Martes 8 Outubro 2024

Unha tecnoloxía feita por galegas producirá bioplásticos a partir de aceites usados

O proxecto Pretenacc, financiado polo programa Ignicia, procura a posta en marcha dun método pioneiro para fabricar plásticos de orixe vexetal

Máis da metade do plástico que se produce a día de hoxe ten un só uso. É practicamente imposible fuxir do seu consumo: a meirande parte de nós non pasamos nin unha hora sen manipular plástico: dende o noso móbil, ata calquera produto que merquemos no supermercado, pasando pola roupa que vestimos: absolutamente todo o que nos rodea está feito en base a este polímero derivado do petróleo. E isto non vai mudar no curto prazo. Coñecemos de sobra o seu impacto ambiental e, de feito, substituír o emprego do plástico por outros materiais menos contaminantes plantéxase como un dos grandes retos que temos por diante: é aquí onde aparece o bioplástico, unha alternativa máis sostible e respectuosa co medio ambiente, de orixe natural e que, nalgúns casos, ten a capacidade de degradarse sen deixar ningún resto.

Producir un bioplástico capaz de competir co plástico convencional é o obxectivo final do grupo de investigación no que traballa a doutora en Química Anuska Mosquera e do proxecto Pretenacc en particular, que ademais conta cun punto extra de dificultade: pechar o círculo. “Facemos bioplásticos a partir doutros residuos, neste caso aceites vexetais“, conta. E o modo no que o fan, por incrible que soe, semella ciencia ficción. Collede asento, que imos ao futuro.

Publicidade

Unha problemática mundial

Os bioplásticos sempre teñen unha orixe vexetal ou animal: se cadra, un dos máis coñecidos é o feito en base á fécula da pataca, mais tamén hai outras opcións, como a soia ou o millo, ou mesmos as plumas dun polo! Isto quere dicir que son materiais biobaseados. Algúns deles, ademais, son biodegradables. Son moitas as vantaxes do seu emprego, comezando pola menor pegada que ten o seu proceso de fabricación con respecto do plástico feito co combustible fósil. Porén, o seu custo aínda é moitísimo maior, feito que segue a dificultar a súa implantación en moitas industrias.

Con todo, a redución no emprego dos plásticos tradicionais é unha urxencia a nivel mundial: en tan só dúas décadas, a producción de residuos plásticos pasou de 180 millóns a máis de 350 millóns de toneladas, segundo un informe sobre a Perspectiva Mundial do Plástico emitido pola OCDE. A metade destes residuos, explica o mesmo informe, son depositados nos vertedoiros, mentres que tan só unha quinta parte recíclase finalmente. Ademáis de supoñer unha catástrofe ambiental, o plástico tamén afecta á saúde animal e humana, tal e como indican diversos estudos.

Publicidade

Comede, bacterias. Comede!

Mosquera pertence ao grupo de investigación de Biotecnoloxía Ambiental, do centro singular CRETUS (Universidade de Santiago de Compostela). Xunto a dúas compañeiras, María Ángeles Val del RíoAlba Pedrouso Fuentes, a doutora en química leva anos estudando no eido da contaminación, moi centrada, particularmente, nas augas residuais.

As investigadoras Anuska Mosquera, Alba Pedrouso Fuentes e María Ángeles Val del Río. Foto: CRETUS.

Hai un tempo decidiron probar algo novo: obter un tipo concreto de bioplástico, chamado Polihidroxialcanoato, a partires dos residuos de aceites vexetais: “Como ves, é un nome moi complexo que non nos di moito. Basicamente, o que facemos é empregar estes residuos para dar de comer a unha mestura de bacterias concretas. Elas, dun xeito natural, almacenan o alimento nunha parte das súas células, tal e como nós facemos coa graxa, para obter despois enerxía”, explica Mosquera. E, maxia: o produto final desta granxa microscópica é un bioplástico recén saído do forno, é dicir, do reactor biolóxico.

O concepto da circularidade marca todo o proceso: as científicas converten un residuo nun recurso co que xerar un valor engadido, o cal, ademais, é biodegradable. E fano empregando un proceso que xa sucede dun xeito orgánico, a alimentación desta mestura concreta de bacterias: a natureza, dende logo, sempre sorprende.

Polygo1 e Pretenacc, do básico ao aplicado

Os primeiros pasos para materializar esta idea foron froito de proxectos de hai 10 anos, entre os que se atopa o recente Polygo1, levado a cabo polas mesmas investigadoras e aínda en curso. Agora, con Pretenacc, o que procuran é levar todo este coñecemento á escala industrial e probar a efectividade deste proceso, que ademais de ser viable dende o punto de vista tecnolóxico terá que selo a un nivel económico e ambiental  se quere competir coa actual industria do plástico baseado en petróleo.

A parte máis innovadora deste novo proxecto, explica Mosquera, “está no feito de que empregamos os residuos graxos e realizamos todo o proceso nun único reactor biolóxico“, algo que ata o momento non se fixo”.

Ignicia, do laboratorio a industria

O potencial de Pretenacc é moi grande. Proba disto é que o proxecto está apoiado polo programa Ignicia, proba de concepto da Axencia Galega de Innovación, pertencente á Xunta de Galicia, o cal tenta promover o desenvolvemento de aplicacións comerciais baseadas nas investigacións levadas a cabo en centros de investigación galegos. O obxectivo final, explica Mosquera, é que o coñecemento científico xerado teña unha aplicación fóra do laboratorio. O importe concedido pola (GAIN) para levar a cabo toda a idea ascende a unha cifra de 320.700 €.

No caso do proxecto desenvolto polas investigadoras do CRETUS, o máis viable é que a súa tecnoloxía teña distintos clientes: por un lado, atópanse as empresas que xeran estes residuos como consecuencia dunha actividade vencellada maioritariamente ao sector agroalimentario e, doutra banda, os xestores de residuos, que poderían empregalos para a fabricación de biopolímeros. Ademais, explica, habería outro potencial cliente, o da industria que se centra na elaboración do produto final, o bioplástico.

Traballo en equipo

Tanto Mosquera como Val del Río e Pedrouso son investigadoras, mais neste caso tocoulles tamén adicarse á parte empresarial: “É algo que nunca fixéramos: contactar coas empresas, ver as súas necesidades e o que podemos aportar… en verdade trátase dun aspecto moi interesante e é unha sorte vivir tamén esta faceta do proceso”. En canto á organización, explica que as decisións importantes sempre se toman en conxunto. Aínda así, no día a día, toca dividir as tarefas.

Para levar a cabo o proxecto, as investigadoras de Pretenacc contan con algo máis dun ano. Polo de agora, sinala Mosquera, xa teñen un lugar no cal aterrizar e poñer a proba todo o aprendido: trátase da empresa PMA Nutrigras, xestora de aceite vexetal de cociña usado. O emprazamento da planta piloto onde levarán a cabo todo o traballo e producirán o bioplástico, explica, atópase en Mos, Pontevedra.

As solucións baseadas nos procesos biolóxicos naturais cada vez son máis recorrentes no mundo da investigación. Ao final, o viaxe ao futuro semella, en realidade, unha volta ao primario.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Unha exposición honra o Matemático Rodríguez, o primeiro científico galego internacional

A mostra, que recolle a vida e traxectoria do Científico galego deste 2024, poderá visitarse na igrexa da Universidade de Santiago ata o 12 de novembro

Foz, Cacheira ou Estebiño: estes son os apelidos en perigo de extinción en Galicia

O proxecto da USC coordinado por Ana Boullón e Xulio Sousa establece cales son os sobrenomes con orixe galega con menos ocorrencias

Galicia enteira activa a alerta laranxa ante chegada do exfuracán Kirk: como afectará?

A potente borrasca atravesará a comunidade activando avisos nas catro provincias; agárdanse importantes acumulacións de auga e fortes temporais no litoral con olas de ata sete metros

Matemáticos galegos empregan algoritmos para analizar a recorrencia dos incendios

Un proxecto do CITMAga procura mellorar a xestión dos labores de extinción nos lumes grazas ao emprego de mapas de calor e de risco