Xoves 28 Marzo 2024

Os plásticos xa chegan ata a as foxas abisais

Un estudo da universidade de Newcastle detecta contaminación en anfípodos que habitan a miles de metros de profundidade nas foxas máis profundas do planeta

Non é fácil chegar ás foxas abisais do océano. Nestas fendas no fondo do mar que caen miles de metros cara as profundidades habitan seres vivos con abraiantes adaptacións contra o frío, a escuridade e unha presión enorme. Poderían parecer lugares inaccesibles, pero a pegada humana tamén chegou aquí: investigadores da universidade británica de Newcastle acabab de publicar un estudo no que detectaron restos de plástico no 72% dos animais que recolleron en seis foxas abisais do planeta.

A investigación, que acaba de ser publicada en Royal Society Open Science, analizou seis foxas do Pacífico, tanto nas costas de Asia e Oceanía como na de Sudamérica. Os datos foron preocupantes xa que, segundo expoñen os autores, máis plástico aparecía canto máis baixaban nas foxas.  A 10.890 metros de profundidade, por exemplo, atoparon plástico no 100% das mostras.

Publicidade

“O estudo demostra que as microfibras fabricadas polo ser humano xa se acumulan en ecosistemas onde habitan especies que non coñecemos ben, que non puidemos observar de forma experimental e dos que non puidemos obtes datos de referencia antes da contaminación”, lamenta Alan Jamieson, científico da universidade de Newcastle.

“Estas observacións son o rexistro máis profundo posible da aparición e inxestión de microplásticos, o que indica que é moi probable que non queden ecosistemas mariños que non estean afectados polo lixo de orixe humana”.

O estudo dos investigadores británicos confirma un temor do que xa se falou o ano pasado, cando outra expedición retratou unha bolsa de plástico no fondo da foxa das Marianas, a máis profunda do planeta. Non é, por tanto, un problema illado.

O plástico das foxas

Segundo a análise dos plásticos atopados, a maioría eran fibras semisintéticas usadas en roupa, pero tamén se atopou nailon, polietileno, poliamida e polivinilos non identificados que se parecen moito ao alcohol polivinílico ou ao cloruro de polivinilo: PVA e PVC.

Os investigadores temen, polos datos recollidos, que as foxas se volvan unha especie de sumidoiro sobre o que vai ser moi difícil actuar. “Se contaminamos un río, é posible limpalo, se contaminamos a costa, é posible que as mareas o limpen, pero no punto máis profundo dos océanos… Simplemente queda alí”, lamentou Alan Jamieson en declaracións á universidade de Newcastle.

Ao carecer de datos previos sobre estas especies, os investigadores subliñan que a reacción do ecosistema é unha incógnita. Aos problemas producidos polos plásticos noutros animais mariños, como tartarugas e baleas, poden sumarse os padecidos por estes anfípodos das foxas: poderían ser máis vulnerables aos depredadores e, deste xeito, a cadea trófica podería sufrir notables alteracións.

Referencia: Microplastics and synthetic particles ingested by deep-sea amphipods in six of the deepest marine ecosystems on Earth (Publicado en Royal Society Open Science, 27 de febreiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os ’pellets’ xa invaden zonas mariñas protexidas de Galicia

Unha simulación realizada pola organización internacional Oceana predí que os plásticos están presentes en todo o litoral da comunidade

Un equipo galego utiliza materiais que respiran CO2 para refrixerar e quentar fogares

O grupo da UDC busca substituír os actuais compoñentes de calefacción, daniños para o medioambiente, por outros máis sostibles e eficientes

Por que é tan difícil avaliar a toxicidade dos microplásticos

A chegada masiva de pellets de plástico ás costas de Galicia debido a unha vertedura volveu poñer o foco na contaminación por plásticos

Un equipo galego usará IA para detectar contaminantes nas augas termais

Investigadores da UVigo lideran o proxecto Aquapred que predicirá a posibilidade de aparición de bacterias como a lexionela e a E. coli