Unha iniciativa impulsada pola Universidade de Santiago de Compostela e a Xunta de Galicia, e que aspira a captar financiamento dos fondos Next Generation da Unión Europea, ten por obxectivo “interactuar en galego no mundo dixital ao mesmo nivel que os falantes doutras linguas” e “conseguir que o galego dea un paso decidido cara a adiante no eido das tecnoloxías intelixentes”, segundo informaron as dúas entidades impulsoras do denominado Proxecto Nós.
O plan supón a iniciativa “máis ambiciosa que se ten desenvolvido a prol do galego”, e que se nutrirá “de todo o potencial que alberga a USC como institución pioneira e de referencia en Galicia no eido da Intelixencia Artificial”, a través de centros como o CiTIUS. O acto de presentación do Proxecto Nós tivo lugar este martes na Cidade da Cultura.
Neste acto, o reitor da USC, Antonio López, expuxo: “se queremos que o galego non se apague, debe ter tamén luz na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial. Se queremos que as novas xeracións falen galego, han de poder facelo tamén con e a través das máquinas”.
Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, subliñou que o plan pretende “unir unha lingua milenaria cunha revolución dixital porque non pode haber mil primaveras máis para a nosa lingua, se non estamos preparados e preparadas para a primavera dixital”. Segundo o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, Nós ve a luz para evitar a “morte do galego” no ámbito das tecnoloxías intelixentes.
A USC destaca que conta con “dous piares fundamentais á hora de levar a cabo un proxecto desta relevancia” como o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS), no ámbito da Intelixencia Artificial e as tecnoloxías da linguaxe natural; e o Instituto da Lingua Galega (ILG), no eido da Lingüística, das Humanidades Dixitais e das Tecnoloxías da Fala.
“O proxecto Nós quere, ao igual que fixera a xeración de intelectuais da que recolle a denominación, ser un impulso necesario para a cultura galega a través da súa lingua. Quere ser pedra alicerce do novo cosmopolitismo dixital da cultura do país”, sinalou. O reitor engadiu: “A día de hoxe, todos temos claro xa que a Intelixencia Artificial non é só unha cuestión tecnolóxica. É social. É este un asunto esencial no que deben estar implicados todos os ámbitos da ciencia para ser capaz de darlle forma á única resposta útil, eficaz, ética e responsable aos problemas e demandas da sociedade”.
O proxecto 'Nós: Intelixencia artificial ao servizo da lingua galega' garantirá a posibilidade de interactuar en galego no mundo dixital.
O obxectivo desta iniciativa é avanzar na universalización da nosa lingua e, polo tanto, do que somos pic.twitter.com/45CSc11vEZ
— Alberto Núñez Feijóo (@FeijooGalicia) May 11, 2021
O plan do Proxecto Nós
Neste senso e en virtude do proxecto Nós, desenvolverase “un banco de recursos lingüísticos en galego de alta calidade que se publicarán en formato dixital baixo licenzas libres e desenvolveranse ferramentas en código aberto que poidan ser empregadas, libre e gratuitamente, por institucións e empresas”. Deste xeito e grazas á cooperación entre institucións, tecnoloxías intelixentes, lingua e cultura camiñarán da man neste proxecto que, tal como subliñou o reitor, é “a atalaia que lle vai permitir ao país ampliar a visión sobre o horizonte do seu futuro a través da incorporación da lingua galega ao eido dixital da man da Intelixencia Artificial”.
O plan supón un investimento total de máis de 15 millóns de euros, alén da “creación de novos postos de traballo na nova industria do coñecemento e desenvolvemento tecnolóxico, cun alto nivel de cualificación e especialización, de calidade e cun alto valor engadido”. As previsións son que nos permita “contratar e formar máis dun cento de profesionais e investigadores”.
Porén, destacan Xunta e USC, “o seu principal impacto virá da man do desenvolvemento de novos produtos e servizos ao redor das tecnoloxías da fala e da Intelixencia Artificial en xeral, cun impacto directo moi importante no tecido produtivo galego que terá un efecto tractor nunha área de importancia estratéxica”.
Así, “calquera institución ou empresa galega ou de fóra de Galicia, poderá acceder de balde a produtos como sistemas de síntese de voz, de recoñecemento de fala, de xeración automática de texto, de diálogo ou axentes conversacionais, de tradución automática, de extracción de información e minaría de textos, así como resumidores e correctores lingüísticos automáticos”.
O proxecto Nós é un dos grandes proxectos cos que o goberno autonómico aspira a captar fondos Next Generation. Trátase dun proxecto coincidente cos obxectivos marcados desde Bruxelas para o uso deses fondos e con diferentes liñas do Plan de Recuperación e Resiliencia que o goberno central ven de remitir a Bruxelas o pasado 30 de abril e coa Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial (ENIA).
intelixencia artificial ao servizo da lingua galega? E como pretendemos que a intelixencia artificial axude a lingua? clasificando aos falantes por comarcas segun o acento, seseo, gheada e particulares xeograficos… antes de que a normalizacion linguistica e a TVG acaben con estas diferencias?
Non, a Intelixencia Artificial non estara ao servizo da lingua, senon ao servicio de quen faga negocio con ela.
Xenial a iniciativa de tentar aplicar fondos europeos en tecnoloxia. Ben pola promocion do idioma. Tristisimo ver por todo lugar unha copia dun artigo de EuropaPress onde se fala de Alexa, Siri e Whatsapp en galego. Ver que non so se ignoran proxectos tecnoloxicos nados en Galicia de primeiro nivel a nivel mundial coma o proxecto Linux ‘Trisquel’, e sin embargo se fala de mellorar os servizos privativos de xigantes americanos capitalistas con fondos publicos.
No artigo da USC falase de licenzas libres, en EuropaPress e mesmo no anuncio do proxecto (en Youtube) fanse referencias a introducir o galego en GAFAM.
Cartos publicos para a sociedade, non para as empresas!: https://publiccode.eu/