Descobren que varias especies de avespa fan niños fluorescentes

Unha investigación revela que a seda dos casulos ten compostos bioluminescentes, que poderían achegar novos materiais relevantes para a ciencia

Un equipo de investigadores das universidades de París e Sorbona e da Academia de Ciencia e Tecnoloxía de Vietnam acaban de publicar un artigo no que describen o achado de niños de que varias especies de avespa do xénero Polistes constrúen niños fluorescentes, notablemente visibles con luz ultravioleta. O primeiro achado realizouno varios anos atrás no país vietnamita o científico Bernd Schöllhorn, cando percorría un bosque cun feixe de raios ultravioleta na procura de animais bioluminescentes, e comprobou como os niños brillaban ao recibir este tipo de ondas, e logo aparecían cun ton mate, entre branco e amarelo. Desde entón, varios investigadores percorreron esta zona, así como outras noutros continentes, ata atopar ata seis especies que constrúen estes brillantes ‘fogares’.

A bioflurescencia prodúcese cando un organismo absorbe luz e emítea de novo nunha lonxitude de onda distinta. Para que o ollo humano poida vela, precisa que haxa iluminación ultravioleta. Sabíase que este fenómeno se producía nalgúns peixes, ras, escorpións, camaleóns ou tartarugas, e estudos recentes constataron un fenómeno semellante en wombats ou ornitorrincos, pero o achado nos niños é novidoso.

Publicidade

O equipo que publica este artigo atopou finalmente seis especies distintas. Catro delas,  P. brunetus, P. lepcha, P. japonicus e unha especie de Polistes non identificada, localizáronse en Vietnam. Outras dúas, P. canadensis (na Güiana francesa), e P. gallicus, no sur de Francia, tiñan unha florescencia máis feble, pero tamén notable. En función da especie, o tamaño dos niños e a potencia da luz ultravioleta, o brillo podía observarse ata a 20 metros de distancia.

Máis detalles dos niños: Fonte: Schöllhorn et al.
Máis detalles dos niños: Fonte: Schöllhorn et al.

Un punto que chamou especialmente á atención dos investigadores foi a a tapa das pupas, que brillaban de forma máis intensa que o resto da estrutura. As análises mediante microscopía revelaron unha fluorescencia presente específicamente nas fibras de seda, o que suxire que os fluoróforos, compostos químicos fluorescentes, probablemente estean presentes na proteína de seda producida polas avespas.

Publicidade

O rango espectral da emisión de fluorescencia está dentro do rango xeral de visión destes insectos, aínda que o equipo non analizou a visión destas especies en particular. De confirmarse que as avespas poden ver o brillo verde, podería significar que os niños emiten esta luz de xeito que as avespas recoñezan o seu fogar.

Porén, hai outra hipótese interesante: que a fluorescencia sexa un medio para protexer ás pupas en desenvolvemento da radiación ultravioleta. A luz entrante é interceptada e convértese en luz óptica benigna que logo se volve a emitir. Debido a que o desenvolvemento da pupa depende do ciclo día-noite, a biofluorescencia podería realizar esta función ao tiempo que permite que a luz non daniña penetre na membrana dos casulos.

O equipo xa está a traballar para investigar outras especies do mesmo xénero, para ver como varía a biofluorescencia segundo as rexións. E tamén están a identificar o composto responsable da aparencia fluorescente na seda de avespa, coa esperanza de descubrir unha nova fonte de biofluorescencia para a investigación biomédica. “O máis emocionante para min é, sen dúbida, o feito de aí fóra, no bosque, haxa unha morea de fenómenos descoñecidos agardando a seren descubertos”, dixo Schöllhorn.


ReferenciaBright green fluorescence of Asian paper wasp nests (Publicado en Journal of the Royal Society Interface).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Carracha, chinche ou mosquito? Aprende a identificar a picadura de cada becho

Dende a inchazón leve da picada dunha abella a pequenas manchas vermellas en nocellos e pernas causadas por pulgas

Un equipo galego deseña un modelo matemático que predí a expansión da velutina

A nova ferramenta axuda a analizar distintas estratexias de control que permitan frear a expansión da especie

Confirman o papel da velutina no declive das abellas

A avespa asiática foi responsable de un terzo das mortes de abellas en colmeas segundo un novo estudo da Universidade de Barcelona

O equipo dun científico galego converte un veleno de avespa nun antibiótico

César de la Fuente, da Universidade de Pennsylvania, lidera un estudo publicado en PNAS que reprograma a substancia e próbaa en modelos animais