ODS-Protein, avanzando cara á alimentación do futuro

A start-up viguesa desenvolve un proxecto para enriquecer con proteínas os alimentos

A innovación no sector alimentario ten un amplo horizonte de crecemento e a start-up viguesa ODS-Protein está a desenvolver un proxecto centrado no enriquecemento dos alimentos con proteínas para conseguir mellores produtos e cunha textura máis atractiva. Ademais, conséguese o obxectivo de empregar menos recursos naturais para obter as proteínas, un camiño que semella que terá que seguir a industria alimentaria nas vindeiras décadas.

Iria Varela e Martín Rodríguez son os socios fundadores deste proxecto que fora seleccionado no programa do Incuvi de Vigo en 2019 e que posteriormente se desenvolve no 2020 na aceleradora BFFood, especializada no sector alimentario e impulsada pola Xunta de Galicia e o Cluster Alimentario de Galicia. O apoio da Axencia Galega de Innovación (Gain) permitiu a creación da empresa en 2021.

Publicidade

ODS-Protein ten conexión coa Universidade de Vigo (UVigo) e tamén foi seleccionada para participar no programa BioIncubaTech, incubadora de alta tecnoloxía para o fomento da innovación e a transferencia de biotecnoloxía no ámbito da saúde e das tecnoloxías alimentarias ás micropemes. BioIncubaTech é promovida pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) e financiada pola Fundación INCYDE, dentro do Programa Operativo FEDER de crecemento intelixente, e pola Xunta de Galicia.  

Martín Rodríguez, CTO da empresa e especializado en Tecnoloxía dos Alimentos, explica que as investigacións nas que se basea o proxecto de ODS-Protein é o desenvolvemento de proteínas alternativas obtidas a partir da fermentación: “O que fixemos foi desenvolver un fermento propio a partir de refugallos alimenticios e agora atopámonos na fase de validación do produto. Este tipo de proteínas poden incorporarse tanto á carne, como a produtos lácteos, veganos, de alimentación deportiva, de repostería, etc”.

Publicidade

No proceso de investigación conseguiron elaborar produtos cunha porcentaxe por riba do 60% de proteína en peso seco, o que supón unha boa cantidade de proteína e fibra. Agora están a traballar na capacidade de retención de líquidos e da solubilidade do produto. “Trátase dunha proteína completa, con todos os aminoácidos e o que se consegue é enriquecer os alimentos e darlle unha mellor textura”, indica Rodríguez.

De cara ao próximo ano o obxectivo da empresa é aumentar o seu financiamento e elevar a produción para poder comercializar os produtos aos clientes a finais de 2023. “Estamos preto de pechar unha primeira rolda de investimentos e, cara ao ano que vén, pretendemos escalar a produción a niveis industriais. Traballamos tamén conxuntamente con Anfaco para desenvolver os produtos e a nosa idea é expandirnos internacionalmente e procurar partners que nos permitan empezar a producir”, sinala o CTO da empresa.

Rodríguez salienta a importancia dos apoios públicos obtidos para a posta en marcha do proxecto e avanzar con máis seguridade cara aos seus obxectivos. Actualmente os socios da empresa traballan desde a propia UVigo e a produción realízase no Parque Tecnolóxico de Galicia (Tecnópole) en Ourense.

Alternativa sostible

Rodríguez apunta que tanto en Galicia como en España o peso do sector da alimentación tradicional é moi importante pero tamén hai moitas empresas que están a procurar novas fontes de proteína para incorporar aos seus produtos. “Outros países están máis adiantados neste tipo de investigacións pero consideramos que coa importancia que ten o sector alimentario en Galicia este tipo de iniciativas poden ser moi beneficiosas”.

A dispoñibilidade de alimentos vai ser un reto no futuro debido ás estimacións de crecemento da poboación mundial realizadas pola FAO. Por iso, un dos obxectivos de ODS-Protein é facilitar proteínas alternativas á industria alimentaria cun proxecto marcado pola biotecnoloxía, a innovación e a sostibilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Innovación, emprendemento e retos do sector alimentario, claves da V Edición de BFFood

A aceleradora busca proxectos innovadores de emprendemento que dean resposta ás novas demandas