“Cada vez que baixas ás profundidades, a sensación é incrible, ves que estás facendo exploración pura e dura porque estás vendo rochas e organismos que ninguén antes vira na historia da Humanidade. Cada metro é terra incognita. En cada inmersión estamos descubrindo catro ou cinco especies novas, moitas delas de familias descoñecidas”, resume Héctor Salvador Fouz (Lugo, 1983). En abril, este enxeñeiro aeronáutico de Lugo pousouse, dentro do submarino DSV Limiting Factor da empresa Triton Submarines, no abismo da Serea, o segundo punto máis profundo da Foxa das Marianas e o terceiro máis fondo do mundo, con 10.706 metros de profundidade. O rexistro de Héctor, que descendeu como copiloto do seu compañeiro Tim MacDonald, supón un fito xa que se converteu no primeiro galego e español en acadar un dos lugares máis fondos e inhóspitos do planeta.
Héctor estudou no IES Lucus Augusti, fixo Enxeñaría Aeronáutica na Universidad Politécnica de Madrid e estaba traballando na Axencia Espacial Europea cando lle chegou a oportunidade de traballar na exploración submarina. “Estaba na ESA e comezamos un proxecto de formación de astronautas en hábitats subacuáticos, e a través disto coñecín unha empresa que se dedicaba a facer submarinos e buscaba pilotos. Presenteime, seleccionáronme, comecei a formación e vin que isto era o que realmente me apaixonaba”, lembra. Agora é director de operacións de Triton Submarines.
Destaca este enxeñeiro lucense que as viaxes submarinas son, e serán no futuro, unha fonte de novos coñecementos con gran potencial para a ciencia aplicada.”Cando se fala de explorar lugares descoñecidos, a maioría da xente pensa no espazo, pero en realidade, no fondo do mar tamén queda moitísimo por coñecer. Descubrir bacterias en Marte é moi importante, pero é que no fondo do mar estamos nun ecosistema que inflúe directamente no noso ciclo da vida; alí tamén podemos ter respostas sobre a nosa evolución, e poden atoparse moitos fármacos, por exemplo, para diversas enfermidades”.

Como é a foxa das Marianas? Placas tectónicas e vida extrema
O fito de Héctor foi inesperado. En principio non estaba previsto que baixase ata a foxa das Marianas, pero un imprevisto na misión levouno a montarse no submarino. “Nunha das misións quedou atascado un módulo científico, e tivemos que baixar a rescatalo. Avisáronme ás 11 da noite para baixar ás 4 da mañá, así que o tempo de preparación foi mínimo. Non fun capaz de durmir nada”. Foron catro horas e media de descenso e, en total, a misión durou 12 horas.
A foxa, explica, é bastante distinta do que se adoita representar nos libros de texto. “Crese que é unha fenda, un canón moi estreito; pero estamos falando dunha escala enorme, de miles de quilómetros de lonxitude e varios de ancho, que probablemente se estiveramos camiñando por ela non nos decatariamos do desnivel, é moi gradual. Aterramos na zona central da sima da Serea, e fomos movéndonos cara ao norte”.

Nesta expedición, Héctor puido ver de preto o encontro das placas tectónicas. “Achegámonos á parede da placa das Marianas, que é a que está por riba da placa Pacífica. Notas algo de desnivel e ves as grandes rochas de manto, dun tamaño descomunal, cos bordos afiados, que están sendo arrancadas por este proceso. É unha paisaxe dramática”.
Neste panorama hostil, destaca Héctor, tamén se fai oco a vida. “Unha das cousas máis emocionantes é ver que estas rochas xa están colonizadas por formas de vida. Ata hai pouco tempo era impensable que puidera existir vida nunhas condicións tan extremas de presión, de falta de luz… Poder ver que hai vida aquí é sobrecolledor”.
A misión de rescate permitiulle tamén a Salvador desfrutar dun tempo engadido para coñecer o abismo. “Tiñamos que esperar unha hora e media no fondo para que o módulo subira, para non cruzarnos na columna de auga. Entón aproveitamos para explorar o fondo e puidemos tomar unha mostra de sedimento para estudar os microorganismos que viven nas zonas de subdución das placas”.
Unha ferramenta de investigación de gran potencial

A empresa Triton Submarines está abrindo, de feito, unha nova xanela neste eido, xa que o submarino no que viaxou Héctor Salvador é o primeiro certificado para facer inmersións de gran profundidade. “Sentímonos un pouco como os pioneiros da aviación a comezos do século XX”, resume. Nunha das misións co mesmo submarino, en 2019, o explorador Victor Vescovo superou o récord mundial de profundidade, superando o rexistro do batiscafo Trieste, a misión pioneira de Don Walsh e Jacques Piccard, que no 1960 chegou a 10.916 metros, e do cineasta James Cameron, que chegou aos 10.908 metros en 2012, sendo o humano en solitario que máis abaixo chegara ata ese momento.
O deseño e as capacidades do vehículo permiten que poida traballar continuamente; unha vez cargadas as baterías, pode regresar ás profundidades. “En cinco días fixemos catro inmersións a 10.000 metros de profundidade. Regresa á cuberta, carga as baterías e volves. É unha porta aberta a calquera punto de calquera océano, que é algo que a Humanidade non tiña ata hai dous anos. É un avance moi relevante que require, por tanto, dun importante investimento. “Os custos de certificación supoñen sobre un 60% do orzamento total”.
Esta posibilidade xa lle fixo vivir a Héctor momentos moi emotivos a bordo do aparello. “No 2013 mergullámonos para buscar o calamar xigante. Con nós baixou un científico xaponés que levaba toda a vida estudándoo. E cando por fin apareceu, e quedou a apenas tres metros do submarino, facendo contacto ollo con ollo, este científico botou a chorar da emoción, por poder ver cara a cara o obxecto de toda unha vida de investigación. Iso non pode substituírse con cámaras, ou vehículos non tripulados, ou con alguén que cho conte”, recorda Salvador.
Ademais, o deseño do aparello facilita a viaxe a calquera persoa: “A sensación é moi tranquila, porque unha vez que configuras o submarino para iniciar a inmersión descende polo seu propio peso. A presión é a mesma ca en condicións normais, vas en completo silencio, na máis absoluta escuridade, e cada 15 minutos falamos coa superficie para informar sobre o progreso da misión. Calquera persoa pode viaxar nel, e isto permite que sexan os científicos os que poidan ver de primeira man e cos seus propios ollos o obxecto da súa investigación”.