Se existe un campo de estudo dentro da dinámica atmosférica cuxa notoriedade experimentou un crecemento exponencial nas últimas décadas é, sen dúbida, o dos ríos atmosféricos (AR, polas súas siglas en inglés).
Pode deberse a que os ríos atmosféricos xogan un papel destacado nun gran número de factores do clima, como o balance radiativo (enerxético) do planeta ou o seu ciclo hidrolóxico. Ou quizais sexa a súa crecente tendencia a seren nomeados nos boletíns meteorolóxicos cando, en compañía dunha tormenta tropical ou unha cicloxénese explosiva, traen en ocasións máis de 70l/m² de precipitación nunhas poucas horas.
Que son os ríos atmosféricos?
Os ríos atmosféricos son rexións da atmosfera cuxo contido de humidade é moi superior ao das rexións lindeiras. Adoitan ser rexións moi alongadas e (relativamente) estreitas –miles de km de longo fronte a uns centos de km de ancho– e acompañan normalmente ás frontes frías tan característicos das latitudes medias.
A súa natureza permítelles funcionar como grandes autoestradas que distribúen a humidade –e con iso, enerxía en forma de calor latente– desde as húmidas e cálidas rexións subtropicais e tropicais cara ao resto do planeta.
Poden chegar a transportar unha cantidade de auga superior ao caudal do Mississippi
Estas formacións son, por tanto, esenciais para o mantemento da boa saúde do noso ciclo hidrolóxico, e un mecanismo indispensable do balance radiativo do planeta. A súa forma alongada e a enorme cantidade de auga que transportan (superior ao caudal do río Mississippi) inspiraron o característico e atractivo nome de “ríos atmosféricos”.
O seu papel nas precipitacións
Os ríos atmosféricos presentan unha enorme variabiliade entre eles. Non hai dous iguais. A maior parte son eventos de intensidade moderada, e son por tanto considerados como beneficiosos. Entre outras cousas, achegan unha cantidade indispensable de humidade á atmosfera de latitudes medias e continentais, que non podería recibirse doutra maneira.
Outros ríos atmosféricos, con todo, son fenómenos extremos que poden levar asociadas precipitacións superiores aos 100 l/m² nun só día, tendo un impacto económico e social negativo nas rexións que ven afectadas por eles.
A nivel global, trátase de fenómenos comúns. Adoitan existir uns tres ou catro simultaneamente por cada hemisferio, situados habitualmente sobre os grandes corredores oceánicos. A súa tempada alta é o inverno correspondente a cada hemisferio, cando a atmosfera é menos húmida, pero moito máis dinámica que a da tempada estival.
As costas occidentais dos grandes continentes, incluída a costa atlántica ibérica, son as rexións quentes de chegada de ríos atmosféricos. Os que chegan a España transportan unha elevada porcentaxe de choiva desde o golfo de México. No inverno a península ibérica adoita recibir 3 ou 4 ao mes.
Outra rexión activa do mundo hispanoparlante é a costa de Chile, onde os ríos atmosféricos do Pacífico adoitan xerar importantes precipitacións na súa interacción coa cordilleira dos Andes.
Como serán os ríos atmosféricos do mañá?
A resposta á pregunta de como serán os ríos atmosféricos do mañá depende, como é lóxico, de como sexa a atmosfera na que residan.
A maior parte das análises prospectivas predín unha atmosfera máis cálida, e cunha dinámica diferente. Neste contexto, considérase que os ríos atmosféricos irán tendendo a ser máis frecuentes, e tamén máis intensos, aínda que con grandes diferenzas entre as diferentes rexións do planeta.
Nun recente estudo liderado polos profesores Luis Gimeno e Raquel Nieto, da Universidade de Vigo, e realizado en colaboración coa Universidade de Lisboa e a Universidade de Illinois, analizamos a variación o contido de humidade durante as últimas décadas nas rexións estratéxicas para o fenómeno. Isto serve para realizar unha proxección robusta e determinar como serán o día de mañá nun contexto de quecemento global.
No artigo, publicado en Nature Communications, móstrase que o contido de humidade incrementouse –e por tanto, con moita probabilidade, incrementarase– aproximadamente nun 7% por cada grao centígrado de humidade que se quenta a parte inferior da atmosfera.
Esta é unha proporción ben coñecida para os estudosos da termodinámica, pois é predita pola ecuación de Clausius-Clapeyron, que determina a cantidade máxima de humidade que pode conter unha cela de aire antes de chegar á saturación.
Ademais, demostramos que, de todas as rexións do planeta, o sinal máis claro a este respecto obsérvase precisamente na rexión onde se orixina a maior parte da humidade que chega a Europa en forma de ríos atmosféricos: o golfo de México.
Unha atmosfera máis cálida será unha atmosfera máis húmida, e temos agora motivos de peso para asumir que ese incremento de humidade trasladarase nunha proporción similar aos ríos atmosféricos.
A cantidade de humidade que recibiremos no futuro desde as rexións subtropicais será maior, e tamén a probabilidade de precipitacións extremas, pouco convenientes para o correcto aproveitamento da auga como recurso, e perigosas.
O esforzo da comunidade científica para procurar entender, predicir e adiantarse ao clima do futuro é grande, e non sen motivo, pois do clima dependen unha boa parte dos recursos que nos proporciona o planeta.
Entre esa complexa colaxe de fenómenos que constituirán o clima do mañá, parecen xogar un papel destacado os ríos atmosféricos aos que podemos atribuír, sen medo a equivocarnos, unha boa parte da auga que chega ás nosas casas, cultivos, encoros e ríos.
* Jorge Eiras Barca e Iago Algarra Cajide son investigadores posdoutorais en Física da Atmosfera na Universidade de Vigo.
Cláusula de divulgación: Jorge Eiras Barca recibe fondos da Xunta de Galicia e da Comisión Fullbright España; e Iago Algarra Cajide recibe fondos do Ministerio de Economía e Competitividade de España.