Martes 21 Maio 2024

Estudantes da UVigo lanzarán un nanosatélite para estudar microorganismos no espazo

A asociación UVigo Space Lab impulsa o proxecto BIXO, que prevén culminar coa posta en órbita do aparello "non antes de 2023"

Nun contexto no que moitas axencias espaciais pensan na posibilidade de realizar viaxes a Marte, unha vintena de estudantes de catro enxeñarías dos campus de Ourense e Vigo puxo en marcha UVigo SpaceLab, un equipo multidisciplinar dedicado ao deseño, fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais no eido da educación. Conscientes das grandes perspectivas de futuro deste sector e co apoio de investigadores e empresas, os membros de SpaceLab traballan desde hai meses nunha misión biolóxica que ten por obxectivo analizar os efectos reais da exposición prolongada dos microorganismos ao medio espacial.

O proxecto denominado BIXO (Bacteriological Intercommunication eXperiment) ten un horizonte temporal de tres anos e, de cara as seguintes etapas, a asociación busca novos membros a través dunha convocatoria dispoñible para todas as alumnas e alumnos da Universidade ata o vindeiro 27 de maio.

Publicidade

BIXO xurdiu cando un dos membros de UVigo SpaceLab convenceu a todo o equipo para levar vida ao espazo, “unha proposta prometedora” que permitiría “contribuír á exploración espacial futura”. Unha vez definido o propósito da súa misión, SpaceLab contactou coas expertas e expertos co Centro de Investigación Biomédica da Universidade de Vigo, Cinbio, que, como afirman os estudantes que conforman o laboratorio, “axudaron a desenvolver o concepto do experimento e chegar onde nos atopamos actualmente”.

O proxecto BIXO ten a finalidade de “entender como afecta a exposición prolongada ao ambiente espacial, tanto nos humanos como nos organismos que viaxan con eles”. Para cumprir este obxectivo, enviaranse cultivos bacterianos ao espazo a través de tarxetas de milifluídica nun CubeSat, un satélite de pequenas dimensións. A análise dos datos das mostras comezará cando este nanosatélite estea en órbita e, grazas aos seus sensores, terá en consideración distintos parámetros do comportamento dos microorganismos, como o seu crecemento ou a posible comunicación intercelular bacteriana.

Estudantes da UVigo crean un laboratorio para desenvolver satélites e misións espaciais

A importancia dos procesos examinados é máxima xa que poden influír na saúde e seguridade das astronautas. No caso dos patóxenos é evidente, pois tanto o seu desenvolvemento como a comunicación intercelular poden xerar resistencia aos antibióticos, crear biofilms ou mesmo orixinar factores virulentos.

O calendario de traballo do proxecto BIXO conta con varias etapas, fixadas en base aos estándares ECSS, European Cooperation for Space Standardization, da Axencia Espacial Europea. Despois de acadar o primeiro punto do seu programa, UVigo SpaceLab atópase na fase A, pois segundo Manuel Diz, un dos integrantes do grupo, “logramos definir a misión e todos os requisitos necesarios para obter os datos que buscamos, e agora comeza o desenvolvemento dos subsistemas e da carga útil que levará a cabo o experimento en órbita”.

O plan para este 2021 é completar as fases A e B, que supoñen o deseño preliminar e o prototipo da estrutura e os distintos subsistemas. En 2022, a asociación centrarase nos pasos C e D, comezando coa ensamblaxe e verificación da misión. Paralelamente, UVigo SpaceLab executará probas preliminares cos organismos que serán enviados no CubeSat, “para asegurar que poderán sobrevivir á viaxe”.

Reunión da UVigo SpaceLab co equipo do Cinbio. De esquerda a dereita: Manuel Vale, Lucía Amaro, Isabel Pastoriza, Gustavo Bodelón, Jorge Pérez, Carmen Sieiro e Manuel Diz. Foto: Duvi.
Reunión da UVigo SpaceLab co equipo do Cinbio. De esquerda a dereita: Manuel Vale, Lucía Amaro, Isabel Pastoriza, Gustavo Bodelón, Jorge Pérez, Carmen Sieiro e Manuel Diz. Foto: Duvi.

Na última etapa, “non antes de 2023”, lanzarase o CubeSat á  súa órbita obxectivo. O experimento prolongarase entón nove meses, que é o tempo que duraría unha viaxe entre a Terra e Marte na actualidade, como explican os estudantes. Nese tempo, as investigadoras e investigadores descubrirán as diferenzas entre os procesos ocorridos no espazo e os que suceden no contexto terrestre e poderán demostrar que o envío de microorganismos en viaxes longas é viable para a consecución doutros fines.

De acordo con Diz, a acollida do proxecto foi moi positiva “dentro do ámbito da Universidade de Vigo, entre o estudantado e persoal das distintas escolas e facultades”, pero tamén fóra, xa que nos últimos meses a misión incorporou diversas empresas patrocinadoras. Dentro da Universidade, o grupo conta coa colaboración da catedrática Carmen Sieiro, para o deseño da investigación biolóxica, e dos profesores Isabel Pastoriza e Jorge Pérez, do Departamento de Química Física. Así mesmo, todo o traballo está a ser analizado polos docentes Arno Formella, Fermín Navarro e Fernando Aguado, que tamén é responsable da Agrupación Aeroespacial da UVigo.

Nacido no ano 2020, o equipo de UVigo SpaceLab abrangue actualmente estudantado das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática. 

Sabedores dos desafíos dos vindeiros anos e co fin de ampliar o grupo e a súa capacidade de traballo, os membros de SpaceLab acaban de lanzar unha convocatoria aberta a todo o alumnado da Universidade ata o 27 de maio. As candidatas e candidatos deberán cubrir un formulario en liña, acudir a unha entrevista e, no caso de seren seleccionados, participar nunha formación extensa no eido dos pequenos satélites. O único requisito de inscrición é “ter ganas de participar nunha misión apaixonante”. 


Podes ler a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un artigo da UVigo, o mellor de 2023 no eido da mecánica de rochas

A revista 'Rock Mechanics and Rock Engineering' galardoa a dous investigadores da institución galega por un estudo sobre a Pena do Equilibio, en Ponteareas

A feira ‘A ciencia que vén’ celebrarase por primeira vez en Pontevedra

O evento da UVigo englobará unha serie de obradoiros, actividades lúdicas e charlas divulgativas

A regulación térmica das aves podería ter a súa orixe nos dinosauros do Xurásico

Un estudo da UVigo pon de relevo o posible vínculo entre o clima e a evolución dos animais prehistóricos

A UVigo deseña un modelo para predicir os efectos do cambio climático na biodiversidade

Un equipo da Escola de Enxeñaría Forestal de Pontevedra desenvolve un sistema capaz de propoñer melloras que reduzan o risco de incendios e inundacións