Unha enxeñeira galega estuda en California como mellorar a planta do tomate

María López de la Calle realiza unha estadía na Universidade de California en Davis no marco da súa tese de doutoramento

O tomate é unha das hortalizas máis importantes no sector alimentario mundial, polos seus niveis de produción e as súas cualidades nutritivas. No contexto do cambio climático, conflúen diversos factores que dificultan o desenvolvemento destas plantas, polo que a ciencia busca diversos camiños para adiantarse a posibles contratempos. Desde Galicia, algúns grupos de investigación afondan no tema.

Nun deles, desde a Escola Politécnica Superior de Lugo, a enxeñeira agrónoma María López de la Calle desenvolve a súa tese arredor de como se ve afectado o tomate pola combinación de distintas situacións de estrés abiótico. Para afondar no seu coñecemento, a investigadora, orixinaria da Estrada, está a realizar na actualidade unha estadía Universidade de California en Davis, no marco dun proxecto relacionado coa mellora da calidade de tomate para o seu procesamento na industria alimentaria.

Publicidade

Segundo explica López de la Calle, cómpre subliñar a pertinencia deste tipo de análises, “moi acaídas ante o previsible empeoramento das condicións ambientais durante os próximos anos, uns efectos que poden ocasionar grandes perdas no sector agroalimentario, xusto nun período temporal no que se agarda un aumento da poboación”, segundo recolle a USC.

A enxeñeira estradense prolongará ata finais de ano a súa estadía en California, e confía en poder aplicar todos os coñecementos e habilidades analíticas adquiridas na Universidade de Davis á súa tese de doutoramento, un traballo de investigación que está a realizar no Centro de Edafoloxía e Bioloxía Aplicada do Segura (Cebas), en Murcia, baixo a dirección dos doutores Vicente Martínez e Rosa María Rivero.

Publicidade

Esta aventura americana é un paso máis nunha traxectoria investigadora aínda curta, pero non por eso pouco intensa. De feito, logo de completar os estudos do grao en Enxeñaría Agrícola e Alimentaria na EPSE da USC, un período no que gozou dunha bolsa Erasmus na Mendel University da República Checa e tamén tivo a oportunidade de iniciarse no mundo da investigación como alumna interna do Departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, da man das profesoras Elvira López Mosquera e Socorro Seoane, López de la Calle tamén superou con éxito o Máster en Enxeñaría Agronómica da USC, un programa que coordina o catedrático Santiago Pereira Lorenzo.

A estadía investigadora que está a completar María López de la Calle na Universidade de California grazas a unha bolsa do Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, permitirá a esta egresada da EPS de Enxeñaría aprender novas técnica de análises de datos no laboratorio de investigación que dirixe a doutora Blanco Ulate.

A traxectoria académica desta investigadora nova está tamén aliñada de diversos premios que dan testemuño do seu bo rendemento académico, un “background moi sólido”, recoñece López de la Calle, que lle abriu as portas para ter unha primeira experiencia laboral na Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) da USC, o chanzo previo á obtención dunha bolsa FPU grazas á que está a realizar a súa tese de doutoramento na Universidade de Murcia, na que tamén colabora en tarefas docentes no departamento de Enxeñaría Química, nos graos de Ciencias Ambientais e Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Identificados novos factores xenéticos da fatiga persistente tras a radioterapia por cancro de próstata

Un estudo publicado en 'Nature Communications' e con participación galega descobre unha variante no xene ACTR3 asociada a un risco tres veces maior de desenvolver a sintomatoloxía despois do tratamento

GCiencia lanza a décima edición dos premios Galicia Spin-Off

Os galardóns recoñerán un ano máis a empresas innovadoras xurdidas das universidades e a un grupo de investigación

A carracha que transmite Crimea-Congo duplícase nun ano e conquista novas zonas en Galicia

O grupo COPAR da USC identifica o parasito en 27 concellos de Lugo e Ourense e detecta anticorpos fronte ao virus en 14 animais de granxa das catro provincias

A contaminación atmosférica podería estar detrás do aumento das crises de xaqueca

Un estudo internacional sinala que o número de visitas ao hospital de persoas con síntomas aumenta durante os días nos que hai maiores niveis de polución