Venres 29 Marzo 2024

Das Boot: os submarinos alemáns en Galicia na II Guerra Mundial

Os U-boot de Hitler facían escala secreta nos portos de Vigo e Ferrol para fornecerse de alimento e combustible, e deixar feridos

En 1981, Das Boot (‘O submarino’) converteuse nun fito do cinema europeo. Wolfgang Petersen empregou un orzamento de 18,5 millóns de euros e recadou en entradas máis de 80. Tamén obtivo seis candidaturas aos Óscar.

A cinta alemá estaba baseada no libro autobiográfico de Lothar-Günther Buchheim, un xornalista que patrullara como fotógrafo a bordo do somerxible U-96 durante a Segunda Guerra Mundial. O filme achegou unha nova visión da arma submarina durante a contenda, un auténtico inferno no que estiveron atrapados 41.000 mariños do III Reich, dos que 26.000 morreron, unha brutal porcentaxe do 63 por cento.

Publicidade

Os espectadores comprenderon que aqueles verdugos foran tamén vítimas. Hitler enviounos en condicións penosas cara á morte. Algúns daqueles submarinistas, case uns nenos, eran nazis convencidos, pero moitos outros simplemente cumprían co seu deber.

O U-760, internado no porto de Vigo.

Nunha importante pasaxe da película, o U-96 entra na ría de Vigo. Alí toma combustible e carga víveres nun buque alemán internado, que non é outro senón o Bessel, que efectivamente pasou toda a contenda fondeado fronte a Vigo, servindo en varias ocasións como apoio aos ‘lobos grises’ do almirante Doenitz.

Agora, case catro décadas despois da estrea de ‘Das Boot’, a súa historia regresa cunha aplaudida serie de oito capítulos que foi estreada pola canle AMC. Que volve retratar unha historia na que Galicia tivo un gran protagonismo durante a guerra mundial. Porque, do mesmo xeito que o U-96 da película, outros moitos submarinos alemáns recalaron en nos portos de Vigo e Ferrol en segredo. Anótao o propio Karl Doenitz nos cadernos de bitácora que enchía cada día durante a guerra. Así, o 4 de novembro de 1939, anota: “O Alto Mando Naval infórmame de que dez buques alemáns estarán listos para saír do porto de Vigo a mediados de novembro e solicitan que lles sexa dada protección de submarinos no seu camiño a casa”.

As referencias aos portos galegos son incontables. O 11 de xaneiro de 1942, Doenitz escribe no seu diario que deu ordes ao U-373 de dirixirse ao porto de Ferrol, tras recibir un ataque dun avión aliado. Mentres que o 31 de xaneiro de 1940 ordena ao U-25 dirixirse a Vigo, para interceptar un convoi francés do que lle informaron os seus espías na cidade olívica.

Documento do interrogatorio ao U-172, e a sua escala en Vigo.

Tamén aparecen as escalas en Vigo e Ferrol nos interrogatorios da Mariña dos Estados Unidos aos alemáns prisioneiros. O capitán do U-172, Hermann Hoffmann, relata como abasteceu ao seu somerxible en Vigo na súa última misión, antes de ser afundido no medio do Atlántico o 13 de decembro de 1943.

Os 46 sobreviventes foron interrogados ata obter un completo informe de oitenta folios. Nel, Hoffmann detalla que repostou combustible dentro da Ría de Vigo, co buque tanqueiro “ Bessel”, e que patrullou fronte ás illas Cíes, “mergullado de día e emerxido de noite, para evitar os radares inimigos, un avión de patrulla que sobrevoaba a zona, e ser descubertos polos barcos pesqueiros locais”.

Entre os moitos documentos sobre as escalas de submarinos U-boot en Galicia, destaca este interrogatorio do capitán do U-66, que narra a súa escala en Ferrol. É un testemuño moi revelador da operativa dos ‘lobos grises’ para fornecerse en Galicia: “O 25 de setembro de 1942, o U-66 avanza mergullado de 1 a 1,5 nós sobre as 10.00 da hora alemá de verán. O submarino permanece deitado no fondo da baía do Ferrol a unha profundidade de 80 pés ata a completa escuridade, que se rexistra ás 23.00 horas. A esa hora, emerxe e avanza a 7 ou 8 nós ata que atopa ao tanqueiro “Georg Albrecht” (…) Empregando a mangueira do tanqueiro, o U-boot toma 15 metros cúbicos de diésel, ademais dunha pequena cantidade de mazás e de froita enlatada. Un bombeiro chamado Ehrlichmann, que se atopaba enfermo, foi transferido ao tanquero. Despois de recobrarse dunha operación de estómago, retornou a Lorient de novo antes da seguinte patrulla. Sobre as tres cuartas partes da tripulación do U-boot subiu a bordo do tanquero para comer e beber”.

O desembarco do tripulante ferido amósanos que tamén era común empregar os portos galegos para evacuar a mariñeiros que precisaban atención médica. Casas controladas polo Partido Nazi en Galicia e polos consulados alemáns permitían dar acubillo con discreción a estes militares, fóra da atención das redes de espionaxe aliadas presentes tamén no país.

Como o U-66 ou o U-172, hai outros moitos casos de submarinos que recalaron en Galicia, aínda que ben é certo que os somerxibles de Karl Doenitz preferían os Azores, porque a costa galega estaba moi vixiada polos espías aliados.

Naquelas operacións, moitos submarinos alemáns foron afundidos fronte a Galicia. En concreto, contabilizamos 37 afundimentos documentados en augas próximas á costa galega. E non menos de 1.400 tripulantes alemáns atoparon a morte fronte a Galicia. No caso de Vigo, están afundidos fronte ás Cíes tres submarinos: U-506, U-134 e o U-523, todos eles en 1943, mentres que un cuarto, o U-760, houbo de refuxiarse no porto da cidade olívica con serios danos tras sufrir un ataque. Vixiado polo cruceiro Navarra fronte ao actual edificio do Náutico, foi entregado aos aliados ao concluír a guerra.

Ademais das escalas programadas, para fornecerse de combustible e víveres nas rías de Vigo e Ferrol, os U-boot tamén atoparon en Galicia un refuxio seguro tras recibir ataques da aviación aliada que patrullaba ata a costa galega. Tal foi o caso do U-966, que foi afundido na Mariña lucense pero que contou coa axuda da poboación local para salvar a moitos dos seus tripulantes, incluído o seu capitán quen tras a guerra remataría por casar cunha moza galega da zona.

Aínda non sabemos se o U-612, que protagoniza a nova serie ‘Das Boot’ que emite AMD, recalará en Vigo como o fixo o U-96 da película de 1981. Pero sen dúbida tería toda lóxica pola estreita relación con Galicia daquelas mandas de lobos do almirante Doenitz.

E aquí podes ler a historia do U-760 en Vigo:

U-760, o submarino nazi que viviu a Guerra Mundial no porto de Vigo

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.