain?