A introdución das novas tecnoloxías no sector agrícola e gandeiro pode dar un salto moi importante nos próximos meses no caso de que se confirmen as expectativas que está a levantar a Plataforma Primare, un proxecto pioneiro en España e que está a desenvolver AMTEGA coa colaboración da Consellería do Medio Rural. A iniciativa permitirá coñecer mellor o uso que se fai das axudas comunitarias da PAC e facilitará aos agricultores e gandeiros información para mellorar a súa produción e afrontar os retos pendentes.
Ao longo deste ano se está a desenvolver o programa piloto desta plataforma nunhas 3.000 parcelas espalladas polas catro provincias galegas. O proxecto consiste en captar información e imaxes das parcelas mediante drons e imaxes de satélite, que posteriormente son procesadas e serven tanto para utilizar por parte dos propios agricultores e gandeiros como polos organismos europeos que conceden subvencións da PAC.
Rubén Pérez, portavoz da empresa Seresco que lidera a execución do proxecto, explica que o proxecto é moi innovador dentro do contexto español e ten o dobre obxectivo de permitir un mellor seguimento da execución das axudas concedidas no ámbito da PAC e facilitar a transformación dixital na agricultura, un reto “moi complicado” para que as persoas do campo teñan que afrontalo sen apoio.
“É un proxecto tecnolóxicamente moi interesante porque as solucións que se están a aplicar non existen no mercado e a Xunta está a apostar por poñelas en marcha cando conclúa a fase de ensaios na que nos atopamos”, explica Pérez. O obxectivo é que ao longo do ano que ven se podan poñer sobre a mesa todas as necesidades que os agricultores demanden e que a plataforma xa poda funcionar cando se inicie o próximo período de axudas da PAC, entre 2021 e 2027.
Pérez destaca que fronte ao que algúns poden pensar, o obxectivo prioritario do proxecto non é fiscalizar máis de preto as axudas concedidas ao abeiro da PAC. “O concepto está a cambiar e agora se aposta por facer un traballo de acompañamento aos agricultores e gandeiros, facilitar o coñecemento das boas prácticas e tamén indicarlles o camiño que deben seguir para mellorar os resultados das súas explotacións”, sinala o responsable de Seresco.
Ao longo deste ano se están a estudar as parcelas mediante o uso dos drons e dos satélites e se están a avaliar as ferramentas de análise que se utilizan na plataforma. Pérez explica que polo de agora as probas están a ser satisfactorias e confían en validar toda a metodoloxía para que o proxecto poda funcionar dun xeito satisfactorio. Unhas 700 parcelas de cada unha das catro provincias galegas están a ser analizadas e hai unha gran variedade de usos e cultivos nestas parcelas para probar a capacidade da plataforma.
“O proceso de funcionamento é o seguinte”, explica Pérez, “primeiro achegamos a información dende as diversas fontes coas que contamos, despois almacenamos os datos e usamos a intelixencia artificial para clasificalos. Finalmente, se poñen a disposición tanto dos funcionarios comunitarios que teñen que supervisar as axudas coma dos agricultores e gandeiros”.
Primare permitirá facer un seguimento máis eficaz das axudas concedidas ao amparo da PAC e ofrecerá información moi valiosa a agricultores e gandeiros
Hai dúas semanas celebrouse en Forcarei a primeira xornada de demostración do funcionamento desta plataforma á que asistiron 90 axentes do sector agrogandeiro. Alí a directora de Amtega, Mar Pereira, explicou que Primare é o primeiro proxecto de Compra Pública Innovadora (CPTi) no ámbito do sector primario a nivel estatal e recalcou que a implantación de solución dixitais innovadoras proporcionara una impulso esencial para un sector primario intelixente e sostible.
Na presentación, Pereira destacou ademais que Primare ofrecerá servizos de valor engadido para os agricultores, como unha aplicación móbil para capturar e enviar imaxes xeorreferenciadas como probas adicionais aos controis da PAC e unha aplicación web para xestionar o caderno de explotación, que será una ferramenta axeitada para mellorar a toma de decisións no futuro. O próximo 22 de outubro está prevista unha segunda xornada de presentación do proxecto, que terá lugar no concello de Meira (Lugo) e a que calquera pode asistir previa inscrición a través da seguinte ligazón https://mediorural.xunta.gal/nc/es/primare_civil_uavs/inscripcion/
Primare conta cun orzamento de 4 millóns de euros e está cofinanciado con fondos FEDER nun 80%, procedentes do convenio de colaboración entre o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades, GAIN e a AMTEGA. No desenvolvemento do proxecto participan as empresas Seresco e Proxectagal, ademais do centro Gradiant.