Sábado 20 Abril 2024

Arqueoloxía para reconstruír os campos de concentración franquistas en Galicia

O CSIC leva a cabo un estudo da represión e violencia fascista durante a Guerra Civil e a Ditadura no Estado español

O xornalista Carlos Fernández, en colaboración con investigadores galegos, entre os que se atopan membros do proxecto Nomes e Voces do grupo Histagra da USC, xa recollera en 2019 no libro, Os campos de concentración de Franco. Sometemento, torturas e morte tralos aramados, os aspectos máis descoñecidos do rexime franquista. Tamén a documentación dos case 300 campos de concentración en España. De todos eles, 11 encóntranse en Galicia, onde se reuniron máis de 30.000 persoas nas diferentes etapas, como recolleron hai anos historiadores e outros investigadores sobre a represión no país.

Agora, un novo proxecto, iniciado polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e financiado pola Axencia Estatal de Investigación (AEI), procura “desaramar” barreiras, visibles ou invisibles, que permitan acadar máis información acerca dos campos de concentración franquista no territorio español. A fin deste é analizar a represión e a violencia política franquista durante a Guerra Civil e a Ditadura en torno a tres eixos: paisaxe, cultura material e memoria.

Publicidade

Proxecto

DES-ARAMAR. Mais alá dos aramados: Unha arqueoloxía comparada dos campos de concentración franquistas é un dos tres proxectos que se inician no INCIPIT e que está financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, a Axencia Estatal de Investigación e FEDER, cunha dotación de 54.450€. O traballo intégrase dentro da convocatoria de proxectos de I+D+i no marco do programa Xeración de Coñecemento e Fortalecemento Científico e Tecnolóxico do Sistema de I+D+i.

O estudo iniciouse en xaneiro de 2022 e concluirá en decembro de 2024. Liderado por Alfredo González Ruibal e Laura Muñoz Encinar, xorde a partir dunha liña de investigación que o equipo desenvolve dentro do Centro de Ciencias do Patrimonio do CSIC en Santiago de Compostela e forma parte dos 13 novos proxectos que a axencia inicia en Galicia.

A coordinadora, Laura Muñoz, sinala que o proxecto se centra nun “estudo holístico” xa que se recorre “á antropoloxía e á arqueoloxía forense, pero tamén ás fontes documentais e orais” para acadar un estudo integral durante a represión no pasado recente de España. Ademais, sinala que o obxectivo principal é analizar “a represión e violencia franquista durante a Guerra Civil e a Ditadura” a través da materialidade dos campos de concentración.

Actualmente, a investigadora expón que xa comezaron a súa actividade con “traballo de campo, excavacións en espazos represivos, nos vestixios do conflito como fosas comúns, campos de concentración, de traballadores…”, así como tamén iniciaron a investigación histórica mediante “arquivos, fontes orais, supervivintes, exprisioneiros, familiares…” para confeccionar unha base de datos de testemuños orais que permitan achegarse á parte non recollida nas fontes documentais. 

É a primeira vez que dentro dun Plan Estatal de Investigación se financia un proxecto deste tipo. Neste sentido, Laura Muñoz destaca a importancia da arqueoloxía “como disciplina para a xeración de coñecemento histórico” e no impacto social da “produción de coñecemento como un paso máis nos programas científicos no Ministerio de Ciencia”. A este respecto, a investigadora confesa: “é un privilexio desenvolver o proxecto dende o CSIC e dende o Instituto de Ciencias do Patrimonio de Santiago de Compostela”.

Campos de concentración en Galicia

No caso de Galicia, a coordinadora explicou que aínda non obtiveron datos concluíntes, así como tampouco para “o conxunto das rexións do Estado” xa que se atopan “na fase inicial do estudo”, revela. Desta maneira, a especialista aclara que aínda teñen que analizar “en profundidade” e intentar esclarecer se existen “restos sobre os campos documentados polas fontes orais e documentais dende o punto de vista material” ou, en caso de non haber, como se pode “recompoñer a historia deses campos”.

Con todo, no referido ao campos de concentración en territorio galego, segundo publicou tres anos atrás o xornalista Carlos Fernández na súa obra: Os campos de concentración de Franco. Sometemento, torturas e morte tralos aramados, en Galicia constatáronse un total de 11. Un en Cedeira, Ferrol, Betanzos, Lavacolla, Rianxo, Iria Flavia, Oia, San Clodio, Camposancos e dous en Muros e en A Pobra do Caramiñal.

Segundo especificou o autor, só se incluiron aqueles dos que as autoridades franquistas deron oficialmente a nomenclatura. Así, hai lugares célebres da barbarie, como a Illa de San Simón, que non están catalogados como campos de concentración porque se consideraban cárceres.

Máis alá do libro, o xornalista levou a cabo durante a súa investigación unha páxina web: loscamposdeconcentraciondefranco.es, na que se pode consultar todo tipo de documentación sobre a historia deste periodo, non soamente de Galicia, senón do conxunto de España.

Aspectos máis complexos

O conxunto do estudo supón un labor ardua e, a este respecto, as partes máis enredosas, segundo Laura Muñoz, atópanse “a varios niveis”.

Tal é así que, por unha banda, dende o punto de vista científico, un dos retos é que o equipo consiga “aproximarse a analizar, interpretar, inxerir coñecemento histórico deses contextos de violencia”, xa que existe “unha intencionalidade” por destruir o rastro para non deixar “evidencia da represión”, puntualiza a experta. Deste modo, dende o equipo de traballo explican que procurarán facer un “estudo científico e empírico da violencia física e psicolóxica”.

Por outra banda, dende o punto de vista social, Muñoz aclara que outro desafío é trazar “unha ponte entre o pasado e o futuro” xa que se trata dun “pasado descoñecido e oculto” dentro da memoria colectiva da sociedade. Así, a especialista expón que o obxectivo estaría en suscitar entre a cidadanía un “rexeitamento crítico á violencia, xerar empatía cara as víctimas e fomentar a cohesión social”.

Equipo de investigación

A investigación está codirixida por Alfredo González Ruibal e Laura Muñoz Encinar e, ao tratarse dun estudo de diferentes disciplinas en diversas áreas de investigación, forman parte del expertos que representan os distintos eidos.

Así, o equipo de traballo tamén o integra o historiador, David Alegre Lorenz, da Universidade Autónoma de Barcelona; dúas antropólogas sociais e culturais, Zahira Aragüete-Toribio da Universidade de Xenebra e Lee Doublas, da Universidade NOVA de Lisboa; o zooarqueólogo, Antonio Rodríguez-Hidalgo, do Instituto Catalán de Paleoecoloxía Humana e Evolución Social (IPHES); e unha investigadora predoutoral, Cristina Incio del Río, do Instituto de Ciencias do Patrimonio CSIC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte