Venres 29 Marzo 2024

“Vimos que é posible facer satélites desde Galicia, sen emigrar”

Alén Space, empresa aeroespacial nacida da Universidade de Vigo, recibiu un dos premios de Transferencia de Tecnoloxía de Galicia

Ata hai uns anos, enviar satélites ao espazo era unha quimera ao alcance de moi poucos; grandes corporacións ou axencias espaciais de países punteiros. Pero a ciencia avanzou ata conseguir desenvolver os nanosatélites, aparellos pouco máis grandes ca unha caixa de zapatos que poden orbitar arredor da Terra e enviar información moi valiosa para empresas e organismos públicos. Cando esta nova idea comezaba a agromar, no 2007, naceu en Galicia a Agrupación Estratéxica da Universidade de Vigo. Só cinco anos despois, estaba en órbita o Xatcobeo, o primeiro nanosatélite español, ideado no campus vigués.

Foi o xermolo de Alén Space, unha spin-off da universidade que botou a andar en 2017. Na súa bagaxe, ademais do Xatcobeo, xa estaban o Humsat-D, o DustCube e o Serpens. O último proxecto, o máis avanzado ata a data, xira arredor da Terra desde decembro de 2018: o Lume-1, unha ferramenta para detectar de forma temperá os incendios forestais, saíu desde o cosmódromo ruso de Vostochny a bordo dun foguete Soyuz. Nun sector suxeito a centos de factores que poden botar por terra a misión, Alén Space suma ata agora un 100% de casos de éxito.

Publicidade

Ante a democratización que está a vivir a exploración espacial, desde Alén Space quixeron adiantarse ao novo paradigma. A empresa ofrece agora os seus servizos a calquera cliente en todos os pasos que levan a poñer un nanosatélite en órbita.”Partindo das necesidades do cliente, desenvolvemos dende o estudo de viabilidade ata o dato en man, pasando por deseño, fabricación, posta en órbita e operacións das constelacións, etc. en función do que nos piden”, explica Antón Vázquez, director financieiro e cofundador da compañía.

Así foi o lanzamento do foguete co Lume-1

Para o equipo de Alén, o galardón de Transferencia de Tecnoloxía que acaban de concederlles a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación é “unha gran alegría, porque se recoñece todo ese traballo que levamos anos facendo para crear valor desde aquí”, subliña Vázquez. É un exemplo, para el, da capacidade de desenvolver proxectos relevantes en materia de innovación sen facer as maletas. “Vimos que era posible facer satélites desde Galicia, sen ter que emigrar, e iso para nós é un orgullo”. Hoxe, Alén conta con 10 traballadores, e agardan aumentar a súa plantilla en cinco persoas máis antes de que acabe 2019. Unha situación que, segundo Vázquez, “supera con moito as expectativas que tiñamos cando arrancamos”.

A clave está, segundo Vázquez, en ofrecer unha atención adaptada a cada cliente, e a garantía de cumprir cos criterios de calidade máis estritos da Axencia Espacial Europea, e con solucións baseadas en tecnoloxías como a internet das cousas (IoT), ou os sistemas máis avanzados de seguimento de avións e a intelixencia de sinal. Como exemplo, Antón Vázquez recorre a un misterio que se podería ter resolto coa tecnoloxía axeitada: “Se o famoso avión de Malaysia Airlines que desapareceu no medio do mar fose cun sistema como o que desenvolvemos nós agora, podería ser localizado dunha forma moito máis doada”.

Unha revolución

“Hoxe non fai falta lanzar satélites de 300 millóns de euros para estar no espazo, podemos conseguir prestacións semellantes, e mesmo mellores, cun conxunto de satélites máis pequenos”, resume o cofundador de Alén para explicar as posibilidades que se abren co cambio no sector. “Hoxe estase vivindo a maior revolución do sector aeroespacial desde a Guerra Fría, porque un grupo de xente cun proxecto coma o noso tamén pode buscar un oco”.

Este foi o traballo que valorou o xurado que decidiu outorgarlles o premio Ricardo Bescansa Martínez. O proceso de transferencia de tecnoloxía, apoiado, ademais da Universidade de Vigo, pola aceleradora ViaGalicia do Consorcio Zona Franca de Vigo e as convocatorias Ignicia e Innova Peme, da Consellería de Industria, son hoxe un exemplo para o sector en toda España. De feito, este ano foron galardoados na sección española do Concurso Internacional de Innovación e Emprendemento de China, e seleccionados para Astropreneurs, o programa internacional de aceleración de startups do sector espacial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos

ODS-Protein, avanzando cara á alimentación do futuro

A innovación no sector alimentario ten un amplo horizonte de crecemento...