A traxedia do Titanic, cos seus 1.514 mortos, palidece ante o drama do Wilhelm Gustloff, o transatlántico que protagonizou o maior naufraxio da historia, con case dez mil mortos. Ocupado por alemáns, na súa maioría mulleres e civís, que fuxían de Polonia ante o avance soviético, foi afundido por un submarino no último ano da II Guerra Mundial.
A historia deste cruceiro de recreo alemán non ten o “glamour” do Titanic nin dá para películas con Leonardo DiCaprio. En realidade, foi un drama moi sórdido entre as barbaridades do último ano da contenda: 1945, probablemente o peor da historia da Humanidade, que rematou co lanzamento de dúas bombas atómicas contra a poboación civil en Xapón. Un documental alemán sobre o Wilhelm Gustloff foi titulado “O Titanic silenciado”. E o certo é que a súa historia é pouco coñecida polo gran público. Como, tampouco, a traxedia do “Cap Ancona”, do mesmo ano, na que os nazis embarcaron a miles de xudeus nun transatlántico e izaron a bandeira de guerra, para que fose bombardeado e afundido polos aliados.

O cruceiro en Vigo
Hai pouca épica nestas cousas, pouco do que un ser humano poida sentirse orgulloso. Pero nada facía presaxiar o drama só cinco anos antes do afundimento, o 25 de maio de 1939, cando o cruceiro Wilhelm Gustloff entra na ría de Vigo, engalanado e tocando as súas buguinas, aclamado con aplausos polos vigueses nos peiraos.
O trasatlántico formaba parte da frota que evacuará cara a Alemaña desde Vigo á Lexión Cóndor, a forza que Hitler enviou a Franco para reforzalo na Guerra Civil. Seis mil soldados da Luftwaffe e da Wehrmacht, que entre os seus “méritos” contan o bombardeo de Guernica, son recibidos con entusiasmo na estación de trens e acompañados nos seus desfiles pola cidade.
O alcalde, Súarez Llanos, ofrece unha recepción ao xefe da Lexión Cóndor, Von Richtoffen, familiar do famoso “Barón Vermello”. O líder nazi entrega á cidade de Vigo un retrato de Adolf Hitler, para que sexa colgado na casa consistorial. E o rexedor vigués envía “afectuosos e fraternais saúdos de Vigo a Alemaña e ao seu Caudillo Hitler”.
Os xornais da época desfanse en eloxios cos alemáns. E marabíllanse, tamén, cos transatlánticos que chegaron á ría, entre os que destaca o soberbio Wilhelm Gustloff. Botado en Hamburgo en 1937, o cruceiro é un prodixio da enxeñería, dotado dos maiores adiantos. Nos seus 208 metros de eslora (dous campos de fútbol), hai espazo para todos os luxos.
Tan orgullosos estaban os nazis do seu cruceiro, que quixeron bautizalo como “Adolf Hitler” pero, segundo a propaganda oficial, o Führer (tan modesto el) se negou.
O barco pertencía á organización “A Forza pola Ledicia”, un programa de vacacións nacionalsocialistas, co que os obreiros alemáns podían facer viaxes de recreo a baixo prezo. O 25 de maio embarcan os seis mil soldados alemáns nos cinco transatlánticos. A Filmoteca de Alemaña conserva unha película na que se ve aos lexionarios Cóndor na Laxe, subindo aos botes. Días máis tarde, son recibidos en Hamburgo como heroes polo mariscal Göering.
Pouco tempo tería o Wilhelm Gustloff para seguir facendo cruceiros de recreo. En setembro, empeza a guerra e é convertido en buque hospital. Pero, a finais de 1944, o almirante Karl Dönitz ordena pintalo de gris e facelo buque de transporte.
Son moitos os altos mandos do Reich que saben que a guerra está perdida. Só Hitler e os seus máis fanáticos seguidores cren na vitoria. Os aliados avanzan polo Oeste, pero, sobre todo, os soviéticos están a esmagar á Wehrmacht no Leste. Así que se deseña a Operación Aníbal, para evacuar aos alemáns en Polonia.
En Danzig (hoxe Gdansk), o Wilhelm Gustloff comeza a embarcar alemáns. Hai 70.000 atrapados nese porto. E sete millóns marchan a pé polo corredor de Prusia Oriental, perseguidos polos rusos.
Tras embarcar soldados e civís en varios portos, o buque partiu cara a Alemaña o 30 de xaneiro de 1945, ateigado con case 11.000 pasaxeiros a bordo, cando foi deseñado para 2.000.
No medio do Báltico, foi localizado polo submarino soviético S-13, ás ordes do capitán Alexander Marinesco, quen ordenou disparar. O barco xa non ía pintado como buque hospital e sobre este tema aínda pervive a controversia. Poucos cren que Marinesco non sabía que estaba a afundir un barco con pasaxe civil. Non debería ter sido un obxectivo militar.

Tres torpedos rebentaron ao transatlántico e case dez mil persoas morreron afogadas nas augas xeadas. É a maior catástrofe marítima da historia. Como o feito resultou incómodo (os civís a bordo eran maioría de nenos e mulleres) o Alto Mando Naval de Leningrado demorou a concesión a Marinesco do título de “Heroe da Unión Soviética”, que reclamaba por este afundimento e tamén polo do buque “Xeneral Von Stauben”. En total, en dez días provocara el só, co seu submarino, 13.840 mortos.
Pero o capitan Marinesco foi acusado de alcoholismo e “carácter pendencieiro” e rematou recluído nun campo en Siberia. A súa fazaña resultaba incluso incómoda en medio do remate da guerra.
O Wilhelm Gustloff queda como a maior traxedia naval xamais rexistrada. Seis veces máis grande que a do “Titanic”. Pero tan sórdida que permanece esquecida. Ninguén en Vigo, aquel maio solleiro de 1939, podía imaxinar que aquel luxoso transatlántico remataría nun monstruoso drama, o mesmo que viviu o mundo enteiro na II Guerra Mundial.