Os microplásticos xa se acumulan nos sedimentos das Rías Baixas

Un estudo do Oceanográfico de Vigo determina por primeira vez que estes residuos se atopan en importantes cantidades nesta área da costa galega

Institucións como o Centro Oceanográfico de Vigo, do IEO, levan xa anos seguindo o crecente problema da contaminación por microplásticos nas costas galegas. Estes residuos, procedentes de diferentes fontes, incorpóranse ás veces aos organismos mariños, e ás veces poden mesmo transmitirse a través da cadea trófica. Ata agora, con todo, non se determinara a súa presenza nos sedimentos de espazos como as Rías Baixas ou a desembocadura do río Miño. E así o fai unha investigación desenvolvida polos científicos do IEO Lucía Viñas, Olga Carretero e Jesús Gago, que presentaron nun artigo publicado en Marine Pollution Bulletin no que describen que os microplásticos están presentes en todas as mostras recollidas nos fondos, cunha concentración importante na meirande parte das análises.

O traballo analiza as mostras de sedimentos recollidas en 22 puntos das rías de Muros-Noia, Arousa, Pontevedra e Vigo, así como no esteiro do Miño. Estas áreas, cunha importante actividade pesqueira e marisqueira e notoria presión humana, pola cantidade de poboación que vive á beira delas, foron seleccionadas debido á súa exposición a estas actividades. A través dunha draga, e mediante a separación por densidade e análises por microespectroscopía, para determinar os tipos de polímero, detectaron a presenza de diversos materiais.

Cantidade de fragmentos atopados nos sedimentos en cada zona de mostraxe. Fonte: IEO.
Cantidade de fragmentos atopados nos sedimentos en cada zona de mostraxe. Fonte: IEO.

En todas as estacións se atopou contaminación. A concentración media foi de entre 70 e 74 partículas por quilo de sedimento. Destacan, en porcentaxe, as fibras, cun 88%, relacionadas coa industria téxtil e tamén, en boa parte, cos desaugadoiros das lavadoras. O 5,8% destes microplásticos nos sedimentos eran pequenos fragmentos, resultado de plásticos de maior tamaño que pola acción de diversos fenómenos atmosféricos e oceanográficos, como o sol ou a ondada, se van fragmentando en anacos máis pequenos. En canto aos distintos polímeros, predominaba o polipropileno (43%) e HDPE-polietileno de alta densidade-, co 29%.


Referencia: From the coast to the shelf: Microplastics in Rías Baixas and Miño River shelf sediments (NW Spain) (Publicado en Marine Pollution Bulletin).

Publicidade

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un estudo revela novas claves para anticipar as floracións tóxicas que afectan as rías galegas

Unha tese do IEO-CSIC afonda na bioloxía dunha microalga e nos factores ambientais que condicionan as súas proliferacións

Documentadas por primeira vez en Galicia dúas especies mariñas de augas cálidas

A detección de cinco sardinelas lombudas e un ermitán vermello grande aporta nova evidencia sobre os cambios na distribución de especies no Atlántico

Cales son as principais ameazas para a saúde global? Estes son os 17 retos para o século XXI

O Comité da prestixiosa revista médica ‘The Lancet’ identifica os riscos que poderían comprometer a supervivencia das vindeiras xeracións ata 2100

Vigo rexistra as maiores concentracións de “contaminantes eternos” da costa atlántica peninsular

Un estudo do IEO-CSIC analiza a presenza de PFAS en mostras de moluscos recollidos dende Francia ata o Golfo de Cádiz