A ‘Breve historia do tempo’ de Stephen Hawking, en galego

Cando Stephen Hawking morreu, o 14 de marzo deste ano, Jorge Mira contou a GCiencia que xusto unha semana antes rematara a tradución ao galego da célebre obra do físico británico: Unha breve historia do tempo, un éxito de ventas publicado en 1988, considerada unha das obras sobranceiras da divulgación científica, e que espertou sen dúbida vocacións investigadoras ao longo de todo o mundo, á procura de saber de onde vimos e cara a onde imos.

Hoxe xa está dispoñible a versión en galego do libro, que pode mercarse en librarías e a través de internet, no Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela, que edita a obra dentro da súa colección Clásicos do Pensamento UniversalO profesor da USC José Edelstein, que tamén tratou persoalmente con Hawking, é o autor xunto a Mira do prólogo da obra.

Publicidade

A obra pode mercarse en internet e nas librarías galegas

O resumo que ofrece a USC sobre o traballo de Hawking remarca a importancia que tivo a publicación de Unha breve historia do tempo: “Os clásicos provocan tan intensa sensación de inexorabilidade, tal certeza de que tarde ou cedo serían escritos, pintados ou compostos, que un mundo sen eles resulta inconcibible. É coma se sempre exis­tisen. Malia recoñecerlles unha data de nacemento, persiste a sospeita de que xa estaban alí e os seus creadores apenas se limitaron a escribir, pintar ou compoñer sobre trazos preexistentes. Rozan cotas de perfección que as fan case inhumanas e constitúen puntos de inflexión na histo­ria da cultura que xeran novos paradigmas”.

Tamén se remarca un dos grandes logros que acadou Hawking neste libro, “a ousadía de escribir nunha linguaxe accesible sobre conceptos moi abstractos da física de fronteira”. Un éxito que se traduce nas súas cifras de ventas, que superaron os 10 millóns de exemplares en todo o mundo.

Tanto José Edelstein como Jorge Mira trataron de preto a Hawking durante anos, sobre todo desde a visita do científico a Galicia para recibir o premio Fonseca en 2008. Ambos estiveron en 2012 na festa do seu 70º aniversario. E co gallo da súa morte, o profesor da USC lembraba que Hawking levara moi bo recordo do país: “Cando un dos seus asistentes ía casar, pediulle a Hawking, xa que el viaxaba tanto, que lle recomendase un lugar para pasar a lúa de mel. E Hawking recomendoulle Santiago de Compostela”.

Publicidade

Mira, pola súa parte, lembraba que Hawking quedara prendado da estatua de Fonseca no claustro da USC, e que tiña un lugar especial no seu despacho reservado para o premio que recibiu en Santiago, tal e como se pode ver nas imaxes. Como adoita facer con todos os científicos convidados polo programa Conciencia, Jorge Mira levouno a visitar Noia, a Costa da Morte e outros recunchos de Galicia. Hawking regresaría en dúas ocasións antes da súa morte, en 2014 e 2015.

Podes mercar Unha breve historia do tempo nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ventilatio Lab, solucións científicas que veñen polo aire

A spin-off da USC foi a gañadora na categoría Idea Emerxente dos Premios GCiencia Galicia Spin-Off

Por que as tardes comezan a alongarse antes do solsticio de inverno?

A partir do 8 de decembro, a combinación da inclinación do eixo terrestre e da órbita irregular da Terra fai que os días comecen a medrar

Antía Lamas, física: “A investigación cuántica en Galicia é moi prometedora”

A científica compostelá, que traballa en Estados Unidos, dará unha charla en Santiago sobre a segunda revolución cuántica ao abeiro da Semana da Ciencia do IGFAE

AMS-LAB, Ventilatio Lab e MetBioCat reciben os IX Premios GCiencia Galicia Spin-off  

Os galardóns, que celebran a súa novena edición, foron entregados nun acto no Pazo de San Roque en Santiago