Dous rapaces das Xuventudes Hitlerianas, nun acto en Vigo en 1939.

Así se divertían por Galicia as Xuventudes Hitlerianas

Unha delegación das mocidades de Hitler fundouse en Vigo antes da II Guerra Mundial perfectamente integrados na vida social

Xuventudes Hitlerianas en Galicia. Así é: as mocidades do nazismo non foron exclusivas de Alemaña e formaron un grupo na cidade de Vigo en 1939, meses antes do estourido da II Guerra Mundial.

O 26 de maio de 1939, case cinco mil soldados da Lexión Cóndor desfilaban por Vigo antes de embarcar de volta cara ao porto de Hamburgo, tras axudar a Franco a gañar a guerra dándolle supremacía aérea e protagonizando barbaries como o bombardeo de Guernica. Tres meses máis tarde, aquel mesmo exército invadiría Polonia e desataría a Segunda Guerra Mundial.

Pero aquela foi unha despedida festiva e miles de vigueses aclamáronos nas rúas, brazo no alto, “entoando vivas a Alemaña e ao seu caudillo Hitler”, como reflectía a prensa da época.

Entre aquela masa que despedía aos nazis, destacaban uns nenos vigueses perfectamente uniformados e saudando marcialmente ao berro de Heil Hitler. Eran a sección viguesa das Xuventudes Hitlerianas, fundada no Colexio Alemán anos antes, por indicación do cónsul alemán en Vigo, Richard Kindling, que era tamén o xefe do Partido Nacionalsocialista ( NSDAP) xunto ao empresario Conrad Meyer.

Nova sobre actividades das Xuventudes Hitlerianas en Vigo, en El Pueblo Gallego.

Vigo acollía a unha nutrida colonia alemá antes da II Guerra Mundial. Moitos deles chegaran fuxindo da miseria durante a República de Weimar. E unha parte traballaba desde 1896 no Deutsch Atlantische Telegraphengesellchaft, o Cable Alemán, un nó crave nas comunicacións do Reich que tiña unha importante sede en Vigo.

Así que os fillos daqueles xermanos, con maior ou menor entusiasmo, se enrolaron nas mocidades Hitlerianas, perfectamente integradas na vida social local. Consérvase unha ilustrativa foto nas que dous nenos pousan firmes xunto á bandeira nazi nun salón ante o comandante militar de Vigo, Felipe Sánchez, e os xerarcas nazis Kindling e Meyer.

O desfile da Lexión Cóndor en 1939 entre as rúas Colón e Urzaiz, en Vigo.

Anos máis tarde, Franco tería que ocultar as súas pasadas simpatías por Hitler, nun intento de disimular tras a vitoria dos aliados na guerra. Pero, nos días felices previos ao bombardeo de Danzig, en setembro de 1939, o mundo hitleriano considerábase dentro da máis absoluta normalidade.

Así o demostra a excursión ás illas Cíes que as Xunventudes Hitlerianas celebraron en xuño de 1939, acompañados das mocidades falanxistas das Flechas y Pelayos.

A xornada comezou cunha misa na igrexa de Santiago de Vigo dirixida polo padre Ramos. “Unha vez finalizado o relixioso acto, as autoridades revistarán as citadas Lexións de Flechas y Pelayos e acto seguido por un pequeno camarada seralle lido ao Comandante militar da praza unha mensaxe de gratitude que dirixe a Organización Xuvenil de Vigo ao glorioso Exército español polo final vitorioso da guerra”, narra El Pueblo Gallego.

Os rapaces, perfectamente uniformados e coa cruz gamada, entoaban en Vigo vivas a Hitler

O diario continúa: “Os Flechas y Pelayos dirixiranse cara ao Fogar Alemán, na rúa do Príncipe, onde recollerán aos seus compañeiros os camaradas da Xuventude Hitleriana, en compañía dos cales se dirixirán ao peirao para embarcar nos vapores que os conduzan ás illas Cíes”. O artigo péchase cun sonoro ‘Arriba España!’

A crónica da visita dá conta da natureza da excursión: “Á chegada ás illas Cíes izáronse as bandeiras española, alemá e do Movemento polo xefe en España das Mocidades Hitlerianas, sr. Ehlers, e o Xefe da Lexión de Frechas, camarada Sánchez Clemente. Houbo xogos, cancións alemás e españolas, baño e bromas. Ás 18.00 arriaron as bandeiras cantándose os himnos de ambos os movementos”.

O xornalista engade con ardor: “Actos como este deben repetirse con frecuencia, xa que fomentan a práctica ao aire libre na educación corporal dos nenos e serven para estreitar as relacións fraternais que nos unen cos países amigos”.

Dous meses máis tarde, a Guerra Mundial desataríase e, no seu parte final, Hitler enviaría mesmo a nenos a combater na fronte. Ou a defender Berlín ante o avance final soviético. Daquel horror –un máis- con que o genocida despedía os seus últimos días, libráronse os nenos vigueses das Xuventudes Hitlerianas e as súas felices excursións en Galicia.

E aquí podes ler máis sobre a relación entre o III Reich e Galicia:

O volframio galego de Don Federico Guillermo

3 COMENTÁRIOS

  1. Estudié en el colegio Alemán de Vigo durante 10 años. Todos los cursos entre 1963-64, no recuerdo exactamente hasta el 73 o 74. A pesar de su pasado, fue un excelente colegio. Mixto desde el primer curso, con muy pocos alumnos por curso, sin masificaciónes, liberal en su educación , sobre todo comparado con el español plagado de curas y monjas en aquellos años, con notable nivel educativo, muchas actividades deportivas y culturales, con profesorado español y alemán nativo. Tengo un excelente recuerdo. Otro tema es su actividad y cometido durante los años del dominio nazi. Lamentables años por su trascendencia e influencia en tantos millones de personas.

  2. As tropas que aparecen na foto non son da lexión Condor senon do Panzergruppe Drohne. Se a lexión Condor contaba con pilotose avións, o panzer gruppe Drohne contaba con camións e vehículos de transporte, artillería, antiaéreos e carros blindados Panzer I asi como mecánicos, técnicos e intructores que deron entrenamento as tropas do bando sublevado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.