Un equipo de arqueólogos presenta este mércores na revista Nature unha investigación sobre unha obra de arte rupestre atopada nunha cova das illas Célebes (Indonesia) que, de confirmarse a datación de 43.900 anos, converteríase na máis antiga pintura artística realizada por humanos atopada ata agora. O mural de 4,5 metros de longo, no que aparecen xabarís e búfalos ananos, propios da fauna deste arquipélago, xunto a varias figuras aparentemente humanas cazando a estes animais, foi atopado en 2017 nunha exploración realizada na zona.
Segundo recolle Nature, o arqueólogo Adam Brumm, da universidade Griffith de Brisbane (Australia), un dos autores do traballo, sinala “que nunca vira algo así, no sentido de que levamos vistas centos de lugares con arte rupestre nesta zona, pero nunca viramos algo semellante a unha escena de caza”.
Despois do achado, os investigadores australianos, encabezados por Maxime Aubert, realizaron unha datación a través dos restos de calcita que se acumularan nas pinturas. A partir da descomposición dos diversos isótopos do uranio presentes nestas rochas, determinaron que a calcita que aparece sobre un dos xabarís comezou a acumularse hai preto de 44 milenios.
Este achado revoluciona a crenza de que a tradición da arte rupestre figurativa nacera en Europa. No artigo, os arqueólogos expoñen que, ademais dos animais, as figuras humanas teñen trazos dunha aparencia mitolóxica, como colas e fuciños. Así, teorizan que a representación destes seres, coñecidos como teriántropos, pon sobre a mesa a idea de que estes artistas rupestres das Célebes tiñan xa a capacidade de albiscar un mundo sobrenatural, na liña do que milenios máis tarde se puido ver tamén noutras partes do mundo.
“As imaxes de teriántropos poden representar a primeira evidencia da nosa capacidade para concibir cousas que non existen no mundo natural, un concepto básico que sustenta a relixión moderna”, engade Brumm. “Os teriántropos están no folclore ou na ficción narrativa de case todas as sociedades modernas e son percibidos como deuses, espíritos ou seres ancestrais en moitas relixións de todo o mundo”, engade.
Referencia: Earliest hunting scene in prehistoric art (Publicado en Nature).