José Edelstein, durante unha das súas visitas a Stephen Hawking.
José Edelstein, durante unha das súas visitas a Stephen Hawking.

Jose Edelstein: “Stephen Hawking foi un exemplo de tenacidade, teimosía, loita e xenio”

Os números, ademais de axudar a comprender todo o que somos e o que temos arredor de nós, achegan ás veces coincidencias que semellan ser máis ca casualidades. Mentres falaba con GCiencia, despois de varias horas “atendendo á miña tristeza e ás chamadas dos medios”, Jose Edelstein (Buenos Aires, 1968), profesor de Física da Universidade de Santiago, non podía deixar de lembrar as casualidades coas datas do nacemento e a morte de Stephen Hawking: “Naceu o día que se cumprían 300 anos da morte de Galileo, e morreu o día do nacemento de Einstein, coa mesma idade que tiña el cando morreu”.

Edelstein mantivo unha relación habitual con Hawking e o seu entorno, sobre todo, desde a visita do científico a Galicia no 2008. No 2008, o Programa Conciencia, que dirixe Jorge Mira, comezou a entregar o premio Fonseca a figuras mundiais da investigación, e naquela primeira edición foi premiado Hawking. O primeiro contacto, con todo, foi case vinte anos antes.

Edelstein visitou varias veces a Hawking en Cambridge e entrevistouno en 2013

“Estaba estudando Física en Bariloche e había unha colección de biografías de físicos que me gustaba moito. Lin a de Hawking, e caín na conta de que era case o único que estaba vivo”, lembra Edelstein. Oito anos despois, viuno por primeira vez en persoa. “Estaba a punto de mudarme a Galicia, e veu a Chile a dar unha conferencia. E claro, viaxei ata alí para velo”.

O premio Fonseca achegou a Hawking a Galicia. A escultura que lle entregou a Universidade de Santiago estaba na mesa do seu despacho, e tal e como lembra Jose Edelstein, o físico recomendaba a capital do país ao seu entorno. “Cando un dos seus asistentes ía casar, pediulle a Hawking, xa que el viaxaba tanto, que lle recomendase un lugar para pasar a lúa de mel. E Hawking recomendoulle Santiago de Compostela”.

Edelstein tivo oportunidade de velo varias veces máis. En 2012, xunto a Jorge Mira, participou na festa do seu 70º aniversario, á que Hawking non puido acudir por problemas de saúde. E en 2013, entrevistouno para El País Semanal. “Era unha das primeiras entrevistas que facía, e téñolle moito cariño a aquela experiencia. Foi algo moi intenso, compartir aquel tempo con el, ver como se desenvolvía dentro da súa situación… Algo inesquecible”.

A última vez que viu en persoa a Hawking foi hai apenas dous anos no Festival Starmus celebrado nas Illas Canarias. E aquela viaxe tamén foi a última vez na que o físico estivo en Galicia. “Os médicos desaconsellaron que viaxara en avión, así que foi nun cruceiro, e fixo unha parada aquí”, lembra Edelstein.

O legado de Hawking, segundo Edelstein

Alén da relación persoal e profesional, o profesor da USC destaca a relevancia científica, pero tamén social, da figura de Stephen Hawking. “Que un científico de tantos quilates poida facer un libro como Breve historia do tempo, cunha linguaxe comprensible para todo o mundo, e que vendera millóns de exemplares, é algo moi difícil de conseguir”.

Sinala Edelstein que a personaxe pública de Hawking, marcada desde a súa xuventude pola esclerose lateral amiotrófica que padecía, tamén contribuíu a facer visible a loita das persoas que padecían ELA. “Era o paradoxo dun corpo case inservible, totalmente inmovilizado, e un cerebro en perfectas condicións, capaz de explicar a orixe do universo e converterse nunha figura de importancia mundial”. “Foi un exemplo de tenacidade, teimosía, loita e xenio”, conclúe. “Un científico enorme, en asuntos que son básicos para comprender a nosa orixe, e ao mesmo tempo, unha gran divulgador”.

Edelstein apunta que cando algunhas das predicións de Hawking poidan ser por fin constatadas, a relevancia histórica do seu legado será aínda maior. “Non sei canto se vai tardar en comprobar as súas achegas sobre os buracos negros ou a formación e a estrutura das galaxias, pero estou seguro de que vai ser recordado durante moito tempo”, conclúe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.