Arriba, as os integrantes do equipo do campus de Vigo (de esquerda a dereita): Elena Puga, Manuel Vale, Alejandro Camanzo, Manuel Diz, Lucía Amaro, Pablo Chedas, Isaac Salgueiro, Pedro Carro e Fernando de Peroy. Abaixo: Integrantes do equipo do campus de Ourense (de esquerda a dereita): Miquel Barceló, Sergio García, Andrés Rabuñal, Ángela Medín, Saul Blanco e Borja Graña. Foto: Duvi.
Arriba, as os integrantes do equipo do campus de Vigo (de esquerda a dereita): Elena Puga, Manuel Vale, Alejandro Camanzo, Manuel Diz, Lucía Amaro, Pablo Chedas, Isaac Salgueiro, Pedro Carro e Fernando de Peroy. Abaixo: Integrantes do equipo do campus de Ourense (de esquerda a dereita): Miquel Barceló, Sergio García, Andrés Rabuñal, Ángela Medín, Saul Blanco e Borja Graña. Foto: Duvi.

Estudantes da UVigo crean un laboratorio para desenvolver satélites e misións espaciais

O equipo, das escolas de Telecomunicación, Aeronáutica, Industrial e Enxeñaría Informática, xa presentou un proxecto á Axencia Espacial Europea

Xatcobeo, Humsat-D, Serpens e Lume-1. A historia recente da Universidade de Vigo non se pode entender sen o traballo que desde hai máis de 13 anos están a desenvolver docentes, investigadores e alumnado e co lograron converter á institución académica viguesa nunha referencia no deseño, fabricación e operación de cubesats, pequenos satélites de 10 cm de arista e masa inferior a 1,33 kg.

Logo do deseño, construción e posta en órbita de catro nanosatélites entre os anos 2008 e finais de 2018, neste 2020, que está a piques de rematar, preto dunha vintena de estudantes das escolas de enxeñaría de Telecomunicación, Aeronáutica e do Espazo, Industrial e da Escola Superior de Enxeñaría Informática toman a remuda coa posta en marcha de UVigo SpaceLab, unha asociación de estudantes e egresados, asesorados por docentes, co obxectivo de “deseñar, fabricar, verificar e operar pequenos satélites e misións espaciais”. Así explica Manuel Diz, un dos estudantes que integran o grupo, a finalidade de UVigo SpaceLab, que comezou a xestarse a principios de ano, cando varios estudantes acordan preparar unha proposta para participar nunha xornada de traballo que a Axencia Espacial Europea (ESA) celebraba en Bélxica. “O equipo presentou á ESA Academy un proxecto de microtelescopio espacial Open Little Luminary Observatory (OLLO), que representaba o primeiro intento concreto de realizar unha misión de observación espacial no reducido formato dun cubesat”, detalla Diz, que lembra que varios dos membros do equipo, como recoñecemento ao seu traballo, foron seleccionados para visitar as instalacións da axencia en Bélxica, xunto a outros estudantes de universidades de toda Europa.

Logo da proposta presentada á ESA, as e os integrantes de UVigo SpaceLab están a estudar dúas posibles misións en satélites 1U (100X100X100 mm) ou pocketcube, unha de observación da Terra e outra de carácter máis científico, no campo da bioloxía, para o que están na procura de empresas que queiran patrocinar o proxecto. “Actualmente aínda non decidimos a plataforma, se cubesat ou pocketcube, un estándar de pequeno satélite menor que un cubesat, e que dependerá das análises técnicas se é viable nun ou noutro”, sinala Manuel Diz.

Equipo de traballo no Campus de Ourense. Foto: Duvi.
Equipo de traballo no Campus de Ourense. Foto: Duvi.

O laboratorio que nace para complementar a formación académica que recibe o alumnado nun proxecto real e multidisciplinar, similar ao que poden atopar cando emprendan a súa vida laboral, conta co asesoramento do docente, investigador e responsable da Agrupación Aeroespacial da Universidade de Vigo, Fernando Aguado e dos tamén docentes e investigadores da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, Arno Formella, e Fermín Navarro, que recentemente participou na misión internacional Solar Orbiter, un proxecto conxunto da NASA e a ESA coa finalidade de obter as medicións solares máis precisas ata a data.

“Ilusionado e co máximo apoio pola miña parte. Que o que comezou co proxecto educacional Xatcobeo lograse a atención do alumnado da Universidade é moi ilusionante”, asegura Fernando Aguado, para quen este tipo de proxectos multidisciplinares axudan a formarse ao alumnado, non só como mellores enxeñeiros, senón tamén persoalmente, “xa que o traballo en grupo é crucial”. Os tres docentes, aos que poderían sumarse outros profesores de diversas enxeñarías que xa manifestaron o seu interese no proxecto, desenvolverán un traballo de advisor ou conselleiro coa case vintena de estudantes e egresados que a día de hoxe integran o laboratorio e que podería ver incrementado o seu número nun futuro, se a carga de traballo así o requerise.

A posta en marcha de UVigo SpaceLab produciuse logo dun duro traballo do alumnado e do profesorado, recoñecen os estudantes que conforman a laboratorio, que fronte a proxectos similares que existen noutras universidades, onde se involucran máis a investigadores e docentes, destacan que no caso de Vigo, SpaceLab “é liderado e dirixido por estudantes, aínda que teñamos profesores como advisors”. Neste sentido, Aguado considera que o modelo é moi interesante e “complementario ás actividades de investigación, tal e como demostran, por exemplo, os laboratorios de estudantes das universidades de Calpoyly en USA, apoiado e fomentado polo profesor Jordi Puig e en Noruega, na Universidade de Trondheim NTNU”.

Aínda que a finalidade de UVigo SpaceLab é principalmente educativa, o alumnado que o integra tamén quere aproveitar esta iniciativa para participar en congresos e xornadas de traballo de ámbito educativo dentro de sector espacial, ao tempo que tamén lle permitirá “ao alumnado formado dentro da asociación integrarse nos proxectos de investigación da Universidade, así como en empresas do sector aeroespacial de Galicia, a nivel nacional e internacional”, apunta Fernando Aguado.


Podes ler a noticia completa do DUVI nesta ligazón.
 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.