“Gocei a miña viaxe á fin do mundo, que fermoso lugar. Grazas pola hospitalidade“. Foi a frase que deixou escrita Stephen Hawking en 2008, no libro de honra do Concello de Fisterra, cando visitou Galicia para recibir o premio Fonseca que entrega o programa Conciencia, coordinado por Jorge Mira. Naquela ocasión, nun dos días da súa estancia, desprazouse ata Fisterra, acompañado pola súa filla Lucy e unha comitiva de autoridades, científicos, xornalistas e veciños.
Daquela visita xurdiu un compromiso por parte da corporación municipal da vila fisterrá para inmortalizar aquela visita dando nome a algún espazo público. E decidiuse que aquel lugar tiña que estar preto da Fin do Mundo, da que o físico británico quedara prendado. Hai agora 11 meses, en abril de 2017, inaugurabase de forma oficial a praza Stephen Hawking de Fisterra na explanada que dá acceso ao faro e a punta do cabo Fisterra, un dos lugares máis visitados de Galicia. Foi o primeiro espazo público de Galicia e España dedicado á figura dun dos científicos contemporáneos máis célebres. As palabras que dixo Hawking naquela visita quedaron inmortalizadas en inglés, castelán e galego. na placa que indica o nome da praza.
Na inauguración oficial do 12 de abril do ano pasado participaron o alcalde de Fisterra, José Marcote, a Cónsul Honoraria do Reino Unido en Galicia, María García de la Concha, e o propio Jorge Mira, entre outras autoridades e veciños.
Con todo, a visita con motivo do premio Fonseca non foi a última de Hawking a Galicia. os últimos anos, Regresou dúas veces. En outubro de 2014 estivo en Vigo como pasaxeiro do cruceiro “Oasis of the seas” e probou ostras na Pedra. E xusto un ano despois, estivo no parador de Cambados tras chegar de novo a Vigo nun cruceiro. Visitou tamén o pazo de Rubiáns, en Vilagarcía de Arousa.