Xoves 25 Abril 2024

Os premios Spin-Off PuntoGal entréganse o mércores nun acto na Cidade da Cultura

A sala Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia albergará o próximo mércores, 16 de decembro, o acto de entrega dos IV Premios Spin-Off PuntoGal no que resultaron gañadoras as empresas Orballo (Selo de Calidade) e Psico VR (Idea Emerxente), ademais do Grupo VARPA na categoría de Grupos de Investigación. A empresa Data Monitoring foi finalista no apartado de Idea Emerxente.

O acto contará coa presenza de destacadas autoridades institucionais e académicas pero dadas as limitacións de aforo existentes non estará aberto ao público en xeral. Durante a cerimonia de entrega de premios os galardoados recibirán unha peza conmemorativa exclusiva deseñada polo artista galego Gran Sátrapa ademais de diplomas acreditativos e subscricións ao dominio PuntoGal.

Publicidade

O certame,  organizado polo Dominio PuntoGal e o portal GCiencia e que  conta co apoio da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis, recoñece as iniciativas empresariais e de grupos de investigación máis innovadoras xurdidas no ámbito das tres universidades galegas.

Os premios contan con tres categorías: Selo de Calidade, Idea Emerxente e Grupos de Investigación. Na primeira foi designada gañadora polo xurado a empresa Orballo, asentada na comarca das Mariñas coruñesas, e dedicada a produción e comercialización de produtos ecolóxicos de orixe galega. O xurado destacou a súa aposta innovadora polo desenvolvemento do sector rural galego e a consolidación dunha cifra de negocio e dun mercado nacional e internacional.

No apartado Idea Emerxente a gañadora foi a empresa Psico VR que traballa no campo da Realidade Virtual e que desenvolve actualmente diversos proxectos para empresas e institucións de prestixio. Entre as razóns para a concesión do premio, o xurado referiuse ás solucións aportadas pola empresa para necesidades coma a atención sanitaria e o coidado das persoas maiores. Nesta categoría obtivo unha mención coma finalista a empresa lucense Data Monitoring, que desenvolve ferramentas informáticas para aplicar en diversos sectores produtivos.

Finalmente, no apartado de grupos de investigación o gañador foi o Grupo VARPA, adscrito á Universidade de A Coruña, e que traballa dende hai anos no desenvolvemento de programas informáticos para a telemedicina. Neste campo o grupo conta con contratos, patentes e publicacións moi destacadas.

Nesta IV edición dos premios presentaron candidaturas preto de quince empresas e grupos de investigación de diversos sectores. O xurado, no que se encontraban investigadoras galegas de prestixio e un representante da Secretaría Xeral de Universidades, destacou especialmente a alta calidade de tódalas propostas presentadas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Desmontando Mitos en catro minutos, o novo pódcast da colaboración de Gciencia coa Fecyt

O xornal da ciencia estrea este sábado a cuarta temporada da serie creada para combater falsas crenzas
00:05:26

Gciencia fai 10 anos

O portal da ciencia culmina dez días de celebracións polo seu décimo aniversario

Máis xornalismo e máis divulgación

Editorial de Gciencia polo seu décimo aniversario