O U 760 pasou o resto da guerra amarrado ao porto de Vigo.

U-760, o submarino nazi que viviu a Guerra Mundial no porto de Vigo

Ducias de submarinos alemáns da II Guerra Mundial están afundidos en augas fronte a Galicia. Son algunhas das vítimas da batalla do Atlántico entre as mandas de lobos do almirante Karl Doenitz e as armadas aliadas. Pero un deles ten unha historia única. A dun xigantesco golpe de sorte. Que salvou a vida do capitán Blum e dos seus tripulantes a bordo do U-760.

O 8 de setembro de 1943, cando a batalla do Atlántico chegaba ao seu cénit, a tripulación deste somerxible alemán salvou a vida grazas a unha parella de pesqueiros de Bouzas. O buque quedou amarrado no porto vigués da Laxe durante boa parte da contenda, e o seu motor diésel foi desmontado e rematou por converterse no xerador da Compañía de Tranvías en Coruxo. A historia deste lobo solitario foi unha das máis interesantes en Galicia na II Guerra Mundial.

submarino U 760

A aventura final do U-760 comeza o 24 de xuño de 1943, cando abandona a súa base de La Rochelle, na Francia ocupada, baixo o mando do capitán Otto-Ulrich Blum. Durante meses, o somerxible vaga polo Atlántico na procura de convois de subministros aliados.

Falamos dun modelo do tipo VIIC, o que máis fabricou a Kriegsmarine, e que contaba 67 metros de eslora e 6,2 de manga. Equipado con cinco tubos lanzatorpedos, contaba con varios canóns antiaéreos. E a súa autonomía de 15.800 quilómetros garantía que puidese pasar longas tempadas de patrulla.

O ano 1943 xa é un auténtico inferno para a forza submarina nazi. Os avances do radar e dos avións de combate de grande autonomía, como os B-29 Liberator estadounidenses, están a poñer nunha situación crítica aos submarinos do almirante Karl Doenitz.

O U 760 foi atacado por un hidroavión aliado que o deixou á deriva fronte a Galicia

Durante todo o verán, o somerxible do capitán Blum foi incapaz de atacar a ningún navío inimigo. Tiña dabondo con evitar ser descuberto. A finais do mes de xullo, á 150 millas do cabo Fisterra dous hidroavións Consolidated Catalina localizaron ao U-760, que logrou escapar da agresión. Máis tarde, a mediados de agosto, recibiu un novo ataque, no que o U-boot resultou danado, ademais de anotar a baixa do cabo Günter Werner.

Finalmente, o 8 de setembro de 1943, cando tentaba regresar á súa base en La Rochelle, é de novo atacado por un hidroavión. Algunhas fontes afirman que se trataba dun Wellington inglés. Por máis que o capitán Blum ordena unha rápida inmersión, é alcanzado por unha carga de profundidade que obriga a volver a saír á superficie, xa con importantes danos na súa estrutura.

O U-760 queda exposto, esperando ser rematado polo avión inimigo. Pero sorprendentemente aparecen en escena dous avións Messerchmitt alemáns que fan fronte ao hidroavión inimigo. A Luftwaffe sae así ao rescate da Kriegsmarine e permite ao capitán Blum salvar o seu navío, aínda que queda ao pairo, esperando un improbable remolque.

A sorte volve sorrir a Blum e aos seus lobos grises. Porque aparecen dous barcos do barrio mariñeiro vigués de Bouzas, o Salvador Lago e o Novo Florentino Lago, ambos do mesmo armador, que divisan ao submarino cando se dirixían a faenar aos seus caladoiros habituais.

Os capitáns deciden dar remolque ao somerxible, que entra na ría de Vigo, a florte, con visibles danos, arrastrado pola parella pesqueira de Bouzas.

Tripulantes do U 760 en Ferrol.
Tripulantes do U 760 en Ferrol.

A noticia corre pola cidade como un regueiro de pólvora. Curiosamente, non aparece nos xornais da época, pola forte censura imposta no relativo a Guerra Mundial. Pero as autoridades dispoñen todo para acoller a tan incómodo convidado. Mentres os espías aliados e nazis que operan en Vigo comunican o suceso aos seus gobernos. Decontado, chegan mensaxes a Madrid esixindo que non se desa acubillo ao somerxible e que se impida que volva zarpar para incorporarse á guerra.

Hai que lembrar que, neste momento, a situación de Alemaña comeza a ser difícil para calquera observador. Esmagados en Stalingrado e débiles no Mediterráneo, o exército de Hitler fraquea e cada día semella máis claro que a guerra se vai decantar do bando dos aliados. Franco teme agora de verdade as ameazas de Londres ou Washington. Non fora así un ano e medio at´ras, en abril de 1942, cando desoíu as queixas británicas por internar ao U-573 en augas de Cartaxena durante meses. Pero agora é distinto. E a Comandancia de Vigo, tras recibir ordes dende Madrid, apréstase a poñer o submarino baixo arresto do cruceiro Navarra, no peirao da Laxe.

A lei internacional dita que un porto neutral non pode acoller en tempo de guerra a barcos dun país belixerante durante máis de vinte e catro horas. De xeito que, aínda que os traballos de reparación chegan a ser frenéticos, pronto resulta evidente que o U-760 non volverá á batalla. Sería preciso moito tempo para poñelo en orde de combate.

En calquera caso, o capitán Otto Blum, agradecido, agasalla ao armador dos pesqueiros de Bouzas co seu compás e os seus prismáticos, como presente entre cabaleiros do mar. A familia Betanzos, que teñen actualmente un establecemento de efectos navais no barrio mariñeiro vigués, conservan hoxe como un tesouro estes dous obxectos.

Para garantir que o submarino non poida abandonar o porto, ordénase retirar a súa hélice. Sen embargo, un tripulante é sorprendido cando tenta colocar unha nova hélice de madeira que el mesmo ten fabricado.

O U 760 e o cruceiro Navarra.
O U 760 e o cruceiro Navarra.

Finalmente, decídese retirar o motor do submarino, que é trasladado á estación de tranvías do barrio de Coruxo, onde pasará a prestar servizo durante anos, moitos máis aló da fin da II Guerra Mundial.

O 16 de outubro, o comandante Blum e a súa tripulación son trasladados ao porto de Ferrol. No Arquivo Histórico do Ministerio de Asuntos Exteriores consérvanse fotos destes mariños, tomando o sol nas terrazas da base naval ou xogando ao fútbol.

O U-760 pasaría o resto da guerra atracado no peirao da Laxe, no centro de Vigo. Ata que, ao remate da contenda, sería levado para o seu afundimento en augas do Atlántico Norte, dentro da operación Deadlight.

O capitán Blum tería unha longa vida tras da guerra. Morrería en Bona no ano 2002, recordando que foi un lobo gris da Kriegsmarine. E que tivo moita sorte un día de verán no que dous pesqueiros de Vigo acudiron a socorrelo en plena guerra das mandas de lobos de Hitler.

3 COMENTÁRIOS

  1. Hello Eduardo Rolland,

    I am writing a book over the submarine U760 and wants to get in contact with you. Could I write you a e-mail ?

    Best regards
    Markus Lais

  2. O artículo está moi ben, pero atopo un fallo bastante grande: nunca existiron os “B-29 Liberator”. Os bombardeiros que si actuaron no Atlántico contra os submarinos alemáns foron, e de feito os máis exitosos e supoño aos que se refire o artículo, os Consolidated Vultee B-24 Liberator (Liberador), ademáis dos Boeing B-17 Flying Fortress (Fortaleza voante); ámbolos dous modelos foron utilizados tanto polas Forzas Aéreas dos EEUU coma polo Coastal Command (Mando costeiro) da RAF contra os submarinos alemáns, ademáis de efectuar misións de bombardeo contra obxectivos en terra en Europa.
    O B-29, máis exactamente o Boeing B-29 Superfortress (Superfortaleza) foi unha evolución do B-17 antes mencionado pero a diferencia deste, o B-29 non actuou sobre Europa, senón contra o Xapón, e de feito foi o modelo de bombardeiro que lanzou as bombas atómicas tanto sobre Hiroshima coma sobre Nagasaki.
    Un saúdo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.