Os satélites vixiarán as mareas vermellas nas Rías Baixas a partir de 2020

Os resultados preliminares do proxecto oastObs demostraron o potencial da rede Sentinel para predicir as floracións de algas nocivas

Os resultados preliminares do proxecto europeo da convocatoria H2020 CoastObs demostraron o potencial dos satélites Sentinel  na predición das floracións de algas nocivas (FAN), comunmente coñecidas como mareas vermellas, un fenómeno frecuente nas Rías Baixas galegas, onde causan un forte impacto, non só ecolóxico senón tamén económico, obrigando en determinadas ocasións ao peche temporal dos polígonos de bateas. Dirixido polo profesor do Departamento de Física Aplicada Jesús M. Torres Palenzuela, o proxecto presenta agora novos avances coa creación dunha plataforma de servizos comerciais de grande utilidade para o estudo das augas costeiras e que están baseados precisamente na observación da Terra desde satélite.

Transcorridos case dous anos desde a súa posta en marcha, o proxecto demostra que a análise conxunta das imaxes de satélite e de toda unha serie de parámetros físicos e biolóxicos mediante técnicas estatísticas e métodos de aprendizaxe automática ten unha enorme potencialidade, tanto para o seguimento das mareas vermellas como para o estudo das diferentes zonas de produción primaria das Rías Baixas, base de alimentación de especies como a sardiña, cara a servizos futuros á flota en distintos caladoiros.

Publicidade

Mapa de clorofila nas Rías Baixas derivado de imaxes Sentinel. Fonte: Duvi.
Mapa de clorofila nas Rías Baixas derivado de imaxes Sentinel. Fonte: Duvi.

Campañas na ría de Vigo

“Para o caso de Galicia estes produtos foron validados mediante diferentes campañas na ría de Vigo”, explica Torres, ao que engade que, a diferenza de outros proxectos, CoastObs desenvolve produtos operacionais que estarán xa a disposición dos usuarios finais a partires de marzo de 2020 nas Rías Baixas. Entre estes usuarios finais están o Consello Regulador do Mexillón de Galicia e a Cooperativa de Armadores de Vigo, ARVI e, no marco desta colaboración, realizáronse xa diferentes reunións entre os representantes do equipo da Universidade de Vigo, con Jesús M. Torres como investigador principal, e os responsables de proxectos de I+D tanto de ARVI (Óscar Fernández, Rebeca Lago e Antela Cortina) como do Consello Regulador do Mexillón de Galicia (Ángeles Longa).

“Xa desenvolvemos os algoritmos e agora o que van facer desde o Consello Regulador e desde ARVI é empregar todos estes datos que nós desenvolvemos”, apuntou o investigador, ao tempo que explicou que son cuestións relacionadas co tema das algas para o caso do consello e con outros datos que poden ser de interese pesqueiro para o caso de ARVI.

A UVigo, nun consorcio para detectar mareas vermellas desde satélites

Servizos comerciais ‘a medida’ e cun custe reducido

“CoastObs ten como obxectivo desenvolver produtos que sexan comercialmente viables, con potencial crecemento e capacidade para xerar novos servizos e postos de traballo”, recalca o responsable do proxecto, ao tempo que fai fincapé en que para conseguir isto é necesario definir grupos de usuarios con requisitos comúns, xa que así se facilita o desenvolvemento de produtos ‘a medida’ e que se poidan implementar a un custe reducido.

Entre estes produtos innovadores, baseados na observación da Terra desde o satélite, inclúese a monitoraxe de macroalgas, tamaño de fitoplancto, produción primaria e indicadores de microalgas, así como produtos de maior nivel como a integración de mapas de clorofila derivados das imaxes de satélite en métodos de aprendizaxe automática para a detección e seguimento de algunhas especies de microalgas potencialmente tóxicas, como Pseudo-nizschia spp ou Gymnodinium catenatum.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Deseñan un prototipo de roupa deportiva a partir de refugallos de pesca

O proxecto Oceanets, no que colaboran universidade, armadores, empresas e organizacións non gobernamentais, ten por obxectivo reducir a perda de aparellos no mar

Google inclúe as bateas de Arousa nas 1.000 paisaxes máis impresionantes da Terra

A última actualización das paisaxes de Earth View recolle unha imaxe tomada por satélite dun polígono bateeiro entre A Illa e Vilanova

Os produtos de limpeza das bateas afectan ao organismo dos mexillóns

O investigador Vladimir Dobal expón nunha tese que estes compostos inducen alteracións nos sistemas respiratorio, dixestivo e reprodutor

A UVigo, nun consorcio para detectar mareas vermellas desde satélites

O proxecto CoastObs investiga para avanzar no uso da detección remota por satélite para estudar as augas costeiras