Sábado 20 Abril 2024

U-760, o submarino nazi que viviu a Guerra Mundial no porto de Vigo

Ducias de submarinos alemáns da II Guerra Mundial están afundidos en augas fronte a Galicia. Son algunhas das vítimas da batalla do Atlántico entre as mandas de lobos do almirante Karl Doenitz e as armadas aliadas. Pero un deles ten unha historia única. A dun xigantesco golpe de sorte. Que salvou a vida do capitán Blum e dos seus tripulantes a bordo do U-760.

O 8 de setembro de 1943, cando a batalla do Atlántico chegaba ao seu cénit, a tripulación deste somerxible alemán salvou a vida grazas a unha parella de pesqueiros de Bouzas. O buque quedou amarrado no porto vigués da Laxe durante boa parte da contenda, e o seu motor diésel foi desmontado e rematou por converterse no xerador da Compañía de Tranvías en Coruxo. A historia deste lobo solitario foi unha das máis interesantes en Galicia na II Guerra Mundial.

Publicidade

submarino U 760

A aventura final do U-760 comeza o 24 de xuño de 1943, cando abandona a súa base de La Rochelle, na Francia ocupada, baixo o mando do capitán Otto-Ulrich Blum. Durante meses, o somerxible vaga polo Atlántico na procura de convois de subministros aliados.

Falamos dun modelo do tipo VIIC, o que máis fabricou a Kriegsmarine, e que contaba 67 metros de eslora e 6,2 de manga. Equipado con cinco tubos lanzatorpedos, contaba con varios canóns antiaéreos. E a súa autonomía de 15.800 quilómetros garantía que puidese pasar longas tempadas de patrulla.

O ano 1943 xa é un auténtico inferno para a forza submarina nazi. Os avances do radar e dos avións de combate de grande autonomía, como os B-24 Liberator estadounidenses, están a poñer nunha situación crítica aos submarinos do almirante Karl Doenitz.

O U 760 foi atacado por un hidroavión aliado que o deixou á deriva fronte a Galicia

Durante todo o verán, o somerxible do capitán Blum foi incapaz de atacar a ningún navío inimigo. Tiña dabondo con evitar ser descuberto. A finais do mes de xullo, á 150 millas do cabo Fisterra dous hidroavións Consolidated Catalina localizaron ao U-760, que logrou escapar da agresión. Máis tarde, a mediados de agosto, recibiu un novo ataque, no que o U-boot resultou danado, ademais de anotar a baixa do cabo Günter Werner.

Finalmente, o 8 de setembro de 1943, cando tentaba regresar á súa base en La Rochelle, é de novo atacado por un hidroavión. Algunhas fontes afirman que se trataba dun Wellington inglés. Por máis que o capitán Blum ordena unha rápida inmersión, é alcanzado por unha carga de profundidade que obriga a volver a saír á superficie, xa con importantes danos na súa estrutura.

O U-760 queda exposto, esperando ser rematado polo avión inimigo. Pero sorprendentemente aparecen en escena dous avións Messerchmitt alemáns que fan fronte ao hidroavión inimigo. A Luftwaffe sae así ao rescate da Kriegsmarine e permite ao capitán Blum salvar o seu navío, aínda que queda ao pairo, esperando un improbable remolque.

A sorte volve sorrir a Blum e aos seus lobos grises. Porque aparecen dous barcos do barrio mariñeiro vigués de Bouzas, o Salvador Lago e o Novo Florentino Lago, ambos do mesmo armador, que divisan ao submarino cando se dirixían a faenar aos seus caladoiros habituais.

Os capitáns deciden dar remolque ao somerxible, que entra na ría de Vigo, a florte, con visibles danos, arrastrado pola parella pesqueira de Bouzas.

Tripulantes do U 760 en Ferrol.
Tripulantes do U 760 en Ferrol.

A noticia corre pola cidade como un regueiro de pólvora. Curiosamente, non aparece nos xornais da época, pola forte censura imposta no relativo a Guerra Mundial. Pero as autoridades dispoñen todo para acoller a tan incómodo convidado. Mentres os espías aliados e nazis que operan en Vigo comunican o suceso aos seus gobernos. Decontado, chegan mensaxes a Madrid esixindo que non se desa acubillo ao somerxible e que se impida que volva zarpar para incorporarse á guerra.

Hai que lembrar que, neste momento, a situación de Alemaña comeza a ser difícil para calquera observador. Esmagados en Stalingrado e débiles no Mediterráneo, o exército de Hitler fraquea e cada día semella máis claro que a guerra se vai decantar do bando dos aliados. Franco teme agora de verdade as ameazas de Londres ou Washington. Non fora así un ano e medio at´ras, en abril de 1942, cando desoíu as queixas británicas por internar ao U-573 en augas de Cartaxena durante meses. Pero agora é distinto. E a Comandancia de Vigo, tras recibir ordes dende Madrid, apréstase a poñer o submarino baixo arresto do cruceiro Navarra, no peirao da Laxe.

A lei internacional dita que un porto neutral non pode acoller en tempo de guerra a barcos dun país belixerante durante máis de vinte e catro horas. De xeito que, aínda que os traballos de reparación chegan a ser frenéticos, pronto resulta evidente que o U-760 non volverá á batalla. Sería preciso moito tempo para poñelo en orde de combate.

En calquera caso, o capitán Otto Blum, agradecido, agasalla ao armador dos pesqueiros de Bouzas co seu compás e os seus prismáticos, como presente entre cabaleiros do mar. A familia Betanzos, que teñen actualmente un establecemento de efectos navais no barrio mariñeiro vigués, conservan hoxe como un tesouro estes dous obxectos.

Para garantir que o submarino non poida abandonar o porto, ordénase retirar a súa hélice. Sen embargo, un tripulante é sorprendido cando tenta colocar unha nova hélice de madeira que el mesmo ten fabricado.

O U 760 e o cruceiro Navarra.
O U 760 e o cruceiro Navarra.

Finalmente, decídese retirar o motor do submarino, que é trasladado á estación de tranvías do barrio de Coruxo, onde pasará a prestar servizo durante anos, moitos máis aló da fin da II Guerra Mundial.

O 16 de outubro, o comandante Blum e a súa tripulación son trasladados ao porto de Ferrol. No Arquivo Histórico do Ministerio de Asuntos Exteriores consérvanse fotos destes mariños, tomando o sol nas terrazas da base naval ou xogando ao fútbol.

O U-760 pasaría o resto da guerra atracado no peirao da Laxe, no centro de Vigo. Ata que, ao remate da contenda, sería levado para o seu afundimento en augas do Atlántico Norte, dentro da operación Deadlight.

O capitán Blum tería unha longa vida tras da guerra. Morrería en Bona no ano 2002, recordando que foi un lobo gris da Kriegsmarine. E que tivo moita sorte un día de verán no que dous pesqueiros de Vigo acudiron a socorrelo en plena guerra das mandas de lobos de Hitler.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Retiran do porto de Vigo unha cría de balea morta que chocara cunha embarcación

De tres ou catro meses, o animal migraba coa súa nai cando un impacto lle produciu unha grave ferida na columna

Que hai detrás do manto rosado da praia de Bouzas?

Investigadores do Oceanográfico de Vigo e do IIM publican un estudo sobre as bacterias púrpuras que tinguiron o areal de Adro en 2019

#HemerotecadeNadal: Un galego no fondo do mundo: a viaxe de Héctor Salvador á foxa das Marianas

O enxeñeiro lucense chegou ao abismo da Serea no submarino da empresa Triton Submarines, que supón unha revolución no estudo das profundidades

#HemerotecadeVerán Cando Isaac Peral quixo electrificar Galicia

O inventor do submarino eléctrico visitou Vigo e Mondariz, comprou unha mina en Ourense e deseñou saltos de auga no Tea e o Miño