Venres 26 Abril 2024

As obras espoliadas polos nazis en Polonia que acabaron no Museo de Pontevedra

A Deputación devolverá ao Estado polaco un díptico que foi adquirido por José Fernández, fundador de Pescanova, e cedido posteriormente ao museo provincial

O espolio artístico que o exército da Alemaña nazi levou a cabo durante os anos da súa expansión por Europa móvese entre a realidade e a lenda. Hai quen fala de numerosos túneles escavados baixo as montañas nos Alpes nas que se agochaban tesouros de incalculable valor. Algúns chegaron, de feito, a atoparse, como o da mina de sal de Altaussee (Austria) onde os aliados descubriron cadros de Goya, Rubens, Rembrandt ou Manet e esculturas de Michelangelo. Pero aínda se cre que falta moito por recuperar polo mundo adiante. E o que pasou nos últimos meses en Pontevedra así o demostra, con dous cadros que estaban depositados na institución e detrás dos cales hai unha historia de película, que os leva desde o século XV ata Galicia, pasando por Polonia.

Segundo informou a Deputación esta pasada semana, o Goberno polaco contactou durante o confinamento da primavera causado pola pandemia do coronavirus para interesarse por un díptico dunha ‘dolorosa’ e un ‘ecce homo’ exposto no Museo de Pontevedra, atribuído ao pintor flamenco Dieric Bouts (circa 1420-1475). Foi Mariusz Wiśniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, o que advertiu que dúas pezas que podían observar os visitantes do Museo provincial pertencían á Colección da familia nobre Czartoryski, saqueada polos alemáns durante a Segunda Guerra Mundial. Dáse a curiosidade de que naquel momento, os depositarios do patrimonio espoliado eran o príncipe Augustyn Jozef e a súa dona María de los Dolores de Borbón-Dos Sicilias, filla do infante don Carlos. Os dous acabaron deportados e exiliados en Sevilla.

Publicidade

Como chegou o díptico a Pontevedra?

Sábese, segundo informou a propia Deputación nunha nota de prensa, que as pinturas atribuídas a Bouts saíron de Varsovia en 1944. Pero o que aconteceu ata o ano 1973 segue agochado por un veo de misterio. Sábese da connivencia do réxime franquista coa Alemaña nazi, que foi patente tamén en solo galego e nas augas do noroste ibérico, coas explotacións de volframio, as paradas dos submarinos nos portos galegos ou as fuxidas de criminais como Otto Kutschman, un dos xefes da Gestapo en Polonia, a través da rede coñecida como a Arañeira. Mais despois da caída do Terceiro Reich, os xerarcas que puideron fuxir e librarse da morte ou da prisión tiveron bo acubillo en España. É o caso do sinistro Otto Skorzeny, coronel das SS que liderou o rescate de Mussolini despois do seu primeiro arresto en 1943: viviu en España ata o seu falecemento en 1975, e no seu funeral cantouse o Cara al sol. Crese que arredor de Skorzeny e outras figuras ben relacionadas co franquismo, en España se puido dar saída aos negocios de militares con pasado nazi e que, entre eles, é probable que estivera o das obras de arte espoliadas durante a Segunda Guerra Mundial.

Mais nada se pode confirmar. En 1973 as obras apareceron no comercio de arte en Madrid. E foron adquiridas nalgún momento por José Fernández López, o empresario fundador de Zeltia ou Pescanova e que foi un dos principais mecenas do Museo de Pontevedera. O díptico ingresou na institución como depósito de Fernández e, desde 1994, son propiedade da Deputación despois da compra da colección do empresario (313 pinturas de autores e cronoloxías diversas) coa colaboración da Deputación, a Xunta de Galicia e o Concello de Pontevedra.

https://twitter.com/depo_es/status/1337370295473074180

“Desde o momento no que tivemos coñecemento desta delicada circunstancia tratamos de determinar a trazabilidade e analizar as condicións nas que chegaron ao Museo de Pontevedra”, explicou o pasado venres o director do Museo de Pontevedra, Xosé Manuel Rey. “Descoñecemos onde e en que momento foron adquiridas por Fernández López, pero todo parece indicar que puido telo feito nun dos establecementos da familia Maragall, a Sala Parés de Barcelona ou a Galería El Cisne de Madrid, das que era cliente habitual”, engadiu Rey.

O díptico atribúese a Bouts, principal representante da Escola de Lovaina, e constitúen un bo exemplo dunha tipoloxía da que se conservan numerosos exemplares en museos e coleccións particulares, realizados polo artista, ou ben polo seu taller e imitadores. No caso das pezas do Museo a súa valoración rolda os 23.000 euros cada unha, ao facer unha estimación en base ao prezo pagado por toda a colección Fernández López (600 millóns de pesetas) integrada por 313 obras.

Exposición e devolución a Polonia

Despois de obter estes datos e de seren contactados polo Goberno polaco, acudiuse a Ana María Diéguez Rodríguez, especialista en pintura flamenca e actual directora do Instituto Moll (Centro de Investigación de Pintura Flamenca radicado en Madrid e referencia para esta temática) quen apuntou como impresión preliminar que se trata das mesmas obras espoliadas en Polonia.

Unha vez constatado o feito, a Deputación e o Museo iniciaron os trámites para devolver as pezas ao Goberno polaco “con orgullo e con reparación histórica”, segundo avanzou o vicepresidente da Deputación, César Mosquera.

Segundo subliñou o director do Museo, desde o primeiro momento, “a nosa preocupación foi que o Ministerio de Cultura de Polonia nos recoñecese como adquirentes de boa fe, e obrar de acordo coa normativa internacional e co código deontolóxico de museos do ICOM (Consello Internacional de Museos)”.

Unha vez coñecido o valor histórico das pezas, desde o Museo tense a intención de realizar unha pequena exposición na que se poidan ver as táboas, para contextualizar o problema das destrucións e espolio do patrimonio durante os conflitos bélicos. Do mesmo xeito, a Deputación insiste na “honorabilidade do Museo, asegurando que é o momento de “converter un problema nun éxito de colaboración entre as institucións pertencentes a ambos países”.

Actualmente os cadros estaban actualmente na sala de reserva, mais formaban parte das mostras permanentes dos edificios centrais do Museo agora clausurados. “Son dúas obras significativas” dixo o director do Museo, que confirmou que serían obxecto de rehabilitación e exposición no futuro de non ser pola súa próxima devolución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:54:16

Begoña Vila: “Cando son a única muller nunha reunión xa non o penso. Aprendino co tempo”

A astrofísica da NASA clausura o ciclo 'Ciencia en feminino' facendo un repaso á súa traxectoria como muller e científica
00:00:00

EN DIRECTO | Ciencia en feminino. Entrevista con Begoña Vila

A astrofísica viguesa traballa actualmente na NASA e conta a súa experiencia como muller científica nun campo tradicionalmente masculinizado
00:59:50

“A presión que hai en España por investigar fóra non a hai noutros países”

As científicas galegas Raquel Lama, Cristina Lazcano e Carmen Figueras participaron na terceira sesión de ‘Ciencia en Femino’ para falar sobre as súas experiencias investigadoras no estranxeiro
00:36:16

“As mulleres teñen que dar un paso adiante e crer que poden emprender”

Na segunda sesión de Ciencia en Feminio a CEO de Hifas da Terra, Catalina Fernández, explica que a ciencia debe ser “vendible” e beneficiosa para a vida das persoas