O fume dos incendios dos Estados Unidos volve cruzar o Atlántico ata Galicia

Unha nova nube cos restos dos incendios está sobre o océano e podería deixarse ver na península nos vindeiros días

As correntes de aire entre as dúas beiras do Atlántico son ben coñecidas polas persoas que investigan as ciencias da atmosfera e as súas implicacións no clima. É habitual que en Galicia se citen os ríos atmosféricos, masas de aire húmido que adoitan chegar desde o Caribe, e que son sinónimo de abundantes precipitacións. Mais tamén acontece que, cando fenómenos extremos teñen lugar no continente norteamericano, o seu rastro pode ser visible a miles de quilómetros, e mesmo desde o espazo. Así ocorreu cos graves incendios que, unha vez máis, están a golpear os estados de California, Washington e Oregon, no oeste dos Estados Unidos, e cuxos restos de fume foron percibidos a comezos desta semana polos satélites da misión Sentinel da Axencia Espacial Europea. 

A imaxe, tomada na mañá do sábado 21 de agosto polo instrumento Sentinel-3, difundiuna a conta de Twitter da Dirección Xeral de Industria da Defensa e do Espazo da Unión Europea, e foi replicada amplamente na rede. Esta fonte oficial da UE confirmaba que “a enorme nube de fume que viaxou a Europa desde California acadou as costas de Portugal e Galicia“.

Publicidade

https://twitter.com/defis_eu/status/1429401207890751490

https://twitter.com/PlatformAdam/status/1429357810765205514

Publicidade

Despois das primeiras deteccións de fume a pasada fin de semana, é posible que unha nova pluma acade as costas do Atlántico oriental nos vindeiros días. Segundo a web de AirNow, un sistema de visualización da calidade do aire na que participan axencias gobernamentais de Canadá, Estados Unidos e México, unha masa de fume atópase agora mesmo no medio de océano, tal e como se pode ver nesta imaxe, que recolle os datos dispoñibles na noite (hora peninsular) do 25 de agosto:

Fonte: AirNow.gov.
Fonte: AirNow.gov.

Non é a primeira vez que acontece isto; en setembro de 2020, outras das graves vagas de incendios na rexión oeste de Norteamérica levou enormes nubes de fume ata a península, chegando ata a Baleares, e tamén se espallou polas illas británicas ou Escandinavia.

Este impacto a gran escala tamén foi notable durante a vaga de incendios de outubro de 2017 en Galicia e Portugal. Daquela, boa parte de Francia e Reino Unido ficaron baixo unha mesta néboa que escureceu o día.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Dentro do ‘Odón de Buen’, o buque ‘vigués’ que navega cara á nova campaña científica na Antártida

O oceanográfico construído en Galicia participará por primeira vez nas operacións de apertura das bases españolas do polo sur

Galicia facilita o acceso a Lenzetto dende o estranxeiro ante o desabastemento do fármaco para a menopausa

A falta de tratamento indicado para tratar os síntomas da deficiencia de estróxeno tras a menopausa ten outras alternativas financiadas

Que é o efecto Fujiwhara? O fenómeno polo que un tren de borrascas regará Galicia

Unha fronte activa avanzará polo oeste peninsular e deixará choivas que se manterán canto menos ata o xoves

As emisións bioxénicas de CO2 aumentaron o 64% en Galicia dende 1990

Se se contabilizasen nos inventarios oficiais, elevarían nun 20% o balance galego de gases de efecto invernadoiro