Tres pequenas plantas endémicas de Galicia veñen de cambiar o trazado dunha autovía. Ou dito doutro xeito: un erro no primeiro estudo de impacto ambiental da autovía A-54 esqueceu que as obras atravesaban unha zona de especial protección para estes vexetais. O BOE publicado o pasado 12 de abril pretende corrixir esta eiva, cunha inversión adicional de 1,9 millóns de euros (ata alcanzar un total de 72,8 millóns), entre os quilómetros 1,5 e 5, para modificar uns viadutos que poñían en risco estas especies ameazadas.
A actuación concreta, recollida agora no Boletín Oficial do Estado, diminúe a lonxitude do viaduto denominado Careón (que pasará de 360 metros a 50 metros), ademais dunha redución do ancho de mediana do subtramo de 27 metros de anchura a 9 metros e un axuste do trazado “con obxecto de maximizar a adaptación da infraestrutura ao terreo, reducindo a ocupación da mesma na Zona de Especial Conservación (ZEC)”.
Aínda que hai máis especies ameazadas, afectadas por este proxecto de autovía que atravesa a serra do Careón, as tres estrelas que veñen de provocar este cambio son endémicas de Galicia, algunha delas cun perigo de desaparición en 20 anos superior ao 97 por cento: Santolina melidensis, Leucanthemum gallaecicum e Armeria merinoi.
A Santolina melidensis é un arbusto perenne, duns 40 centímetros de altura, de flores amarelas, que se extende por unha área de 800 has, debendo ser considerada unha única poboación, radicada na área do concello de Melide. A súa de reclutamento de novos exemplares é relativamente baixa (80% de individuos adultos). E as alteracións do hábitat que sufriu esta área nos últimos trinta anos supuxo a desaparición de máis da metade da poboación.
Pola súa banda, Leucanthemum gallaecicum atópase tamén en grave perigo de extinción. É unha planta perenne, de 40 cm de altura, e flores brancas con aquenios pequenos, obovoideos. É unha especie endémica da zona de Melide e Palas de Rei, que se presenta de xeito puntual no afloramiento de rochas ultrabásicas.
A Armeria merinoi é unha planta da familia das plumbaxináceas endémica do centro de Galicia, especialmente entre a serra do Careón e o río Ulla. Atópase na mesma zona onde se vai construir a autovía proxectada, xa que a súa maior presenza está no concello de Melide.
Está onsiderada en perigo crítico de extinción polo Catálogo galego de especies ameazadas, e en perigo crítico polo Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España. A probabilidade de extinción en Melide en 10 anos é do 22%, e en 20 anos é do 97%.
É sempre unha satisfacción que as cousas veñan ao rego da intelixencia e as conclusións das argumentacións científicas. Parabens
Esta modificaçom da autovia é um despropósito. Desde o primeiro momento há mais de 10 anos a administraçom sabia que o estudo de impacto ambiental estava mal feito. Ecologistas apresentamos alegaçons e mesmo fomos cum contencioso contra o Ministério de Fomento à Audiência Nacional, mas teimarom nesse traçado.
https://federacionecoloxistagalega.org/2014/06/28/a-audiencia-nacional-rexeita-o-contencioso-administrativo-interporto-pola-federacion-ecoloxista-galega-contra-a-autovia-a-54/