Sábado 20 Abril 2024

O único equipo no mundo que patentou deterxentes procedentes do millo está en Vigo

O grupo EQ-10, premio de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, atopou estes compostos nos licores de lavado da planta

Ana Belén Moldes e José Manuel Cruz levan moitos anos estudando as posibilidades de aproveitar residuos de todo tipo para darlles unha segunda vida. En industrias como a alimentaria, onde a diferenza entre o que chega finalmente ao cliente e o consumidor e o que se desbota no camiño é notable, aparecen compostos químicos que, se alguén os observa coa mirada axeitada, poden reutilizarse para aplicacións sorprendentes. E ese foi o caso do grupo EQ10 da Universidade de Vigo, que dirixen Moldes e Cruz: “Durante o proceso de lavado do millo, lévase a cabo unha maceración con auga, na que medran bacterias e outros microorganismos”. Ata entón, a industria tiña que desfacerse destes líquidos, e só se aproveitaba unha pequena parte como fonte de nitróxeno ou para pensos animais, pero descubrimos que aí había tamén biosurfactantes, deterxentes naturais cunhas propiedades moi interesantes”, explica Ana Belén Moldes.

O achado dos científicos vigueses abría unha interesante vía por varias razóns: dábaselle un novo uso aos residuos, cunha boa rendibilidade, e obtíñase un produto máis respectuoso co medio ambiente ca os surfactantes sintéticos. Ademais, o custo de produción redúcese. “Podiamos facer que estes produtos competiran cos deterxentes de orixe sintética”, explica Moldes.

Publicidade

Aínda que a palabra deterxente remite no imaxinario común aos produtos que usamos para lavar a roupa, este tipo de compostos están presentes en máis espazos da nosa vida cotiá, como os cosméticos ou os medicamentos, facilitando que os principios activos poidan penetrar mellor nas células ou órganos nos que teñen que actuar. De aí que teñan unha importancia enorme na industria química e farmacéutica, pero tamén para o sector agroalimentario, que descobre así un valor engadido no que antes eran refugallos.

Foron os primeiros en descubrir nos residuos dos licores de lavado de millo uns compostos surfactantes

E o que conseguiu o equipo que dirixen Moldes e Cruz aínda non o fixo ninguén máis no mundo; é o único grupo de investigación a nivel mundial que rexistrou patentes –tres ata o momento e dúas en trámite– e publicou en revistas científicas internacionais con elevado impacto sobre a obtención destes extractos. Este foi un dos principais motivos que levou á Real Academia Galega de Ciencias e á Axencia Galega de Innovación a outorgarlles o premio de Transferencia de Tecnoloxía “Fernando Calvet Prats” como mellor investigación xa aplicada con éxito ao sector empresarial.

Os achados realizados por este laboratorio de Vigo xa os levou a pechar acordos con multinacionais como Cargill Europe, especializada en cereais; Nutraceutical Wellness Inc, de produtos capilares; e PER Spa, coa que teñen un acordo de licenza de patente para a aplicación destes extractos na limpeza de materiais.

Este mesmo ano, o grupo EQ10 rematou un novo proxecto no que afondaron nas propiedades dos deterxentes para mellorar o pelo danado, conseguindo un nivel de biocompatibilidade moi alto, ademais dunha notable actividade antimicrobiana. “Na actualidade, a inclusión de deterxentes biolóxicos na industria cosmética é practicamente inexistente debido ao elevado custo da súa produción”, explica Ana Belén Moldes. Pero no caso dos compostos atopados nos licores de lavado do millo, o extracto “estaría moi por debaixo deses prezos, achegándose ao custe dos deterxentes químicos”.

Esquema representativo dos resultados da investigación. Fonte: Duvi.
Esquema representativo dos resultados da investigación. Fonte: Duvi.

O futuro, nos praguicidas

De cara ao futuro, ademais de afondar no coñecemento destes deterxentes, o grupo EQ10 está a traballar en proxectos que se dirixen, do mesmo xeito, cara unha industria máis sostible, circular e menos contaminante. “Estamos investigando sobre o uso de biosurfactantes na formulación dos praguicidas; moitos seguen levando unha concentración elevada de substancias nocivas, e estamos vendo que é posible reducir estas doses e cambialas por outros compostos máis limpos”, explica Ana Moldes.

O grupo de investigación Enxeñaría Química 10 (EQ10) é un grupo multidisciplinar creado no ano 2009 na Escola de Enxeñaría Industrial da UVigo, e que leva a cabo actividades no ámbito tanto da Tecnoloxía Medio Ambiental como da Tecnoloxía Alimentaria. Neste tempo ten publicado máis de 100 artigos de investigación e máis de 120 comunicacións en congresos, participado en máis de 30 proxectos de I+D, e nel codirixíronse nove teses de doutoramento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Convocado o IX Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas

Os traballos poden enviarse a partir do 15 de abril. A dotación económica do galardón será de 5.000 euros, cun accésit para o segundo mellor valorado

Cunchas de moluscos, as grandes aliadas do sector da bioconstrución

A empresa Extraco promove o emprego de materiais de orixe biolóxica para a fabricación de morteiros ou formigóns

Un científico galego descobre os poderes do veleno de avespa contra as superbacterias 

César de la Fuente: “O logro abre novas portas para deseñar novos antibióticos inspirándonos nos velenos do mundo natural"

Unhas xornadas afondan en como creatividade e innovación xeran un futuro máis sostible

Celebraranse este mércores 24 na Casa das Campás, en Pontevedra, ao abeiro do programa "Ciencia de ida e volta" impulsado pola UVigo