Un millo polivalente a través da selección xenómica

A investigadora Ana López Malvar expón na súa tese como esta estratexia mellora a resistencia ás pragas, a produción de etanol e a dixestibilidade animal

“A mellor estratexia para obter un millo máis resistente, que produza máis etanol e sexa máis dixerible para o gando é empregar a selección xenómica”, explica a bióloga Ana López Malvar, autora da tese de investigación Estrutura dos compoñentes da parede celular do millo. Estudo do seu rol en protección de cultivos, dixestibilidade animal e produción bioenerxética, unha investigación realizada ao abeiro da unidade asociada entre o grupo Xenética e Mellora do Millo da Misión Biolóxica de Galicia, instituto do Consello Superior de Investigacións Científicas, e o grupo de Agrobioloxía Ambiental: calidade, solos e plantas da Universidade de Vigo.

Segundo os resultados da investigación, aínda que non se poida conseguir unha parede celular que cumpra simultaneamente todos os requisitos para ser óptima na mellora da resistencia ás pragas, a produción de etanol e a dixestibilidade animal, si que é posible propor diferentes tipos de composición en función do uso final do millo. “Trátase de conseguir unha mellora deste cultivo para os seus diferentes usos ou aspectos económicos e, unha vez realizada a investigación, consideramos que este método é a selección xenómica, que nada ten que ver cos transxénicos”, explica a investigadora, ao que engade que do que se trata é de usar marcadores xenéticos distribuídos por todo o xenoma, “unha técnica que está en boga na comunidade científica” e que se tratará de implementar en futuros traballos.

Publicidade

“O millo é un dos cultivos máis importantes a nivel mundial, tanto en produción coma en superficie cultivada. Ademais, ten múltiples usos ou aproveitamentos pois unha vez o gran é colleitado para o consumo, ben humano, ou ben animal, os restos da planta son unha materia prima excelente para a produción de bioenerxía”, explica a autora da tese, ao que engade que o etanol que se obtén de cultivos economicamente importantes como o millo é una alternativa sostible ao uso de combustibles fósiles. Tendo en conta todo isto conséguese un dobre aproveitamento do cultivo no que non compite o uso destinado ao gran co da bioenerxía. “Ademais a planta completa, incluíndo a espiga, sirve como fonte de alimento principal para o gando, sendo de maneira indirecta, esencial para a industria cárnica e láctea”, recalca López Malvar, ao tempo que advirte que estes aproveitamentos están comprometidos por diferentes tipos de estrés, sendo as pragas as que producen os danos máis graves. “Os barrenadores do millo producen galerías na planta que supoñen graves perdas de rendemento.

A investigación analiza os compoñentes da parede celular do millo. Fonte: Duvi.
A investigación analiza os compoñentes da parede celular do millo. Fonte: Duvi.

Todos estes usos do millo están influenciados pola composición da súa parede celular. “Neste sentido é importante destacar que as células vexetais diferéncianse das animais principalmente por presentaren unha parede celular que lle confire ás células estrutura e rixidez”, explica a investigadora. Neste contexto, a tese tiña como obxectivo principal o estudo da relación da composición da parede celular e a análise de como esta composición inflúe nas características que converten unha variedade en óptima para a resistencia ás pragas, a produción de bioenerxía ou a dixestibilidade da forraxe.

Publicidade

Diferentes tipos

En primeiro lugar, investigouse acerca que de que compoñentes da parede celular se poden utilizar polos melloradores como caracteres de selección indirecta. Neste senso, aínda que se concluíu que non é posible definir un modelo único de parede celular que cumpra cos requisitos para todos os aspectos avaliados, si se poden propor diferentes tipos de composición dependendo do aproveitamento do cultivo que interese. Ademais, tamén se identificaron algúns materiais como fonte potencial de variación que pode ser utilizada na mellora para a produción de biocombustibles.

En segundo lugar, realizouse unha análise xenética dos distintos aproveitamentos do millo e a composición da parede celular, co obxectivo de comprender que factores xenéticos modulan ditos caracteres e deseñar programas de mellora específicos. Identificáronse diversos marcadores moleculares significativos, aínda que o seu uso en programas de selección asistida por marcadores considérase limitado. Coa información obtida suxírese un novo método, a xa referida selección xenómica.


Podes consultar a noticia no DUVI, nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio usa Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As plantas “falan” entre si? Un equipo galego explora un novo mecanismo de comunicación

Fungos, insectos e compostos volátiles revelan unha rede de conexión química entre vexetais máis complexa do que se pensaba

Dentro do proxecto de Carracedo: como poñer nome ás enfermidades raras de galegos sen diagnóstico

A análise do xenoma completo e o uso de tecnoloxías avanzadas permiten detectar mutacións complexas tras máis dunha década de probas sen resultado

Un proxecto liderado por Carracedo resolve os casos de 18 galegos que levaban 10 anos sen diagnóstico

A iniciativa é un dos eixos da Estratexia Nacional de Medicina Personalizada e conta cunha rede de 110 hospitais e máis de 500 expertos de toda España

Tubío: “O estudo de ‘Science’ abre a porta a terapias que freen os xenes saltóns e eviten o progreso tumoral”

O equipo do CiMUS revela que os transposóns, secuencias móbiles do xenoma, alteran a estrutura cromosómica nas fases iniciais do cancro