Venres 11 Outubro 2024

A Academia de Ciencias entrega os seus premios de Transferencia de Tecnoloxía e Xornalismo

Tres equipos de investigadores galegos e a xornalista Silvia R. Pontevedra, de "El País", recibiron os seus galardóns en Santiago

A Real Academia Galega de Ciencias, en colaboración coa Axencia Galega de Innovación, entregou este mércores en Santiago de Compostela os seus Premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia e Xornalismo Científico. No acto, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), Juan M. Lema Rodicio, reivindicou a figura dos grandes precursores da transferencia de tecnoloxía en Galicia como referentes necesarios para os investigadores e emprendedores.

No seu discurso, Lema destacou a contribución das figuras de Ricardo Bescansa, Francisco Guitián e Fernando Calvet –que lles dan nome ás tres categorías dos galardóns– á posta en valor do coñecemento científico no mercado. Os premios, que este ano alcanzaron a súa quinta edición, recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías.

Publicidade

Pola súa banda, a directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou que a transferencia de coñecemento e a comunicación da ciencia son dúas pezas clave no impacto social que teñen as diversas disciplinas de ciencias e tecnoloxía, na medida en que contribúen a que as actividades de I+D+i non se limiten á obtención de beneficios económicos e de excelencia científico-tecnolóxica, senón que avancen no benestar social e na sustentabilidade do planeta, en liña cun concepto que rexe actualmente as políticas de innovación a nivel europeo, a investigación e a innovación responsable. Ademais, Argerey agradeceu á RAGC a colaboración na organización de ambos certames e o seu papel de promoción social do coñecemento.

Durante a cerimonia foi entregado tamén o Premio Galicia de Xornalismo Científico, dotado con 4.000 euros netos. Silvia Rodríguez Pontevedra, redactora do diario El País, foi galardoada como autora da reportaxe titulada Las congeladoras toman el timón en la carrera científica por la cría del pulpo, publicada o 8 de xaneiro de 2019 na sección Materia e na que se na que se dá conta dos enormes avances e do desembarco de grandes empresas conxeladoras nos dous proxectos levados a cabo polo CSIC e o IEO para avanzar na acuicultura do polbo.

Publicidade

Na entrega dos galardóns tamén participaron os reitores das universidades de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; e A Coruña, Julio Abalde; e a vicerreitora de Transferencia da Universidade de Vigo (Uvigo), Mª Consuelo Pérez.

Premio “Ricardo Bescansa Martínez”

O Premio “Ricardo Bescansa Martínez” recoñece o mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. Segundo lembrou Lema, Bescansa iniciou a súa traxectoria no sector farmacéutico, imprimíndolle un claro carácter innovador á actividade que continuou por tradición familiar. Con só 18 anos desenvolveu un laxante e un tratamento para a pel, aínda que o seu interese pola tecnoloxía o acabou levando a outro sector moi diferente: o das telecomunicacións. Coa fundación de Televés, Bescansa puxo en marcha unha corporación que hoxe está formada por 22 empresas e é un referente en I+D no seu sector.

O galardón nesta categoría foi recollido por Guillermo Lamelas, CEO da spin-off da UVigo Alén Space, dedicada á fabricación de nanosatélites que permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais. Lamelas expuxo que os nanosatélites cambian as regras do xogo, permitindo que as empresas poidan contar cos seus propios satélites grazas a un custo ata cen veces menor que os dos convencionais. Neste sentido, destacou que os fabricados e lanzados por Alén Space teñen un nivel de éxito nas súas misións do 100%.

“Vimos que é posible facer satélites desde Galicia, sen emigrar”

Premio “Francisco Guitián Ojea”

O premio “Francisco Guitián Ojea” destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial. Sobre Guitián, o presidente da RAGC puxo en valor o seu papel como impulsor do primeiro contrato de investigación da USC cunha empresa, a mineira Río Tinto-Patiño, ao que seguiron outros como os que se asinaron con Calfensa, todos eles froito do coñecemento aplicado sobre a análise de solos. Ademais, Lema lembrou que a intensa colaboración de Guitián coa industria contribuíu de xeito decisivo no éxito de Sargadelos e permitiu a creación do Instituto de Cerámica de Galicia.

O galardón foi recollido por María Teresa Flores, investigadora principal do grupo Photonics4life da USC, polo seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable. Segundo explicou Flores, o proxecto respondeu á demanda por parte do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) de contar con arterias e veas artificiais nas que simular o comportamento de fármacos para a arteriosclerose. Logo de dez anos de traballo, conseguiron fabricar unha estrutura de arterias capaz de soportar fluxo sanguíneo e nas que se poden facer cultivos celulares.

Prevención de infartos con fluxo sanguíneo simulado en 3D

Premio “Fernando Calvet Prats”

O premio “Fernando Calvet Prats” recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial. Tal e como lembrou Lema, Calvet preocupouse por poñer os seus coñecementos en química orgánica ao servizo da sociedade case desde o inicio da súa carreira. O gran salto neste eido produciuse coa fundación dos Laboratorios Zeltia, onde en tan só un ano e medio se patentaron máis de dez especialidades farmacéuticas, ademais da síntese do famoso insecticida ZZ, na que Calvet tivo un papel fundamental.

O galardón foi recollido por Ana Belén Moldes, do grupo EQ10 da UVigo, polo descubrimento da presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo. Moldes destacou que os biosurfactantes son un mercado en expansión, coa expectativa de acadar un valor de 5.500 millóns de dólares a nivel mundial durante os próximos dous anos. Neste sentido, subliñou que os obtidos no marco do seu traballo xa demostraron as súas propiedades como dispersantes, emulsionantes, protectores solares, antimicrobianos e antioxidantes, o que xerou grande interese en distintos sectores industriais e deu lugar xa a tres patentes, máis outras dúas en trámite.

O único equipo no mundo que patentou deterxentes procedentes do millo está en Vigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Alén Space, BioFarma e Neutron Insights, gañadores dos Premios GCiencia 2024

Os galardóns ás mellores spin-offs e grupo de investigación de Galicia, que este ano fan a súa oitava edición, entregaranse o 12 de novembro no Pazo de San Roque de Santiago

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática