O comité clínico que asesora á Xunta de Galicia no seguimento da pandemia da Covid-19 reúnese este martes por primeira vez despois da fin do estado de alarma na pasada fin de semana. A pesar do levantamento desta medida excepcional, cinco concellos fican esta semana con peche perimetral, prohibición de reunión con persoas non conviventes, confinamento nocturno e peche da actividade hosteleira (Cambados, Cualedro, Laza, Vilanova de Arousa e Padrón). Estas restricións están en vigor, á espera de seren ratificadas polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, mentres que no resto dos concellos galegos xa se permite, dentro dos outros tres niveis de limitacións, a libre circulación nocturna e por outros territorios, unha vez se levantou o peche perimetral.
Con todo, a evolución epidemiolóxica é dispar a nivel municipal. Máis da metade dos concellos galegos (179) non rexistraron ningún caso nos últimos sete días. E outros 134 mantéñense sen positivos, canto menos, desde hai dúas semanas. Son cifras semellantes ás da semana pasada, no marco dunha incidencia acumulada estable desde hai semanas, no abano de entre 90 e 100 casos por 100.000 habitantes nos últimos 14 días, e entre os 40 e 50 na última semana no conxunto do territorio. Na outra banda están algo máis de 50 concellos que superan os 10 casos nos últimos 14 días, sendo 29 nos últimos sete días.
Cos datos recollidos polo Sergas ata a tarde do luns, hai varios concellos cunha incidencia por riba dos 250 casos/100.000 habitantes nos últimos 14 días. Cinco deles (Cambados, Cangas, Padrón, Chantada e Vilanova de Arousa) teñen máis de 8.000 habitantes. Cambados é, de feito, o concello galego con máis positivos nas últimas semanas despois de Vigo e A Coruña, o que reflicte a elevada transmisión detectada na localidade. Outros dous municipios (Pontedeva e Fornelos de Montes) están por riba de 500, mais é unha cifra na que tamén inflúe a súa baixa poboación, e rexistran menos de 10 casos nas últimas dúas semanas.
Podes consultar máis detalles neste mapa:
Esta tendencia, que se está a vixiar desde o Sergas a través do rastrexo e a realización de cribados poboacionais onde se constata unha maior transmisión, pode levar ao comité clínico a tomar novas restricións na súa reunión deste martes. Estas son as medidas en vigor desde este luns, á espera dos novos anuncios da Xunta:














