Morcego: un portal en galego para o mundo dos videoxogos

Conta Carlos Pereiro, o xoven xornalista que puxo en marcha a revista Morcego, que “nos medios xeralistas é complicado que a actualidade dos videoxogos teña cabida; só se fala dalgún lanzamento excepcional e, moitas veces, por sucesos desagradables que serven para desacreditar o sector”. Esta reflexión foi unha das razóns que o levou a sacar adiante o proxecto de Morcego, o primeiro portal que aborda en galego esta industria. Un sector que, movendo a nivel mundial máis cartos ca o cine ou a música, ten moito menos espazo na maioría dos medios, e é moitas veces criticada.

“É moi complicado que a actualidade dos videoxogos teña cabida nos medios xeralistas”, di Pereiro

A idea de Pereiro comezou a desenvolverse hai uns meses, despois de ter colaborado xa con outros medios escribindo sobre este asunto. Despois da posta a punto, Morcego saía á luz a comezos de setembro, e conta coa colaboración do tamén xornalista Brais Capelán. “Queremos informar co frecuencia sobre todo o que se move arredor dos videoxogos dun xeito veraz, ameno e desde diferentes perspectivas”, explica. Así, Morcego ofrece seccións como ‘Análises’, na que se debullan as últimas novidades do mercado, reportaxes que afontan en diferentes aspectos do sector, artigos de opinión, a ‘Zona retro’, na que se bota a vista cara o tempo dos primeiros videoxogos, e tamén contará coa súa propia sección de ‘eSports‘, competicións a través da rede que nos últimos anos experimentaron un importante auxe.

Publicidade

Os videoxogos en Galicia

Morcego tamén mirará cara o traballo que se fai en Galicia. Segundo adianta Carlos Pereiro, será sobre todo a través da sección de entrevistas, “con conversas longas e a fondo cos referentes do sector que traballan desde aquí. Estanse facendo cousas moi interesantes, e hai proxectos e empresas que son xa referencia a nivel estatal”.

O nome da revista é tamén unha declaración de intencións. “Quería buscar un nome que soase ben, e na nosa lingua, para afastarnos do que moitas veces se adoita facer, buscando termos en inglés para os que hai un equivalente en galego”. E o morcego parécese, pola súa forma, a “un mando da Play Station ou da XBox“.

Publicidade

Neste senso, Pereiro sinala que Morcego pode ser un paso máis para dar a coñecer á sociedade galega a realidade que hai detrás afeccionados aos videoxogos. “A xente adoita vernos como sedentarios ou frikis, e mesmo ás veces vincúlanse as comportamentos violentos, cando é algo totalmente falso. Por desgraza, a violencia está en moitos máis lugares que nos videoxogos. Ademais, son unha fonte de cultura como calquera outra, coma o cine, ou coma ler un libro, e non só a consomen mozos, senón que cada vez hai máis adultos”. Do mesmo xeito, sinala Carlos Pereiro, “os videoxogos poden ser tamén unha fonte de valores; no Final Fantasy, por exemplo, está a constante loita entre o ben e o mal, a importancia da amizade e o compañeirismo”.

Nestes primeiros días, a acollida do proxecto está sendo boa. “Estamos tendo un alcance importante para ir comezando; e sobre todo, o bo é que a xente nos da a noraboa e as grazas polas redes e pola rúa, agradecen que saia adiante un proxecto así”, conclúe Pereiro.

Podes seguir a Morcego en Facebook e Twitter.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia presenta no Parlamento Europeo unha ferramenta pioneira para avaliar o uso do galego na IA

O Proxecto Nós, impulsado pola USC, amosa os resultados iniciais de “Arena Nós”, que analiza como os grandes modelos comprenden, xeran e representan a lingua

Como revivir a lingua

Estas son as estratexias das marcas para recuperar o galego, dende o derbi galego ata Inditex. Por Andrea Veiga

O novo acordo lingüístico permitirá impartir Matemáticas, Tecnoloxías e Física e Química en galego

Os centros educativos poderán decidir a repartición das materias na ESO, respectando o equilibrio do 50% entre os dous idiomas

Celta vs. Deportivo: dúas formas de reivindicar a lingua galega dende o fútbol

As estratexias de comunicación de ambos clubes buscan reforzar o vínculo coa afección e coa cultura do territorio a través do idioma