En novembro de 2018, a NASA anunciou que baixo o glaciar Hiawatha, en Groenlandia, atopara o primeiro cráter formado polo impacto dun meteorito que se localizou baixo as capas de xeo da Terra, cuns 30 quilómetros de diámetro. E cando a comunidade científica aínda seguía con interese o anuncio, a axencia anunciou un segundo achado: outro cráter, a menos de 200 quilómetros do anterior, e aínda máis grande, cuns 35 quilómetros.
“Levamos moito tempo explorando a Terra, desde o continente, a auga, o aire e o espazo, e é moi emocionante que siga habendo achados coma este”, declarou Joe MacGregor, experto en glaciarse do centro Goddard. De confirmarse que un meteorito foi o causante deste cráter, sería o 22º máis grande atopado no planeta.
Antes do descubrimento do furado en Hiawatha, en novembro, os investigadores crían que os posibles restos dos impactos de meteoritos nas zonas de xeos perpetuos, como Groenlandia e a Antártida, desapareceran pola erosión. Porén, ao atopar o primeiro dos cráteres, o equipo da NASA repasou os mapas topográficos de Groenlandia na procura de novos sinais, e así foi como atoparon este segundo punto.
O posible achado publicouse esta semana na revista Geophysical Research Letters e xeólogos de todo o mundo xa miran con renovado interese cara a gran illa ártica. Entre os sinais que apuntan a que se trata dun cráter, a NASA fala dunha “depresión cha no fondo do cráter, rodeada por un borde moi elevado e picos situados no centro, que adoitan formarse cando o solo do cráter se equilibra despois do impacto. Tamén se atoparon anomalías gravitatorias negativas, outra característica dos puntos de impacto.
Existe a posibilidade de que se trate dunha caldeira volcánica colapsada, pero as probas non son concluíntes. “As áreas de actividade volcánica coñecidas en Groenlandia están a centos de quilómetros; e ademais, un volcán debería ter unha anomalía magnética positiva, e non vimos isto aquí”.
A data do impacto
Os datos do radar determinaron tamén que a área tiña “alomenos 79.000 anos”, debido as características do xeo e os indicadores da erosión. Tamén concluíron que as capas de xeo sobre o novo cráter son “inequívocamente máis antigas cas de Hiawatha”. Con todo, non hai evidencias para confirmar ou desmentir que se formaran nun mesmo momento, coa posibilidade do impacto dun asteroide fragmentado.