Unha proposta para mellorar as próteses co uso de nanopartículas

A investigadora Bettania Hidalgo presenta na UVigo unha tese que expón dúas estratexias para facilitar a integración e estabilidade destes implantes

Mellorar as prestacións das próteses e implantes metálicos que se empregan na actualidade nas clínicas ortopédicas e dentais. Este é o obxectivo co que a investigadora Bettiana Hidalgo puxo en marcha a súa tese de doutoramento e iso foi finalmente o que conseguiu: o desenvolvemento de dúas estratexias que melloran as funcionalidades das actuais próteses e implantes e que están baseadas na obtención de nano-recubrimentos cerámicos avanzados con propiedades antibacterianas e unha adecuada resposta biolóxica.

“Na miña tese o que propoño é proporcionar un recubrimento, na gama nanométrica, como unha estratexia local para mitigar ou reducir a probabilidade da colonización bacteriana das próteses, sen prexudicar o axeitado crecemento das células presentes no ambiente biolóxico próximo ao implante, mellorando así a súa osteointegración, fixación e estabilidade”, explica a autora da tese, quen desenvolveu esta investigación dentro do Instituto de Bioenxeñería en Rede para o Envellecemento Saudable (Iberos) baixo a batuta dos investigadores Pío González e Miriam López, do grupo de investigación Novos Materiais da Universidade de Vigo.

Publicidade

Exemplo dun tipo de próteses de cadeira. Foto: Rede Galega de Biomateriais.
Exemplo dun tipo de próteses de cadeira. Foto: Rede Galega de Biomateriais.

A primeira das estratexias propostas por Hidalgo é mellorar a composición dos recubrimentos actuais baseados en fosfato de calcio incorporando elementos con propiedades antibacterianas (cobre, zinc e flúor) e, como segunda estratexia, a funcionalización da superficie de titanio cun nano-recubrimento a base de óxido de grafeno, “o que permite a ancoraxe de compostos antibacterianos ou outras biomoléulas de interese”, recalca a investigadora.

A abordaxe experimental para a obtención dos nano-recubrimentos realizouse, no primeiro caso, mediante a técnica denominada Depósito por Láser Pulsado (PLD), empregando materias primas de orixe sintético (hidroxiapatita comercial e óxidos de cobre e de zinc) e tamén de orixe biolóxico, neste caso, fluorapatita de dente de tiburón. Na segunda estratexia optouse por un método simple de depósito por goteo e posterior tratamento térmico dun composto de óxido de grafeno sobre a superficie metálica a recubrir.

Publicidade

Entrando en detalle, os nano-recubrimentos estudáronse en canto á morfoloxía superficial por microscopía electrónica de barrido (SEM), topografía e espesor e as características estruturais avaliáronse mediante difracción de raios X e configuración de enlaces por espectroscopía infravermella, e a caracterización biolóxica realizouse mediante ensaios biolóxicos con liñas celulares eucariotas e estudos microbiolóxicos con diferentes tipos de cepas bacterianas.

Os resultados experimentais demostran a viabilidade de obter nano-recubrimentos a través de ambas estratexias, cunha resposta biolóxica adecuada, “proporcionando novas funcionalidades ás actuais próteses e implantes”.

Os resultados demostran a viabilidade das dúas estratexias propostas por Hidalgo

Uruguaia de nacemento e “galega de corazón”, a autora da tese defínese a si mesma como “científica, biotecnóloga e feminista”. Ao longo do seu período na Universidade de Vigo (2008-2019) tivo a oportunidade de licenciarse primeiro en Bioloxía e xirar logo o seu camiño cara ao ámbito tecnolóxico na Escola de Enxeñería Industrial, onde se mergullou de cheo no mundo da enxeñaría biomédica.

Durante todos estes anos na Universidade de Vigo a investigadora participou e colaborou tamén na representación do estudantado en diferentes órganos gobernamentais e áreas universitarias, incluíndo a Xunta de Facultade, o Claustro, o Consello de Goberno ou a Unidade de Igualdade, entre outros. “O meu obxectivo foi sempre loitar polos dereitos dos estudantes e, simultaneamente, contribuír á mellora continua da nosa Universidade”, recalca a investigadora, quen na actualidade se trasladou a Cataluña para continuar alí a súa carreira persoal e profesional.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:06:28

Un microscopio feito a medida para estudar nanopartículas individuais

Investigadores do CINBIO incorporan un equipo hiperespectral de campo escuro sen equivalente comercial, capaz de medir moléculas que ata agora só se podían analizar en conxunto

Un proxecto galego propón usar nanopartículas inocuas en inmunoterapias celulares

A iniciativa Nano-ARN, liderada pola investigadora da USC María José Alonso, busca comercializar a través dunha 'spin-off' un reactivo con alta capacidade de integración do ARN

Unha investigación da USC descobre por primeira vez mercurio nas cerámicas galegas de hai 5.000 anos

Dous estudos científicos revelan que as mostras procedentes do illote de Guidoiro Areoso destacan por presentar os valores máis altos rexistrados na análise

Así é a quiralidade, unha propiedade determinante para o deseño de medicamentos

O grupo de Nanomateriais Biomiméticos do CINBIO crea diminutas partículas de ouro para a diagnose e tratamento de enfermidades como o cancro