Atrapado polo ADN: así cazou a xenética o asasino rubio de Elisa Abruñedo

A detección da mutación no xene MC1R, que outorga unha cor avermellada ou alaranxada no cabelo, foi clave para identificar o culpable

O 1 de setembro de 2013 Elisa Abruñedo saíu pasear polos arredores de Lavandeira, o lugar do concello coruñés de Cabanas onde residía co seu home e os seus dous fillos. Nunca máis volveu. Foi atopada un día despois a tan só 200 metros da súa casa: fora brutalmente violada e asasinada. O equipo que investigou o caso recolleu mostras biolóxicas do agresor no corpo da vítima, pero tardaron dez anos en poñerlle nome ao presunto culpable: Roger Serafín Rodríguez. A clave estivo na análise do seu ADN, que mostrou unha mutación no xene MC1R. É dicir, o asasino tiña que ser rubio. Foi unha pista decisiva para atopalo. Estes días estase a celebrar na Audiencia Provincial da Coruña o xuízo polo crime de Elisa Abruñedo; un crime no que a xenética deu na diana.

Que é o MC1R?

“Se analizando un xenoma descubrimos que unha persoa ten o xene MC1R mutado, entón podemos concluír con absoluta certeza —aquí si é irrefutable— que se trata dunha persoa rubia”, expón o investigador do Centro Nacional de Biotecnoloxía Lluís Montoliu nun artigo publicado en outubro de 2023 en The Conversation, precisamente nos días nos que foi detido o asasino confeso de Elisa Abruñedo. “Moitos xenes regulan o funcionamento dos nosos órganos pero non manifestan características externas observables”, indica o científico, dando conta da importancia da análise do ADN da vítima para resolver o caso.

Publicidade

O MC1R está localizado no cromosoma 16. A proteína que codifica este xene está ancorada na membrana dos melanocitos. É dicir, as células que pigmentan o corpo e están presentes na pel, no pelo, no iris… Segundo explica Montoliu, MC1R pode activarse pola hormona alfa-MSH, que dá lugar á melanina negra. Non obstante, cando a proteína que codifica o xene está mutada, só pode producir outro pigmento: a melanina amarela, vermella e laranxa que se denomina cientificamente feomelanina. En resumidas contas, a que lle dá cor rubia ao pelo, neste caso, do asasino confeso.

Este dato xenético foi imprescindible para atopar a Roger Serafín Rodríguez malia que en Galicia, fronte a outras zonas de España, hai máis persoas rubias (arredor dun 3% fronte ao 1-2%) pola interacción mariñeira histórica coas illas británicas. Para descubrir que o asasino era rubio, a Garda Civil estableceu unha colaboración en febreiro de 2015 co Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro. Alí, o equipo descubriu que o asasino era europeo, branco, que tiña os ollos escuros e, por suposto, que era rubio. Así o relata a xornalista Laura Madrid no podcast El asesino de Elisa: historia de una búsqueda publicado por RTVE en maio de 2024.

Publicidade

O apelido Rodríguez

O seguinte paso por parte da Garda Civil foi cotexar o ADN do asasino, do que xa tiñan unha descrición preliminar, con outras mostras dispoñibles no sistema. E descubriron que tiña antepasados en varias parroquias de Valdoviño. Ou o que é o mesmo: compartía xenes con familias que residían no concello veciño. Así foi como o equipo do caso comezou a facer cribados xenéticos voluntarios e a recoller mostras ata que descubriron novas coincidencias cunha serie de persoas que compartían o mesmo apelido: Rodríguez. Era un dato máis, pero dende logo non era suficiente.

En 2021, oito anos despois do asasinato, o culpable do crime de Elisa Abruñedo aínda non tiña nome. Nese momento incorpórase a Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil. Tiñan a seguridade de que o asasino se apelidaba Rodríguez, pero iso era como buscar “unha agulla nun palleiro”. Así o relatan no podcast. O seguinte paso foi reconstruír a historia familiar de cada unha das ramas que estudaban para atopar descendentes vivos, e así foi como o equipo se mergullou nos arquivos da diocese de Mondoñedo, á que pertencía Valdoviño, dado que os documentos civís dispoñibles eran máis recentes. Localizaron a todos os Rodríguez e remontáronse máis de 200 anos de ramas familiares. É dicir, unhas nove ou dez xeracións.

A cor e a marca do coche, a pista definitiva

A pista final, a que logra resolver o quebracabezas, chega en 2023. Descobren que o propietario dun Citröen XZ, identificado en 2013 preto da escena do crime, pertencera entre 2013 e 2015 a un home, cazador, que vivía a uns 15 minutos en coche do lugar do asasinato, que era rubio… e que se apelidaba Rodríguez. Aí estaba. O equipo fixo un seguimento exhaustivo do sospeitoso, recolleu mostras mentres el se desprazaba a traballar e corroborou que coincidían coas tomadas dez anos atrás. Detéñeno, Roger Serafín confesa o crime e ofrece o seu ADN de forma voluntaria.

Agora, 12 anos máis tarde da brutal violación e posterior asasinato de Elisa Abruñedo, estase a celebrar o xuízo. A ciencia ten o seu propio altofalante neste caso. E aquela mutación no seu ADN, aquel xene MC1R que lle outorgou a cor rubia do seu pelo, foi a pista clave para identificalo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un texto inédito de 1760 saca á luz o achado dun corpo saponificado en Noia: “Foi unha profunda conmoción”

O cura de Fruíme investigou o caso e negou a santidade do cadáver, ao que o pobo lle arrincara varias partes para usalas como reliquias

Un equipo galego abre a porta a detectar a periodontite mediante unha mostra de saliva e IA

A investigación, liderada pola USC e o IDIS, indica que o mellor modelo do experimento acada unha sensibilidade superior ao 92%

Das visitas a Santiago ás colaboracións científicas: estes son os vínculos do Nobel de Física con Galicia

O galardoado Francis Halzen é o presidente do Comité Asesor do IGFAE e colaborou cos científicos Enrique Zas, Jaime Álvarez ou Ricardo Vázquez

Un de cada doce homes con cancro de próstata de alto risco ten alteracións xenéticas hereditarias relevantes

Un equipo de Santiago publica un estudo co que avanza na comprensión da enfermidade e cara a unha medicina máis personalizada