Durante un ano e medio, máis dun cento de mulleres atendidas en 21 hospitais de España, entre as que se inclúen pacientes galegas, estiveron participando na fase 2 do ensaio clínico CORALLEEN, unha ampla investigación que ofrece resultados prometedores no tratamento do cancro de mama usando dous fármacos como posible alternativa ao tratamento de quimioterapia. Esta semana, a revista The Lancet Oncology presenta un traballo que asina, entre outros, Rafael López, xefe do servizo de Oncoloxía Médica do CHUS e lider do grupo Oncomet, no Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS). López atópase estes días en San Antonio (Estados Unidos), no congreso mundial sobre o cancro de mama no que se presentan os resultados desta investigación.
CORALLEEN é unha terapia neoadxuvante, é dicir, que ten por obxectivo facilitar a operación cirúrxica posterior, e podería utilizarse nunha das variables agresivas deste tipo de tumores, o hormonosensible precoz, que ten un alto risco de desenvolver metástases a medio e longo prazo. Para conseguilo, a investigación analizou a combinación de ribociclib (KISQALI®), un inhibidor das proteínas CDK4/6 que regulan o ciclo celular, con letrozol, un tratamento hormonal.
Ata agora, o ensaio con estes dous fármacos demostrou unha “eficacia extraordinaria“, polo que, de confirmarse, o uso de quimioterapia, e con ela os seus efectos prexudiciais, poderían ter unha alternativa. Porén, os investigadores aclaran que non está aínda definido o rol destes fármacos noutro tipo de situacións.
Un dos autores principais da investigación, Joaquín Gavilá, declara a SINC: “Descoñeciamos totalmente o potencial destes fármacos para reducir a quimioterapia antes da cirurxía. Este ensaio demostra por primeira vez que é un camiño a explorar, e apunta como facerse.
Este traballo é, ademais, o primeiro que integra datos clínicos, patolóxicos e xenómicos para medir a resposta ao tratamento e demostrar que o ribociclib e o letrozol administrados durante seis meses transforman os tumores de alto risco de recidiva en neoplasias de baixo risco en preto do 50% das mulleres.
Outro dos líderes do traballo, Aleix Prat, xefe de servizo de Oncoloxía Médica do Hospital Clínic de Barcelona e presidente de SOLTI, explica: “Implementamos todo o coñecemento molecular actual para medir a eficacia terapéutica de forma moito máis precisa que a convencional. Nuns anos, esta estratexia irase trasladando á práctica clínica diaria”, polo que a alternativa podería empezar a usarse nos tratamentos oncolóxicos.
Despois destes resultados prometedores, os expertos xa traballan na seguinte etapa do estudo, con novos ensaios cun número de pacientes moito maior, no que tamén se agarda a participación de mulleres de hospitais de Galicia, e que comezará, posiblemente, ao longo de 2020. “Esta estratexia terapéutica biolóxica pode chegar a substituír a quimioterapia neste subgrupo de pacientes con alto risco de recaída. Con todo, necesitamos un pouco máis de evidencia”, conclúe Prat.
Referencia: Ribociclib plus letrozole versus chemotherapy for postmenopausal women with hormone receptor-positive, HER2-negative, luminal B breast cancer (CORALLEEN): an open-label, multicentre, randomised, phase 2 trial (Publicado en The Lancet Oncology).