Un novo estudo incide no risco da exposición ao tabaco nas primeiras etapas da vida

O traballo, no que participa o xenetista galego Ángel Carracedo, atopou que o fume podería acelerar o avellentamento epixenético

Unha análise coordinada por científicos do Instituto de Saúde Global de Barcelona (ISGlobal), centro impulsado pola Fundación “la Caixa”, e no que participa o xenetista galego Ángel Carracedo, constata unha vez máis que a exposición ao fume de tabaco durante o embarazo e a primeira infancia asóciase cunha aceleración do envellecemento biolóxico. Á vez, isto relaciónase cun maior risco de enfermidades metabólicas, cardiovasculares ou neurodexenerativas. O traballo salienta que o mesmo acontece coa exposición á feluxe ou carbono negro dentro do domicilio.

Segundo destacan os autores do traballo, a escala celular, o envellecemento é un proceso continuo que comeza desde os primeiros anos de vida. Pódese medir grazas a reloxos epixenéticos, que analizan os niveis de metilación do ADN en certas rexións do noso xenoma para inferir a idade biolóxica dunha persoa.

Publicidade

A análise agora publicada é pioneira porque supón o primeiro estudo que avalía asociacións entre un gran número de factores ambientais na infancia temperá e a idade epixenética en poboación infantil. Estudáronse máis de 100 exposicións nesta etapa de vida, entre as que se inclúen o tabaco, os contaminantes do aire en interiores e exteriores, o estilo de vida e outro tipo de contaminantes químicos.

“O reloxo epixenético permite avaliar se a idade biolóxica dun individuo é maior ou menor que a súa idade cronolóxica”, explica Mariona Bustamante, investigadora de ISGlobal e última autora do estudo. Algúns estudos indican unha asociación entre unha aceleración no envellecemento epixenético e certas exposicións ambientais, pero a maioría fixéronse en adultos e céntranse nun só tipo de exposición.

Publicidade

No novo traballo, o equipo liderado por Bustamante investigou por primeira vez a asociación entre o exposoma en idades temperás (83 exposicións ambientais no período prenatal e 103 nos primeiros anos de vida) e a idade epixenética de 1.173 nenas e nenos entre 6 e 11 anos do proxecto HELIX, que comprende seis cohortes de nacemento en seis países europeos, como España.

O equipo atopou que a exposición ao fume de tabaco procedente da nai durante o embarazo asóciase cunha aceleración no envellecemento epixenético. En canto ao exposoma posnatal, a análise mostrou asociación con dúas exposicións: o fume de tabaco de pais fumadores e niveis de feluxe no domicilio, un contaminante do aire que resulta da combustión incompleta de carburantes (e que se mide indirectamente pola absorbancia de partículas en suspensión).

Curiosamente, outras dúas variables asociáronse cunha redución no envellecemento biolóxico: o pesticida orgánico DMDTP e un contaminante orgánico persistente (bifenilo policlorado-138).

“Necesitamos investigar máis a fondo para entender estes resultados, pero o primeiro podería explicarse por un maior consumo de froitas e verduras, mentres que o segundo podería explicarse pola súa correlación co índice de masa corporal”, valora Paula de Prado-Bert, primeira autora do estudo.

“A asociación entre idade epixenética e exposición ao fume do tabaco durante o embarazo e os primeiros anos de vida concorda con resultados previos obtidos na poboación adulta”, sinala Bustamante. As modificacións epixenéticas poderían afectar vías implicadas na inflamación, a eliminación de toxinas e o ciclo celular, cun impacto posterior na saúde.

Os autores advirten que, se ben estas asociacións non demostran unha causalidade, tanto este como outros futuros estudos do exposoma nos primeiros anos poderán establecer políticas de saúde para reducir certas exposicións ambientais e promover un “envellecemento saudable” desde as primeiras etapas da vida.


Referencia: The early-life exposome and epigenetic age acceleration in children (Publicado en Environmental International).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España

Seis claves da miopía na infancia: “É unha epidemia”

O profesor Francisco Gómez-Ulla alerta sobre o aumento acelerado da patoloxía entre os máis novos e a necesidade de prevención e diagnóstico precoz

Respirar o fume dos incendios xa é un problema emerxente de saúde pública

Estudos recentes mostran que a exposición prolongada ou intensa aumenta a mortalidade, eleva os ingresos hospitalarios e xera riscos en colectivos como os bombeiros