A revisión de 20 anos de estudos é clara: non hai beneficio en beber alcol moderadamente

Un traballo de investigadores españois conclúe que o nivel seguro fronte ao risco de posibles doenzas é non consumir estas bebidas

Unha revisión científica de artigos publicados nos últimos 20 anos, desenvolvida por científicos de varias instucións españolas e publicada na Revista Española de Salud Pública, conclúe que non hai evidencias de que o consumo de diferentes bebidas alcohólicas teña un efecto diferencial na aparición e desenvolvemento de enfermidades cardiometabólicas, neurodegenerativas ou cancro. É dicir, non hai probas de que ‘recomendar’ unha ou outra bebida alcohólica poida relacionarse con menor risco ou beneficios para a saúde. Neste sentido, o traballo, cuxo primeiro asinante é Iñaki Galán, investigador do Centro Nacional de Epidemioloxía do Instituto de Saúde Carlos III, insiste en que a mellor recomendación é o consumo cero de alcol, segundo recolle a Axencia SINC.

Tal e como explica Galán, hai certa tendencia social a crer que algúns tipos de bebidas alcohólicas poderían achegar, dentro dos comprobados efectos negativos globais que ten o consumo de alcol, algún efecto beneficioso (por exemplo, en ocasións cítanse os polifenois do viño).

Publicidade

“O mellor, en cuestións de seguridade para a saúde, é non consumilo”, di Iñaki Galán

“Galán pide prudencia fronte ás as mensaxes que fomentan o consumo moderado de alcol. “O mellor, en cuestións de seguridade para a saúde, é non consumilo”, aconsella. “Pero, se as persoas toman alcol, a recomendación é non exceder certos limiares (non chegar a 20 g/día en homes e 10 en mulleres)”. Os resultados sinalan que non é posible recomendar unha ou outra bebida alcohólica para manexar estes limiares ou un consumo moderado’. Entre algúns dos datos que expón a análise, destácase que o consumo de alcol é responsable dun 7,6% das mortes en España.

O estudo realizouse mediante unha procura a través de PubMed (entre xaneiro de 2000 e febreiro de 2019) de revisións sistemáticas e metaanálisis que reportaban resultados cuantitativos da asociación entre o consumo de diferentes tipos de bebidas alcohólicas e efectos en saúde. Os autores traballaron con 26 estudos: 21 relacionados con cancro, 3 con enfermidades cardiometabólicas, 2 con neurodexenerativas e un con mortalidade xeral.

Publicidade

Sen diferenzas entre bebidas

A investigación revela que non hai consumo positivo de alcol para a saúde e confirma que tomar unha ou outra bebida alcohólica (viño, cervexa, licores ou combinados) non inflúe en posibles resultados de saúde ou no risco de enfermidade ou morte.

Os datos foron heteroxéneos, de aí a imposibilidade de extraer datos diferenciais entre bebidas alcohólicas. Determinadas variables (diferenzas metodolóxicas na estimación da inxesta de alcol, control de efectos de confusión e contraste das estimacións entre o tipo de bebidas) fixeron moi difícil sacar conclusións sobre posibles efectos desiguais na saúde.

Por exemplo, na mortalidade xeral e as enfermidades cardiometabólicas, aínda que algúns datos apuntaban que a cervexa e os licores podían ter un maior efecto negativo có viño, as diferenzas non foron estatisticamente significativas.

Respecto ao cancro, naqueles tipos cuxa evidencia causal co consumo total de alcol era totalmente consistente (orofarinxe, colorrectal e de mama, no caso de mulleres), as revisións tampouco mostraban un efecto diferenciado segundo os tipos de bebidas alcohólicas. En canto ás enfermidades neurodexenerativas, a información dispoñible tampouco permite establecer claras conclusións.


Referencia: Tipos de bebidas alcohólicas y efectos diferenciados en la salud: una revisión paraguas de estudios observacionales (Publicado en Revista Española de Salud Pública; consulta en PDF o estudo).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Coruña é a provincia galega con máis mortes por calor en 2026

O Instituto de Saúde Carlos III, a través do MoMo, contabiliza a cifra máis alta na última década, con 231 defuncións estimadas

Galicia, a segunda comunidade con maior taxa de mortes atribuíbles ao consumo de alcol

O último informe do ISCIII rexistra 40 casos por cada 100.000 habitantes entre 2010 e 2021, nun podio que lidera xunto a Asturias e Ceuta e Melilla

Ourense, Lugo e Santiago, as cidades galegas con máis mortes por calor na última década

O informe de 2026 do 'Lancet Countdown' revela que o cambio climático ten consecuencias directas sobre a saúde pública nas urbes europeas

Galicia, entre as comunidades con máis mortalidade por cancro: estas son as causas da desigualdade

Un informe europeo revela que a taxa de falecementos é maior e a redución de mortes é menor ca en rexións como Madrid e Cataluña