Walter Kutschan, fotografado no momento de ser descuberto polos xornalistas na Arxentina.

Kutschman, o criminal nazi que fuxiu por Vigo… e foi capturado

A rocambolesca historia do xerarca alemán que foi agochado en Galicia coa identidade falsa dun crego para escapar á Arxentina

Ao remate da II Guerra Mundial, foi activada a operación ‘Die Spinne‘. En alemán: a “araña”. O seu obxectivo era evacuar aos xerarcas nazis cara a destinos seguros, especialmente no santuario americano, onde crearan unha rede de acollida.

España participou activamente nesta operación, coa colaboración pouco disimulada do franquismo e a participación de importantes cadros da igrexa católica. Centos de criminais de guerra escaparon grazas á rede, que lles proporcionaba cartos, salvoconductos e documentación falsa. E, tamén, unha nova identidade no seu destino que os mantivese afastados da xustiza dos aliados e, máis tarde, dos servizos secretos de Israel.

O porto de Vigo non foi alleo a esta rede e dos seus peiraos saíron ducias de criminais nazis en trasatlánticos cara a América. De feito, o seu caso máis paradigmático é o do criminal Walter Kutschman, que residiu na cidade baixo identidade falsa e foi evacuado nun transatlántico cara a Arxentina en 1947.

Cruceiro Monte Amboto, da navieira Aznar, no que fuxiu Kutschman.

Kutschman fora un dos xefes da Gestapo en Polonia, autor material en 1943 dunha matanza de 1.500 xudeus e responsable policial en campos como Auschwitz, Lublin ou Treblinka.

Pero, desde 1945, pasou a ser un veciño vigués chamado Pedro Ricardo Olmo Andrés, sacerdote católico que comentaba que o seu acento alemán proviña de residir longo tempo na neutral Suíza.

O criminal nazi falaba español, xa que en 1937 combatera coa Luftwaffe na Lexión Cóndor, a forza de combate que Hitler enviou á Guerra Civil en apoio dos fascistas españois. É probable que, en 1939, desfilase polas rúas de Vigo cando as tropas xermanas foron embarcadas de volta a Alemaña.

Tras a derrota nazi, Kutschman atopou bos amigos en Vigo. Aquí operaban axentes nazis durante toda a contenda, había un partido nazi organizado (coa súa sección das Xuventudes Hitlerianas), e un conglomerado de empresas do consorcio alemán Sofindus, gobernadas por homes de palla que, na súa meirande parte, eran tamén axentes nazis.

En Vigo operaba unha rede de espionaxe nazi que protexeu a Kutschman e a outros fuxidos

Ademais, o porto vigués era unha saída natural cara á Arxentina, coas rutas de transatlánticos que todas as semanas zarpaban aos principais portos americanos. Para rematar, en 1947, o goberno de Juan Domingo Perón abrira as portas do seu país á entrada dos nazis que fuxían de Europa.

Grazas aos contactos da rede Die Spinne coa Igrexa católica, que Kutschman recibiu documentación falsa, que rezaba: “Pedro Ricardo Olmo Andrés. Nacido en Ciudad Real o 19-10-1906. Fillo de Santiago e de Juana. Profesión: Relixioso”

O curioso do caso é que este sacerdote existía. Houbo un Pedro Ricardo Olmo Andrés cuxa tumba atopamos no cemiterio da Almudena, en Madrid. Pero a administración da Igrexa duplicou a súa documentación para dar acubillo ao criminal nazi. Algo que non era raro nesta época…

En Italia, son ben coñecidas as actividades do bispo austríaco residente en Roma Alois Hudal, admirador de Hitler, quen ao remate da guerra axudou a evacuar a numerosos xerarcas nazis. Mosteiros e igrexas controlados por Hudal deron refuxio aos criminais de guerra. Por exemplo, grazas a esta rede o doutor Joseph Mengele escapou a América dende Xénova baixo a identidade falsa de Helmut Gregor.

Nova da detención de Kutschman.

Con Kutschman pasou algo parecido en España, onde o bispo Eijo Garay, vigués, tramitou numerosos salvoconductos para nazis fuxidos tras a guerra a través do Instituto Nacional de Moeda Estranxeira, en Madrid, segundo consta na abundante documentación que se conserva no Arquivo Histórico do Ministerio de Asuntos Exteriores.

Así que Kutschman puido residir en Vigo como o cura Pedro Ricardo Olmo, esperando a súa oportunidade de fuxir a América. Esta chegou en decembro de 1947, cando finalmente embarcou no cruceiro “Monte Amboto“, da naviera Aznar, e emigrou a Bos Aires.

Non foi, nin moito menos, o único. Está documentada a saída desde Vigo de oficiais nazis como Erich Mueller, alto cargo do Ministerio de Propaganda; Friedrich Rauch, oficial das Waffen-SS; ou Fridolin Futh, xefe da Gestapo en Francia.

Kutschman empregou a identidade falsa dun crego: Pedro Ricardo Olmo Andrés

O profesor Hodger Meding, da Universidade de Colonia (Alemaña), na súa obra “O santuario suramericano”, afirma: “Aínda que algúns utilizaron o porto de Xénova, a maior parte das reservas saían polo porto de Vigo, en España”.

Na Arxentina, Kutschman nunca abandonará a súa identidade falsa de Ricardo Olmo. Pasará a traballar para a empresa de iluminación Osram. A súa muller, Geralda Baeumler de Olmo, de orixe alemá pero que coñeceu na Arxentina, presidiu unha protectora de animais en Bos Aires. Durante décadas a súa vida foi de total normalidade, integrado na comunidade e mantendo o nome falso dun crego que lle facilitaran en España.

Anos despois, en 1975, o “caza nazis” Simón Wiesenthal descubriu que Ricardo Olmo era Walter Kutschmann e denunciouno en Viena. Fuxido de novo ata 1984, foi localizado por uns xornalistas. É indescritible a foto da súa expresión de terror cando abre a porta aos reporteiros e sábese descuberto.

Documento falso de identidade co que Kutschman saiu de Vigo cara a Arxentina.

O criminal nazi é detido, pero a súa extradición demórase. Un tribunal alemán razoa a súa petición e identifícao no auto xudicial como “oficial das SS durante a Segunda Guerra Mundial; estivo destacado tamén como membro da Gestapo na rexión sudoccidental de Ucraína, chamada Galitzia, na que se lle imputa comandar o exterminio de numerosos habitantes israelitas da rexión, nas cidades de Drohobycz e Tarnopol, durante os anos 1941 e 1942, en execución dos plans que levou a cabo o réxime criminal do nazismo para a liquidación do pobo xudeu”.

Pero, en 1986, días antes de ser extraditado, faleceu dun infarto nun hospital penal de Bos Aires. Non morreu como o sacerdote Ricardo Olmo que durante un tempo soñou viviu en Galicia esperando un trasatlántico para fuxir dende o porto de Vigo. Morreu como Walter Kutschman, un carniceiro, un criminal. Morreu sabendo que o mundo coñecía os seus crimes.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.