Venres 29 Marzo 2024

Os científicos que van salvar os castiñeiros

No 2014, case sen tempo para caer na conta da chegada da Vespa velutina, outro insecto daniño de orixe asiática tomaba terra en Galicia. É un insecto minúsculo (os adultos apenas superan o milímetro) pero letal; o Dryocosmus kuriphilus, a xa coñecida como avespa do castiñeiro, detectouse por primeira vez en Galicia en maio dese ano. O seu avance está sendo imparable e causa xa serios danos nos castiñeiros (Castanea sativa), árbores emblemáticas que enchen de soutos gran parte do leste de Galicia. En total, ocupan unhas 60.000 hectáreas.

Todo esforzo científico é pouco ante a voracidade da praga, que xa invadiu practicamente todo o territorio galego. Polo menos, a diferenza da velutina, contra o D. kuriphilus existe un aliado: o Torymus sinensis, un parasitoide específico da vespa do castiñeiro que xa se empregou noutros países e que parece ser efectivo para deter o avance do invasor.

Publicidade

Imaxe dun adulto de "Dryocosmus kuriphilus", a vespa que ataca aos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.
Imaxe dun adulto de “Dryocosmus kuriphilus”, a vespa que ataca aos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.

Neste senso, a Consellería de Medio Rural xestionou unha solta progresiva do parasitoide que comezou de xeito experimental no 2015 e que se incrementou en gran medida no 2018 coa liberación de máis de 700.000 exemplares. Se ben o control biolóxico con T. sinensis é a medida máis eficaz nesta loita, o parasitoide precisa dun tempo biolóxico relativamente alto (foi de entre 6 e 9 anos no caso de Italia) para chegar a manter o equilibrio coa praga e observar así unha recuperación evidente nas árbores.

E ademais, hai unhas semanas, os investigadores do Departamento de Silvicultura e Mellora do Centro de Investigacións Forestais (CIF) de Lourizán indicaron que a resistencia total á avespa é frecuente entre os híbridos de castiñeiros galegos. Por tanto, a loita mediante mellora xenética vai ser tamén unha boa aliada contra a praga.

Os investigadores atoparon que a resistencia á vespa é total nalgúns híbridos de castiñeiro

“É algo que en parte xa sabiamos, polo que se observaba no campo e nos comentaban tamén algúns produtores”, explica Beatriz Míguez, investigadora do CIF de Lourizán. Neste centro, dependente de Medio Rural, posúen as coleccións dos primeiros clons híbridos inter-específicos (C. sativa x C. crenata) obtidos en Galicia, parte do cales foron aprobados como Materiais Forestais de Reprodución, sendo algúns deles moi empregados no sector, e tamén de moitas das variedades de castiñeiro que medran nos soutos galegos.

Ademais, no centro dispoñen dun amplo material de híbridos de nova produción obtidos mediante polinizacións controladas dentro do Programa de Mellora Xenética de Galicia que se ven desenvolvendo no CIF Lourizán dende o 2010. Grazas a isto, poden dispor dun material representativo co que facer ensaios controlados de resistencia e tolerancia á avespa.

“O que fixemos foi deseñar un ensaio con material das tres coleccións, híbridos antigos, variedades tradicionais e híbridos novos, e testalos cun nivel de infestación moi elevado baixo condicións controladas no insectario-invernadoiro do centro”, explica Míguez.

As bugallas (na imaxe, en vermello), son unha das evidencias da presenza da avespa nos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.
As bugallas (na imaxe, en vermello), son unha das evidencias da presenza da avespa nos castiñeiros. Fonte: Xunta de Galicia.

E os resultados, por agora, dan lugar ao optimismo. “Nos clons híbridos antigos observamos resistencias totais. E isto é importante non só pola resistencia en si, senón tamén porque a través de cruzamentos de híbridos resistentes con variedades tradicionais galegas pódense obter novos materiais que teñan máis características do noso castiñeiro, se adapten mellor as zonas do interior de Galicia e que ao mesmo tempo resistan mellor ao ataque da vespa e a outros axentes bióticos, como as enfermidades da tinta ou o cancro“, conta a investigadora.

No caso das variedades de froito de C. sativa, sen embargo, a sensibilidade a D. kuriphilus é unha constante. “De momento non atopamos ningunha variedade resistente á avespa aínda que si parece que hai distintos graos de tolerancia entre as variedades e, precisamente neste punto, estamos centrando agora os nosos esforzos para obter resultados máis concretos canto antes”, comenta Míguez.

“Non se atopou ningunha variedade de froito resistente á avespa, pero hai distintos graos de tolerancia”

Nas vindeiras semanas, desde Lourizán teñen previsto sacar un tríptico informativo cunha escala de resistencia tolerancia dos clons híbridos e variedades de C. sativa para que sirva de orientación aos produtores. “É importante ir completando a información que Lourizán ven dando dende hai uns anos sobre todo en relación as recomendacións de variedades e portaenxertos para a plantacións de soutos novos e que cremos que vai ser un apoio importante para os produtores, que xa se preparan para uns anos complicados” sinala Míguez.

Aliado dos castiñeiros a medio prazo

A selección xenética que desenvolven en Lourizán non vai poder impedir a infestación inminente debido ao avance do Dryocosmus, pero si vai ser un gran aliado a medio prazo. “Se traballamos rápido e de xeito conxunto nas distintas medidas de loita contra a vespa do castiñeiro, conseguiremos chegar a un equilibrio, a un punto, que fará que o avance da avespa se deteña“, conta Beatriz Míguez. Así, os achados de Lourizán contribuirán a que, nos soutos novos que se planten, sexa máis difícil que a avespa poida danar os castiñeiros.

“Conseguiremos chegar a un punto que fará que o avance da avespa se deteña”

Porén, queda traballo por diante. “Temos que ver como a infestación das variedades evoluciona no tempo. Hai moitos matices que tamén estamos estudiando nas bugallas (os vultos que aparecen nos castiñeiros cando a vespa pon os ovos neles); o seu tamaño, a súa situación máis frecuente na árbore segundo o tipo de variedade, etc. E todo isto temos que analizalo e sacar conclusións para obter mellores solucións”.

Beatriz Míguez insiste, con todo, en que é preciso un maior esforzo no mantemento e coidado dos soutos: “Unha medida interesante é a rega durante o verán para prolongar o período de crecemento dos gromos, de xeito que as xemas dos novos gromos queden fora do período no que a vespa fai as postas “.

Como actúa a vespa do castiñeiro?

A Dryocosmus kuriphilus é un insecto orixinario de China que comezou a dispersarse polo planeta nos anos 40 do século XX. En 1974 chegou a Norteamérica, en 2002 detectouse en Italia; en 2012 en Cataluña, e en 2014 apareceu en Galicia e Portugal. Está considerada a praga máis importante das principais especies de castiñeiro en todo o mundo.

Rerpodúcese por partenoxénese; é dicir, produce ovos fértiles sen necesidade de fecundación, xa que todos os individuos da especie son femias. Cada unha delas pode poñer de 100 a 200 ovos, polo que teñen unha gran capacidade de crecemento e dispersión.

Os adultos, cun tamaño de entre 2 e 2,5 milímetros, emerxen desde mediados de maio ata finais de xullo, e viven uns 10 días. Saen das bugallas da árbore, onde nacen, e poñen os ovos nas xemas novas. Aos 30-40 días abren os novos ovos, dando orixe ás larvas, que fican no interior da bugalla ata o inverno. Na primavera seguinte, cando o castiñeiro comeza a agromar de novo, as larvas rematan a hibernación e inducen a formación das bugallas. Aliméntanse no seu interior durante 20-30 días ata que comezan a facer a pupa, e o ciclo comeza de novo.

Os danos que causa a vespa nas bugallas prexudican, deste xeito, o desenvolvemento dos castiñeiros, que varían segundo o lugar da árbore, o momento no que aparecen e a cantidade na que están presentes. Nos peores casos, pode chegar a causar perdas do 100% da produción de castañas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descobren que varias especies de avespa fan niños fluorescentes

Unha investigación revela que a seda dos casulos ten compostos bioluminescentes, que poderían achegar novos materiais relevantes para a ciencia

Os castiñeiros da Galicia atlántica, un refuxio xenético milenario

Un traballo do Centro de Investigación Forestal de Lourizán salienta a peculiaridade das poboacións locais de "Castanea sativa"

Confirman o papel da velutina no declive das abellas

A avespa asiática foi responsable de un terzo das mortes de abellas en colmeas segundo un novo estudo da Universidade de Barcelona

Un método dende Pontevedra para localizar castiñeiros vía satélite

Investigadoras da Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo empregan fontes cartográficas de libre acceso