Ao remate da II Guerra Mundial, foi activada a operación ‘Die Spinne ‘. En alemán: a “araña”. O seu obxectivo era evacuar aos xerarcas nazis cara a destinos seguros, especialmente no santuario americano , onde crearan unha rede de acollida.
España participou activamente nesta operación, coa colaboración pouco disimulada do franquismo e a participación de importantes cadros da igrexa católica. Centos de criminais de guerra escaparon grazas á rede, que lles proporcionaba cartos, salvoconductos e documentación falsa. E, tamén, unha nova identidade no seu destino que os mantivese afastados da xustiza dos aliados e, máis tarde, dos servizos secretos de Israel.
O porto de Vigo non foi alleo a esta rede e dos seus peiraos saíron ducias de criminais nazis en trasatlánticos cara a América. De feito, o seu caso máis paradigmático é o do criminal Walter Kutschman , que residiu na cidade baixo identidade falsa e foi evacuado nun transatlántico cara a Arxentina en 1947.
Cruceiro Monte Amboto, da navieira Aznar, no que fuxiu Kutschman.
Kutschman fora un dos xefes da Gestapo en Polonia , autor material en 1943 dunha matanza de 1.500 xudeus e responsable policial en campos como Auschwitz, Lublin ou Treblinka.
Pero, desde 1945, pasou a ser un veciño vigués chamado Pedro Ricardo Olmo Andrés , sacerdote católico que comentaba que o seu acento alemán proviña de residir longo tempo na neutral Suíza.
O criminal nazi falaba español, xa que en 1937 combatera coa Luftwaffe na Lexión Cóndor , a forza de combate que Hitler enviou á Guerra Civil en apoio dos fascistas españois. É probable que, en 1939, desfilase polas rúas de Vigo cando as tropas xermanas foron embarcadas de volta a Alemaña.
Tras a derrota nazi, Kutschman atopou bos amigos en Vigo. Aquí operaban axentes nazis durante toda a contenda, había un partido nazi organizado (coa súa sección das Xuventudes Hitlerianas), e un conglomerado de empresas do consorcio alemán Sofindus , gobernadas por homes de palla que, na súa meirande parte, eran tamén axentes nazis.
En Vigo operaba unha rede de espionaxe nazi que protexeu a Kutschman e a outros fuxidos
Ademais, o porto vigués era unha saída natural cara á Arxentina, coas rutas de transatlánticos que todas as semanas zarpaban aos principais portos americanos. Para rematar, en 1947, o goberno de Juan Domingo Perón abrira as portas do seu país á entrada dos nazis que fuxían de Europa.
Grazas aos contactos da rede Die Spinne coa Igrexa católica, que Kutschman recibiu documentación falsa, que rezaba: “Pedro Ricardo Olmo Andrés . Nacido en Ciudad Real o 19-10-1906. Fillo de Santiago e de Juana. Profesión: Relixioso”
O curioso do caso é que este sacerdote existía. Houbo un Pedro Ricardo Olmo Andrés cuxa tumba atopamos no cemiterio da Almudena, en Madrid. Pero a administración da Igrexa duplicou a súa documentación para dar acubillo ao criminal nazi. Algo que non era raro nesta época…
En Italia, son ben coñecidas as actividades do bispo austríaco residente en Roma Alois Hudal , admirador de Hitler, quen ao remate da guerra axudou a evacuar a numerosos xerarcas nazis. Mosteiros e igrexas controlados por Hudal deron refuxio aos criminais de guerra. Por exemplo, grazas a esta rede o doutor Joseph Mengele escapou a América dende Xénova baixo a identidade falsa de Helmut Gregor .
Nova da detención de Kutschman.
Con Kutschman pasou algo parecido en España, onde o bispo Eijo Garay , vigués, tramitou numerosos salvoconductos para nazis fuxidos tras a guerra a través do Instituto Nacional de Moeda Estranxeira , en Madrid, segundo consta na abundante documentación que se conserva no Arquivo Histórico do Ministerio de Asuntos Exteriores.
Así que Kutschman puido residir en Vigo como o cura Pedro Ricardo Olmo , esperando a súa oportunidade de fuxir a América. Esta chegou en decembro de 1947, cando finalmente embarcou no cruceiro “Monte Amboto “, da naviera Aznar, e emigrou a Bos Aires.
Non foi, nin moito menos, o único. Está documentada a saída desde Vigo de oficiais nazis como Erich Mueller , alto cargo do Ministerio de Propaganda; Friedrich Rauch , oficial das Waffen-SS; ou Fridolin Futh , xefe da Gestapo en Francia.
Kutschman empregou a identidade falsa dun crego: Pedro Ricardo Olmo Andrés
O profesor Hodger Meding , da Universidade de Colonia (Alemaña), na súa obra “O santuario suramericano”, afirma: “Aínda que algúns utilizaron o porto de Xénova, a maior parte das reservas saían polo porto de Vigo, en España”.
Na Arxentina, Kutschman nunca abandonará a súa identidade falsa de Ricardo Olmo. Pasará a traballar para a empresa de iluminación Osram. A súa muller, Geralda Baeumler de Olmo , de orixe alemá pero que coñeceu na Arxentina, presidiu unha protectora de animais en Bos Aires. Durante décadas a súa vida foi de total normalidade, integrado na comunidade e mantendo o nome falso dun crego que lle facilitaran en España.
Anos despois, en 1975, o “caza nazis” Simón Wiesenthal descubriu que Ricardo Olmo era Walter Kutschmann e denunciouno en Viena. Fuxido de novo ata 1984, foi localizado por uns xornalistas. É indescritible a foto da súa expresión de terror cando abre a porta aos reporteiros e sábese descuberto.
Documento falso de identidade co que Kutschman saiu de Vigo cara a Arxentina.
O criminal nazi é detido, pero a súa extradición demórase. Un tribunal alemán razoa a súa petición e identifícao no auto xudicial como “oficial das SS durante a Segunda Guerra Mundial ; estivo destacado tamén como membro da Gestapo na rexión sudoccidental de Ucraína, chamada Galitzia, na que se lle imputa comandar o exterminio de numerosos habitantes israelitas da rexión, nas cidades de Drohobycz e Tarnopol, durante os anos 1941 e 1942, en execución dos plans que levou a cabo o réxime criminal do nazismo para a liquidación do pobo xudeu”.
Pero, en 1986, días antes de ser extraditado, faleceu dun infarto nun hospital penal de Bos Aires . Non morreu como o sacerdote Ricardo Olmo que durante un tempo soñou viviu en Galicia esperando un trasatlántico para fuxir dende o porto de Vigo. Morreu como Walter Kutschman , un carniceiro, un criminal. Morreu sabendo que o mundo coñecía os seus crimes.