Venres 6 Decembro 2024

Formigas voadoras: a historia detrás do ‘ritual’ nupcial que xorde coas treboadas

Seguro que algunha vez o presenciaches: nos días cálidos e húmidos, con tormentas inminentes, xorden estes insectos con ás. Que hai detrás disto?

É unha percepción na que moita xente coincide ou realmente hai unha explicación científica? O certo é que en días cálidos e húmidos (moitas veces coincidindo co atractivo olor do petricor), miles de formigas con ás esténdense polas rúas, os montes e mesmos as casas. Quen son, e por que o fan? É unha especie distinta á que adoitamos ver decote? Quixemos preguntarlle a Iago Sanmartín Villar, doutor en Bioloxía e investigador posdoutoral no grupo de Ecoloxía Evolutiva (ECOEVO Lab) da Universidade de Vigo.

Formigas e voos nupciais

Os formigueiros e, por extensión, os comportamentos sociais das formigas, agochan todo un mundo fascinante. Un labirinto de galerías, montículos e cámaras dan pé a unha organización xerárquica no que cada individuo cumpre co seu labor. “Como cada organismo, as formigas posúen un ciclo de vida dependente do seu ambiente”, explica Iago. E os roles están claramente atribuídos: “a meirande parte dos individuos que conforman un formigueiro (niño) son individuos sen capacidade reprodutiva (as obreiras e as soldado), sendo a reprodución dependente dun número de individuos (raíñas) relativamente baixo en comparación ca densidade do niño”, conta o biólogo da UVigo.

Publicidade

Nas formigas europeas, o ciclo adoita ser anual, aínda que poden darse dous, dependendo da especie. E en cada un deles, as raíñas producen individuos con capacidade reprodutiva. “Estes individuos, machos e femias, acadarán a fase adulta posuíndo ás, á diferencia do/as seus/súas conxéneres”, engade Sanmartín.

Pero por que non os vemos máis a miúdo? “Estes individuos agardarán no interior do niño até madurar e saír ao exterior”, di Iago. Pero teñen que darse unhas condicións acaídas: “a saída prodúcese baixo determinadas circunstancias, o cal garante a sincronía dos individuos pertencentes a diferentes niños, permitindo a súa reunión no denominado ‘voo nupcial’. Os individuos voarán e formarán un enxame temporal onde os machos fecundarán as femias”.

Publicidade

As formigas con ás saen ao exterior dos formigueiros para garantir o intercambio xenético entre poboacións

É un proceso con moito sentido, xa que posibilita o intercambio xenético entre poboacións. “Mediante este proceso, individuos de niños inimigos (competidores) mesturarán os seus xenes, evitando a endogamia que se produciría de térense reproducido no interior do niño (irmás e irmáns)”, conta Iago Sanmartín.

O encontro finaliza coa morte do macho, “mentres que as femias fecundadas descenderán ao solo e desprenderanse das súas ás, adquirindo a morfoloxía e a capacidade dunha nova raíña, do mesmo xeito que as súas nais”, engade o biólogo.

O ciclo das formigas e a influencia do tempo

Pero o ciclo vital non para, e todo volve comezar. E, como se pode constatar cada vez que presenciamos os movementos das formigas voadoras, o tempo atmosférico xoga un papel esencial. “O seguinte paso no ciclo destes individuos será o de atopar un lugar onde aniñar, escavar un formigueiro rudimentario e producir as primeiras obreiras, as cales serán as encargadas de relevar á súa nai na fundación do niño, deixando o rol reprodutivo para a nova raíña durante as decenas de anos que pode durar a súa vida”, continúa Iago Sanmartín.

As condicións meteorolóxicas inflúen moito nisto: “A sincronía do voo por parte de individuos pertencentes a diversos niños non conectados prodúcese pola dependencia meteorolóxica dos ‘voos nupciais'”, conta o biólogo. Así, a literatura dá conta de que “existe unha tendencia a que os voos nupciais se produzan no luscofusco de días soleados e húmidos, os cales adoitan corresponderse coa aparición de treboadas”. Este escenario garante, por tanto, o encontro sexual, con baixa intensidade de luz, calor e alta humidade. “Hai que salientar que as formigas son individuos subterráneos altamente dependentes da humidade”, apunta Sanmartín Villar.

O momento no que se producen estas situacións é clave para que proliferen ás formigas con ás. “De terse producido as precipitacións con anterioridade ao voo, as raíñas atoparían solos enchoupados fáciles de escavar, mentres que se a precipitación ocorre tras o voo, as chuvias poderían supoñer un risco para a supervivencia das novas raíñas”.

En relación a isto, o biólogo da UVigo incide en que “o voo nupcial debe producirse antes do inverno, onde a actividade das formigas diminúe até entrar nun estado semellante ao letargo, polo que a aparición de formigas con ás tenderase a producirse arredor de períodos treboentos estivais ou outonais (dependendo da especie)”.

Esta situación fixo -destaca Iago- que o humano, como “apaixoado interpretador da natureza, asociase a dependencia dos voos nupciais das condicións meteorolóxicas e estacionais citadas, forxando na cultura popular a predición de treboadas tras a aparición das formigas con ás, mesmo moitas veces afirmando que estas formigas forman parte de especies diferentes ás que non teñen ás e tamén forman os niños”.

Como curiosidade, o investigador da UVigo apunta a que “as formigas non son as únicas dependentes da proximidade de precipitacións”. Así, “en certas especies do xénero Bayadera, uns cabaliños do demo de distribución chinesa, a densidade de cópulas aumenta ante a inminencia de precipitacións, pois a auga abranda os substratos onde as femias depositan os seus ovos”.


Referencias:

1 comentario

  1. Na aldea de Florderrei (Vilardevós, Ourense), cara o final do verao, un grupo de mulleres quedaban para abrila capela de Nosa Señora de Portas Abertas, no alto dun coutiño, e limpar miles de formigas con ás mortas que cubrían o chao da igrexa.
    Non lembro a data exacta, meus avós concordaban en que era no tempo da semente dos nabos.
    E naqueles mesmos días, cara o solpor, podían verse nubes de formigas arredor da capela momentos antes de aterrar e… morrer. Ese momento vino persoalmente. O da limpeza perdínmo.
    Sempre me pareceu fascinante, porque aparte da realidade, que agora coñezo en detalle por este artigo, @s veciñ@s da aldea imaxinaban que esa “masacre”, ese “sacrificio”, era na honra da Nosa Señora de Portas Abertas, que alí veneran.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Obeliscos: o descoñecido microorganismo que acaban de atopar no corpo humano

A nova entidade biolóxica, que recibe o nome pola súa semellanza cos monumentos exipcios, pode ter un papel clave na regulación da dixestión e no funcionamento do sistema inmune

Sara Varela González: bióloga dende Brasil ata Galicia

Cunha traxectoria profesional en Europa e América, a investigadora destaca polos seus estudos no contexto da ecoloxía teórica, cun foco claro: por que as especies están onde están e son como son

Descuberta a función da cor abdominal dunha especie de cabaliños do demo en Meaño

EcoEvo analiza 27 machos de gaiteiro vermello procedentes do río da Chanca para dar explicación aos tonos rosados intensos dos seus ventres

Os salvadores de tartarugas das Rías Baixas: así se recuperan animais vulnerables en Galicia

Biólogos da Coordinadora para o Estudio dos Mamíferos Mariños explican como traballan no seu centro de recuperación de Nigrán