Venres 19 Abril 2024

Proxectos de biodeterxentes, vasos sanguíneos en 3D e nanosatélites, premios da RAGC

Os galardóns á Transferencia de Tecnoloxía, que se anunciaron este martes, recoñecen as aplicacións da ciencia á sociedade e o tecido industrial

A Real Academia Galega de Ciencias fixo pública este martes a resolución do xurado dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, que organiza en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta, e que recoñece as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo. Os tres galardóns, dotados con 6.000 euros en cada caso, entregaranse nunha cerimonia que terá lugar o vindeiro 11 de decembro.

O xurado recoñeceu ao grupo de investigación EQ10 da Universidade de Vigo co premio “Fernando Calvet Prats” co mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, polo seu desenvolvemento de biosurfactantes. Na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, recoñeceuse co premio “Francisco Guitián Ojea” ao grupo de investigación Photonics4life da USC, polo seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable. E a spin-off da Universidade de Vigo Alén Space gañou o premio “Ricardo Bescansa Martínez” como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía pola fabricación de nanosatélites.

Publicidade

Premio Fernando Calvet Prats: Biodeterxentes

O equipo EQ10 da UVigo descubriu a presenza de biosurfactantes, unha clase de deterxente biolóxico, nos residuos da industria do millo, con aplicacións en produtos e solucións para os ámbitos cosmético, farmacéutico, agroquímico e medioambiental.
A proposta do grupo EQ10 supón non só unha alternativa de baixo custo –e tamén máis biocompatible e eficaz– aos deterxentes sintéticos, senón tamén unha oportunidade para reutilizar as grandes cantidades de residuos producidos no procesado do millo e, polo tanto, reducir a pegada ambiental deste tipo de industrias.

Estes biosurfactantes obtidos polos investigadores da UVigo proceden dos licores do lavado do millo, unha corrente acuosa resultante do proceso ao que este cereal se somete para extraer os seus azucres e amidóns, moi utilizados na industria alimentaria. Por cada tonelada de azucre e amidón xérase aproximadamente outra tonelada de licores, residuos que se veñen usando minoritariamente como fonte de nitróxeno en procesos de fermentación ou en pensos animais, mentres que o resto debe ser tratado como residuo industrial.

O EQ10 é o único grupo de investigación a nivel mundial que rexistrou patentes –tres ata o momento e dúas en trámite– e publicou en revistas científicas internacionais con elevado impacto sobre a obtención destes extractos a partir dos residuos do millo.

As súas aplicacións son tan diversas e singulares que xa lles valeron acordos con varias multinacionais, como Cargill Europe. No caso da estadounidense Nutraceutical Welness Inc. xa traballan xuntos para a incorporación dos biosurfactantes na formulación dos seus produtos capilares e coa empresa italiana PER Spa existe un acordo de licenza de patente para a aplicación destes extractos no sector medioambiental.

No caso dos produtos capilares, os biosurfactantes do grupo EQ10 xa demostraron a súa capacidade para mellorar e protexer a cutícula do cabelo. Estes extractos teñen tamén importantes aplicacións nas industrias cosmética e farmacéutica, xa que permiten aumentar a eficacia das formulacións. Ademais, presentan propiedades antimicrobianas contra os microorganismos patóxenos, ao tempo que favorecen o crecemento de bacterias probióticas, o que potencia o seu uso nas industrias alimentaria e agroquímica.

Premio Francisco Guitián Ojea: Vasos sanguíneos en 3D

Na categoría de mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, o galardoado é o grupo de investigación Photonics4life da Universidade de Santiago de Compostela. O galardón recoñece o seu proxecto para fabricar modelos 3D capaces de reproducir sistemas biolóxicos sobre os que estudar patoloxías ou testar fármacos de xeito máis fiable.

A proposta do grupo da USC consiste en elaborar estes modelos mediante tecnoloxía láser 3D, que fai posible unha fabricación rápida e moi precisa, cun custo menor en relación a outras técnicas e coa opción de usar como base diferentes materiais, como vidros, polímeros ou materiais flexibles. Ademais, o láser permite obter estruturas con dimensións desde a micra ata o milímetro, de maneira que se pode reproducir desde un diminuto capilar sanguíneo ata unha bifurcación coronaria.

A construción do prototipo dun vaso sanguíneo é un exemplo claro das posibilidades desta tecnoloxía. Contar cun modelo 3D destas características permite o cultivo celular nas súas paredes para realizar estudos preclínicos no laboratorio sen necesidade de experimentación animal. O estudo das patoloxías cardiovasculares, da deposición das células tumorais circulantes no sangue ou do comportamento dos fármacos é moito máis preciso con estes dispositivos que cos cultivos convencionais en dúas dimensións.

O grupo destaca que a súa principal vantaxe competitiva sobre outras solucións similares no mercado, ademais da personalización e o baixo custo, é que completa a súa tecnoloxía con métodos de simulación numérica que permiten coñecer con total exactitude o comportamento que terán os fluídos a través da estrutura fabricada. Isto, que fai posible optimizar o deseño antes da fabricación para garantir que o modelo responde ás necesidades dos usuarios finais, é un dos motivos polos que investigadores do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) e da Universidade Complutense de Madrid acudiron a eles para obter solucións que non lograban no mercado.

Ademais das aplicacións no ámbito biomédico –estudo de patoloxías cardiovasculares, estudo personalizado de tumores, validación de fármacos e curación de feridas crónicas–, as estruturas 3D poden usarse para a detección de contaminantes en carburantes ou no estudo das dinámicas de fluxo de petróleo e gasolina.

Premio Ricardo Bescansa Martínez: os nanosatélites galegos

A spin-off da Universidade de Vigo Alén Space foi premiada como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía. A súa aposta temperá pola fabricación de nanosatélites permítelles estar ben posicionados nun mercado que se prevé que alcance os 5.200 millóns de euros no ano 2021.

Alén Space naceu para comercializar os resultados da Agrupación Estratéxica Aeroespacial da UVigo, creada para o deseño e fabricación do primeiro nanosatélite español, o Xatcobeo, lanzado ao espazo en 2012. A finais de 2018, puxo en órbita o Lume-1, un satélite que apoia a loita contra os incendios. Na experiencia do equipo científico que está detrás da empresa figura a colaboración con misións espaciais da NASA e da Axencia Espacial Europea (ESA).

Os nanosatélites que fabrica esta spin-off permiten acceder a datos e comunicacións que ata hai pouco só estaban ao alcance de gobernos e grandes axencias espaciais. Os custos destes pequenos dispositivos poden ser ata cen veces menores que os dos satélites convencionais, por iso son asequibles tamén para empresas. Ademais, Alén Space garante os máis rigurosos niveis de calidade, baixo os estándares da ESA.

Aínda que están abertos a outras necesidades, a experiencia de Alén Space céntrase no ámbito das comunicacións, polo que os seus nanosatélites están especializados no seguimento de barcos e avións, na detección de interferencias e emisións ilegais e na conexión en lugares remotos de sensores que fan posible a internet das cousas (IoT).

O proceso de transferencia da tecnoloxía de nanosatélites da Uvigo mediante a creación de Alén Space fíxose co apoio do programa Ignicia de GAIN. A empresa foi galardoada este ano na sección española do Concurso Internacional de Innovación e Emprendemento de China e foi seleccionada para Astropreneurs, o programa internacional de aceleración de startups do sector espacial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Aberto o prazo de inscrición para os Premios á Transferencia de Tecnoloxía 2023

As candidaturas poderán presentarse ata o 15 de abril de forma telemática

Os pioneiros (vigueses) do Novo Espazo

Alén Space quere facer accesible o firmamento a todos os proxectos que melloren as nosas vidas con satélites que non superan os dez quilos

ODS-Protein, avanzando cara á alimentación do futuro

A innovación no sector alimentario ten un amplo horizonte de crecemento...