O capitán Eckerhard Wolf e o submarino U 966.

A historia de amor con Galicia do capitán dun submarino nazi

Cando menos 37 submarinos U-boot alemáns afundiron fronte a costa galega na Segunda Guerra Mundial. Todos os casos están documentados, dende a Mariña lucense ata a desembocadura do Miño. Pero un deles, o U-966 leva aparellada unha historia de amor con Galicia e unha trama de espionaxe. Porque tras a contenda, o seu capitán, Eckehard Wolf, regresou durante anos ao porto de Bares, para pasar os veráns xunto coa súa familia e aqueles mariñeiros que lle salvaron a vida en 1943. Un seu fillo rematou casando cunha veciña da zona, e marcharon vivir a Hamburgo. E, cando o capitán morreu, en 1978, as súas cinzas foron espalladas no mar no exacto punto onde perdeu o seu buque.

O U-966, un tipo VII C construido en Hamburgo, foi lanzado á súa primeira misión o 14 de xaneiro de 1943. Con 769 toneladas de rexistro e unha eslora de 67 metros, era dos máis grandes construidos pola Kriegsmarine. Podía operar ata a 230 metros de profundidade.

Wolf e tripulantes do U 966.

A nave foi asignada ao mozo Eckehard Wolf, que contaba daquela 25 anos e estaba recén saído da academia. O submarino recibiu o alcume de Gut Holz (‘boa madeira’) e a tripulación chamaba ó seu capitán ‘o vello’, o que nos amosa a triste realidade da arma submarina alemá, dotada con mariñeiros prácticamente na adolescencia. E que a estas alturas da guerra, en 1943, marchaban ao matadoiro. Os avións de longa distancia, capaces de patrullar no medio do océano, e o perfeccionamento do radar tiñan convertido aos U-boot do almirante Doenitz en obxectivo dunha auténtica cazaría que se cobrou milleiros de mortos. Dos 37 submarinos documentados afundidos fronte a Galicia, 35 foron a partir deste ano 1943.

O 9 de setembro, zarparon na súa misión. Tras un periplo por Noruega e as illas Feroe, percorreron a costa atlántica dos Estados Unidos, vivindo diversas escaramuzas. E o desastre chegou dous meses despois de iniciar a súa aventura. O 10 de novembro de 1943, o U-966 afundía en augas de Bares, tras ser atacado por avións aliados Wellington da RAF e B-24 Liberator, da US Navy. Sen posibilidade de fuxir ou presentar batalla, o capitán Wolf levou o submarino ás pedras e ordeou afundilo. A manobra permitiu sobrevivir a un total de 42 dos seus 50 tripulantes (outras fontes sinalan 39).

Seguindo o protocolo, os sobreviventes foron internados en Ferrol, onde atoparon aos tripulantes do U-760, que entrara ese mismo ano en Vigo rescatado por pesqueiros da vila de Bouzas, noutra apaixoante historia dos submarinos alemáns en Galicia.

Wolf foi evacuado a Alemaña nunha operación secreta cunha identidade falsa

Conta José Antonio Tojo Ramallo, no seu imprescindible libro ‘Lobos acosados’, que nun primeiro momento os sobreviventes foron trasladados a Viveiro e aloxados no hotel Venecia.
Tres soldados, heridos leves, quedarían en O Barqueiro atendidos polos médicos da localidade, os señores Pimentel e Campillo. Os cadáveres dos falecidos foron enterrados no cemiterio local, nunha cerimonia á que asistiu o comandante Wolf. E os patróns dos pesqueiros que axudaron a rescatar aos tripulantes foron recoñecidos con cartas de agradecemento da Embaixada de Alemaña en Madrid.

A estadía na base da Graña, en Ferrol, foi tranquila. E consérvanse fotos dos internados, como o capitán Wolf, xogando partidos amistosos de fútbol para matar o tempo. Pero as simpatías de Franco coa Alemaña nazi, unidas á urxente necesidade de homes que tiña Hitler para manter a guerra, provocou unha operación rocambolesca para sacar de España ao capitán Eckehard Wolf.

Emblema do U 966.

“O 12 de setembro de 1944, Wolf viuse afectado dunha doenza pulmonar. As autoridades entregáronlle un salvoconducto para desprazarse a Madrid, onde ingresou nun hospital militar. En breve, documentos oficiais dérono por falecido”, narra Tojo Ramallo: “Pero a realidade era moi distinta. Un avión de Lufthansa con destino a Hamburgo trasladaba por esa data un pasaxeiro, de nome Erich Weber, que non era outro senón Wolf. Á súa chegada a esta cidade, o Comandante sería ascendido ao grao de Capitán de Corveta e posto ao mando dunha compañía de infantes de mariña para defender algúns barrios do imparable avance das tropas aliadas”.

Eckhard Wolf sobreviviu ao desenlace da Segunda Guerra Mundial e á conseguinte derrota de Alemaña. E xamais esquecería Galicia. Porque anos máis tarde regresaría a O Barqueiro, acompañado da súa esposa Annelise e os seus dous fillos. A visita de verán a Galicia pasaría a ser para eles unha tradición, ata o punto de que un fillo casaría cunha moza da zona, marchando ambos os dous vivir a Hamburgo.

No verán de 1978, morreu o capitán Wolf. E a súa derradeira vontade foi que os seus restos repousaran xunto ao seu submarino. Tojo Ramallo recolle un recorte de El Ideal Gallego, titulado ‘As cinzas dun mario alemán, depositadas no mar’.

“Todo se fixo na máis absoluta reserva e soamente foron partícipes desta cerimonia os veciños do Porto de Bares e do Barqueiro, así como familiares do mariño falecido, algúns deles relacionados con esta zona, dado que un fillo do falecido casou cunha moza do Barqueiro”, di a crónica: “As cinzas, tras ser incinerado o cadáver en Alemaña, foron trasladadas ao cemiterio do Barqueiro e o mesmo día do acto mortuorio foron trasladadas á vivenda dun familiar. No lugar onde afundiu o sumergible, no denominado “Picón de Maeda”, presentáronse varias embarcacións de Bares e Barqueiro. As cinzas foron arroxadas nunha pesada caixa ao mar e así mesmo depositáronse varias coroas de flores”.

En xuño deste 2018, mergulladores expertos en patrimonio submarino anunciaron que atoparon os restos do U-966, afundido en Bares. En realidade, as coordenadas do afundimento eran ben coñecidas e mesmo houbo unha expedición que rescatou parte dos restos para a súa venda como chatarra. Pero o equipo di ter descuberto partes do somerxible alemán no fondo do mar.

Esta expedición vén de traer o recordo do capitán Eckerhard Wolf, un ‘vello’ lobo gris da Kriegsmarine, que un día perdería o seu submarino en aguas de Bares. Pero iniciaría unha historia de amor con Galicia que vai unida ao recordo do U-966.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.